A catedrática María José López Couso presentou este martes en Santiago de Compostela a súa candidatura á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela nun acto multitudinario ao que asistiron medios de comunicación, estudantado, profesorado e membros da comunidade universitaria dos distintos campus. A candidata definiu a proposta como un proxecto colectivo, froito de meses de diálogo e traballo compartido con persoas de diferentes ámbitos da institución.
Durante a súa intervención, López Couso subliñou que concorre ás eleccións “non como unha candidata individual, senón como a voz dun proxecto colectivo”, construído desde a pluralidade e a representación de distintas áreas de coñecemento, idades e traxectorias profesionais. Segundo explicou, o programa electoral que se presentará para os vindeiros seis anos nace da escoita activa da comunidade universitaria, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, e da integración de achegas procedentes de departamentos, centros, grupos de investigación, servizos e persoas egresadas.
A candidata avanzou un modelo de universidade participativa, cun reforzo dos mecanismos de gobernanza interna. Entre as propostas iniciais, destacou a posta en marcha dun orzamento participativo para atender necesidades detectadas pola propia comunidade, así como procesos de exposición pública de regulamentos e normativas relevantes, co obxectivo de mellorar a transparencia e a corresponsabilidade na toma de decisións.
No ámbito da integración e o benestar, López Couso anunciou a elaboración dun plan de incorporación á universidade dirixido tanto ao estudantado como ao persoal. No caso do alumnado, a proposta inclúe programas de formación inicial para facilitar o coñecemento dos servizos, recursos e espazos universitarios. Para o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, así como para o persoal docente e investigador, prevese formación específica e sistemas de acompañamento nas primeiras fases de incorporación.
A candidata tamén situou o estudantado como protagonista da vida universitaria, cun plan de participación que recoñeza e impulse a súa implicación en ámbitos como a cultura, o deporte, o voluntariado ou a representación institucional, cun compromiso de carácter plurianual. Neste sentido, defendeu reforzar a visibilidade do alumnado nos contextos local, autonómico, estatal e internacional.
En materia de investigación e transferencia, López Couso apostou por unha ciencia de excelencia, multidisciplinar e internacional, capaz de atraer talento e de xerar impacto social. Entre as liñas avanzadas figuran a consolidación do plan propio de investigación, o acompañamento integral aos proxectos —incluída a xestión económica— e a equiparación da innovación e da transferencia de coñecemento ao mesmo nivel que a actividade investigadora.
Outro dos eixes expostos foi a planificación do relevo xeracional do profesorado, coa anticipación ás xubilacións e a garantía da promoción profesional, así como a posta en valor da experiencia acumulada do persoal da universidade. Xunto a isto, a candidata sinalou a necesidade de avanzar cara a unha administración universitaria máis eficiente, con menos carga burocrática, apoiada nun mellor uso dos datos e nunha incorporación responsable da intelixencia artificial para optimizar procesos e recursos.
No apartado de compromiso social e relacións institucionais, López Couso defendeu unha USC activa na creación de redes coas administracións, o tecido asociativo e o ámbito empresarial, así como unha maior colaboración con outras etapas educativas para fomentar vocacións desde idades temperás. Neste contexto, anunciou a creación dunha nova figura de delegado da reitora para o sistema sanitario, destinada a reforzar a relación entre a universidade e o ámbito asistencial.
A presentación serviu tamén para dar a coñecer o equipo de goberno que acompaña á candidata, integrado por once persoas procedentes de once centros distintos, con perfís académicos e profesionais diversos. López Couso destacou que se trata dun equipo configurado “pola capacidade, o compromiso e a misión compartida”, co que pretende construír unha USC “máis forte, máis próxima e máis útil para a sociedade”.
A candidata concluíu o acto apelando á implicación de toda a comunidade universitaria para facer deste proxecto un camiño compartido e colectivo, cuxo desenvolvemento completo se dará a coñecer coa apertura oficial da campaña electoral.
O EQUIPO DE MARÍA JOSÉ LÓPEZ COUSO
A candidatura de María José López Couso preséntase acompañada dun equipo de goberno integrado por once persoas procedentes de once centros distintos da Universidade de Santiago de Compostela, con perfís académicos e profesionais diversos e experiencia tanto na xestión universitaria como na docencia e na investigación.
Para a Vicerreitoría do Campus de Lugo, a candidata conta con Mónica López Peña, profesora titular da Facultade de Veterinaria e membro do equipo asistencial do Hospital Veterinario. A área de Estudantes, Cultura e Lingua recaería en Pilar Murias Fernández, profesora da Facultade de Ciencias Económicas e doutora en Economía, con experiencia previa no equipo reitoral.
A proposta para a Vicerreitoría de Profesorado e Organización Académica é Francisco Caamaño Isorna, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública e director dun amplo departamento que integra áreas sanitarias clave. A Vicerreitoría de Investigación e Transferencia estaría encabezada por Jesús López Romalde, catedrático en Microbioloxía e actual decano da Facultade de Bioloxía.
En materia de Oferta Formativa, o equipo inclúe a Patricia Regal López, profesora das Facultades de Ciencias e Veterinaria e actual secretaria académica da Facultade de Ciencias. A Planificación Estratéxica e Económica correspondería a María José Piñeira Mantiñán, profesora de Xeografía con experiencia previa na xestión económica da súa facultade.
Para a Proxección Internacional e as Relacións Institucionais, a candidatura propón a María Jesús Giráldez Fernández, profesora titular da área de Optometría e actual decana da Facultade de Óptica e Optometría. A Vicerreitoría de Compromiso Social, Benestar e Deporte estaría a cargo de Javier Rico Díaz, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e delegado para o Deporte na USC.
O ámbito da Estratexia Dixital, Innovación Docente e Calidade sería responsabilidade de Antonio Mosquera González, profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e exdirector do centro. A Secretaría Xeral, segundo avanzou López Couso, estaría ocupada por Marta Otero Crespo, profesora titular de Dereito Civil, con experiencia como vicedecana e como directora da Área Académica da universidade.
A maiores, a candidata anunciou a creación dunha nova figura, a de delegado da reitora para o sistema sanitario, que recaería en Arturo González Cintela, catedrático de Medicina e coordinador da docencia clínica de sexto curso do Grao en Medicina, co obxectivo de reforzar a relación entre a universidade e o ámbito asistencial.

