InicioSANTIAGOO Consello do Estudantado da USC reclama ás candidatas á Reitoría que...

O Consello do Estudantado da USC reclama ás candidatas á Reitoría que centren a campaña nas demandas do alumnado

O órgano de representación estudantil convoca dous debates específicos en Lugo e Santiago para abordar servizos, vivenda, participación, igualdade e mobilidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consello do Estudantado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), máximo órgano de representación do alumnado, fixo un chamamento público a todas as candidatas á Reitoría para que incorporen de maneira central nas súas campañas as necesidades e propostas do colectivo estudantil.

Segundo sinala o Consello, os primeiros actos da campaña electoral, así como algúns debates xa celebrados, deixaron en segundo plano as problemáticas do alumnado. O órgano estudantil lembra que o estudantado é un colectivo fundamental da institución, tanto polo seu peso na vida universitaria como pola súa relevancia no voto ponderado do proceso electoral.

Co obxectivo de garantir que as demandas do alumnado sexan escoitadas e debatidas, o Consello do Estudantado anunciou a organización de dous debates específicos, centrados exclusivamente nas cuestións que afectan ao estudantado da USC. Nestes encontros participarán tanto as candidatas á Reitoría como as persoas propostas para asumir as vicerreitorías con competencias en estudantes.

O primeiro dos debates celebrarase no campus de Lugo, o martes 4 de febreiro, ás 18:00, no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. A sesión estruturarase en catro bloques temáticos: servizos, bolsas e axudas; normativa de permanencia, asistencia e avaliación; igualdade, diversidade e atención psicolóxica, e mobilidade e vivenda en Lugo.

O segundo encontro terá lugar no campus de Santiago, o mércores 5 de febreiro, tamén ás 18:00, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais. Neste caso, os bloques abordarán a participación estudantil e o asociacionismo, a calidade, a lingua, cultura e deportes, así como a mobilidade e a vivenda en Santiago.

Dende o Consello do Estudantado sublíñase que estes debates pretenden ofrecer un espazo específico de diálogo no que as candidatas poidan presentar propostas concretas orientadas a mellorar a vida dos arredor de 25.000 estudantes da USC. A entidade considera que non é suficiente limitar este tipo de reflexións a encontros puntuais e entende que as cuestións estudantís deberían estar presentes en todos os actos de campaña.

O órgano de representación estudantil indica tamén que a convocatoria destes debates responde á necesidade de evitar que o alumnado quede relegado a un papel secundario nunhas eleccións que marcarán o futuro da universidade, ao tempo que busca fomentar a participación estudantil no proceso electoral.

Finalmente, o Consello do Estudantado convidou aos medios de comunicación a difundir e cubrir estes debates, aos que define como unha oportunidade para coñecer as propostas reitorais desde a perspectiva do colectivo que constitúe a razón de ser da Universidade de Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

A alcaldesa anuncia a candidatura de Santiago a Capital Europea da Ciencia en 2028 e a suspensión do prazo do contrato de transporte

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a Axencia...

Lola Índigo, Afrojack, Guitarricadelafuente ou Ortiga, algúns dos artistas que completan o cartel do Son do Camiño 2026

O festival O Son Do Camiño avanza cara a un novo sold out logo de...

O subministro eléctrico en Santiago recupera a normalidade tras dúas avarías provocadas polo temporal

O subministro eléctrico en Santiago de Compostela recobrou a normalidade na madrugada deste venres...

O TSXG absolve un home condenado por agresión sexual a unha menor ao apreciar dúbidas no testemuño

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou o recurso de apelación presentado por un...

O TSXG absolve un home condenado por agresión sexual a unha menor ao apreciar dúbidas no testemuño

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou o recurso de apelación presentado por un...

A USC e o IDIS conclúen que crear un modelo de consulta telemática “reduce a carga dos hospitais”

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Instituto de Investigación...

A alcaldesa de Santiago anuncia unha plataforma elevada no cruzamento do Hórreo con Gómez Ulla para priorizar ao peón

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este mércores nunha visita ás obras do...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here