InicioSANTIAGORosa Crujeiras expón á alcaldesa a súa proposta para reforzar a colaboración...

Rosa Crujeiras expón á alcaldesa a súa proposta para reforzar a colaboración estratéxica entre a USC e Santiago

A candidata á reitoría trasladou a Goretti Sanmartín un conxunto de liñas de traballo para integrar de forma estable a universidade nas políticas urbanas, sociais, culturais e económicas da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

A catedrática de Matemáticas e candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, mantivo este martes un encontro de traballo coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no que abordaron diferentes propostas para institucionalizar e reforzar a colaboración estratéxica entre a universidade e a cidade. A xuntanza situou a USC como un axente activo no proxecto urbano compostelán, con capacidade para contribuír desde o coñecemento académico aos grandes debates de futuro.

Durante a reunión, Crujeiras expuxo a súa vontade de afondar no papel institucional da USC nos espazos de gobernanza e diálogo da cidade, coa participación directa da universidade na definición de políticas urbanas, patrimoniais, sociais e culturais. Segundo se trasladou no encontro, a proposta pasa por consolidar unha presenza estable da institución académica nos ámbitos de reflexión estratéxica de Santiago. Pola súa banda, a alcaldesa salientou a relevancia de contar cunha universidade implicada coa cidade e co país, que participe na construción dun modelo urbano sustentable, inclusivo e con identidade propia.

No eido do desenvolvemento económico e da innovación, ambas partes analizaron o papel da USC como motor de diversificación das bases produtivas de Santiago, a través da transferencia de coñecemento, da formación ao longo da vida e da xeración de emprego cualificado. Neste contexto, a candidata á reitoría propuxo impulsar un estudo periódico e rigoroso sobre o impacto económico da universidade na cidade, co obxectivo de cuantificar a súa contribución ao emprego, á actividade económica e ao desenvolvemento local.

A integración dos campus universitarios na planificación urbana e patrimonial foi outro dos asuntos centrais da xuntanza. Destacouse o valor do Campus Sur como parte relevante do patrimonio histórico e paisaxístico compostelán, así como a necesidade de promover actuacións conxuntas para a súa conservación, mellora e apertura á cidadanía. Estas iniciativas articularíanse en coordinación con entidades como o Consorcio de Santiago e o Real Padroado de Santiago, co fin de favorecer o uso dos espazos universitarios como ámbitos de convivencia, cultura e vida comunitaria.

En materia de cohesión social, inclusión e vivenda, o encontro permitiu identificar retos compartidos, como o acceso á vivenda do estudantado, o envellecemento da poboación ou o reforzo do tecido comunitario. Neste marco, púxose sobre a mesa a posibilidade de desenvolver programas conxuntos de convivencia interxeracional, voluntariado universitario e proxectos de aprendizaxe-servizo con enfoque social.

A reunión tamén abordou a coordinación de políticas ambientais e de mobilidade sustentable, entendendo universidade e cidade como un sistema interdependente á hora de reducir emisións, promover a economía circular e avanzar na adaptación ao cambio climático. Finalmente, destacouse a importancia de reforzar a presenza cultural e científica da USC para contribuír a unha Compostela coñecedora, viva e con memoria, máis alá do consumo, como elemento clave para o futuro compartido da cidade.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here