O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron este mércores un convenio de colaboración para a creación dun laboratorio compartido de computación cuántica en Santiago de Compostela. O acordo establece a cooperación entre o Centro de Supercomputación de Galicia e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, co obxectivo de desenvolver tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear.
O proxecto, presentado tras a sinatura no propio IGFAE, conta cun investimento total de 2,2 millóns de euros, financiados a través do PERTE Chip, fondos propios da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e achegas do propio instituto investigador. A iniciativa prevé a posta en marcha do Quantum Computing Lab a mediados deste ano.
Segundo se explicou, o novo laboratorio situarase na sede do IGFAE, no Campus Sur da USC, e combinará a capacidade teórica, experimental e de instrumentación deste centro coa infraestrutura avanzada de computación do CESGA. A colaboración permitirá integrar investigación fundamental e desenvolvemento tecnolóxico nun mesmo espazo, orientado a liñas de traballo vinculadas á física de altas enerxías.
Durante o acto, o conselleiro destacou que o acordo representa unha “aposta decidida pola investigación de fronteira” e polo papel das tecnoloxías cuánticas como eixo de desenvolvemento científico e económico. Así mesmo, sinalou que se trata de ámbitos de investigación “punteiros” que nos vindeiros anos terán un papel relevante á hora de ofrecer solucións innovadoras a retos científicos e tecnolóxicos, ao tempo que reforzan o papel do CESGA como infraestrutura científica de referencia.
O laboratorio terá unha superficie de 60 metros cadrados e contará co apoio doutros espazos e instalacións do IGFAE, como a sala branca, laboratorios de microelectrónica, detectores de gas, escintiladores e áreas especializadas en micromecanizado, metrología e irradiación. Segundo indicaron as partes asinantes, este será o único laboratorio en España destas características no ámbito específico da física nuclear e de partículas.
A creación deste novo espazo de investigación consolida a comarca de Santiago como un polo científico e tecnolóxico no eido da computación avanzada e da física de altas enerxías, reforzando a colaboración entre institucións públicas e centros de investigación asentados na cidade.

