A Universidade de Santiago de Compostela (USC) fixo público o primeiro adianto de participación nas eleccións á reitoría, correspondente ás 12:00 desta xornada de votación electrónica. Segundo os datos facilitados pola institución, o seguimento do proceso presenta porcentaxes distintas segundo o sector da comunidade universitaria.
No Sector I, correspondente ao profesorado doutor con vinculación permanente, a participación sitúase no 57,6%, sendo o colectivo que rexistra unha maior mobilización nas primeiras horas da mañá. No Sector IV, integrado polo persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), a cifra acada o 49,6%.
Pola súa banda, no Sector II, que inclúe as restantes categorías de persoal docente e investigador, a participación é do 35%, mentres que no Sector III, correspondente ao estudantado matriculado en titulacións oficiais, o seguimento provisional elévase ao 10,7%, o máis baixo a estas horas da mañá como adoita ser habitual.
No ano 2022, ás 16:00 a participación era menor nos sectores II e III. Porén, con respecto ás últimas eleccións con máis dunha candidatura, que foron as que enfrontaron en 2018 a Antonio López e Juan Viaño, o resultado do sector III, o do estudantado, que historicamente é o que menos se moviliza nestes procesos, foi moito menor ás 15:30 que o acadaba hoxe ás 12:00, dun 7,6 % no 2018 fronte ao 10,7% deste 2026.
As urnas dixitais permanecerán abertas ata as 18:00, segundo a comunicación remitida pola secretaría xeral da USC. O voto pode emitirse a través da plataforma habilitada pola universidade, accesible mediante identificación persoal coas credenciais institucionais. A universidade lembrou que o sistema require acceso individualizado para garantir a validez do procedemento.
Ao longo da tarde está previsto un novo adianto de participación ás 16:00, que poderá consultarse na páxina oficial de seguimento do proceso electoral. Unha vez pechada a votación e realizado o escrutinio electrónico, publicaranse os resultados definitivos na web institucional.
A elección da nova reitora constitúe un dos procesos centrais no calendario da institución académica, ao determinar a dirección da universidade nos vindeiros anos.
Coincidindo coa votación á reitoría, tamén se celebran as eleccións ao Claustro Universitario, máximo órgano de representación da comunidade académica, que se renova cada catro anos e no que están presentes os distintos sectores da USC. Ambos procesos desenvólvense mediante o sistema de voto electrónico activado para a xornada de hoxe.

