InicioSANTIAGOO Concello inicia a licitación do novo contrato do transporte urbano

O Concello inicia a licitación do novo contrato do transporte urbano

A Xunta de Goberno aproba o expediente dun contrato de máis de 128 millóns de euros, con duración de 13 anos, que aposta por un modelo de servizos, a renovación da flota e a ampliación da cobertura territorial

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela aprobou esta mañá, na Xunta de Goberno Local, o expediente de licitación do novo contrato do servizo de transporte urbano, un dos procedementos administrativos de maior relevancia económica e técnica do mandato. Así o deron a coñecer en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, quen destacaron a complexidade dun proceso que conta cun orzamento base de licitación superior aos 128 millóns de euros e unha duración prevista de 13 anos.

A alcaldesa subliñou que se trata dunha noticia “moi agardada” tanto pola veciñanza como polo propio goberno municipal e recoñeceu que o inicio da licitación “gustaríanos que chegase antes”, aínda que incidiu en que foi necesario un traballo prolongado para resolver cuestións técnicas e xurídicas co obxectivo de garantir a solidez do expediente.

Un dos elementos centrais do novo contrato é o cambio de modelo contractual. O Concello opta por renunciar á concesión administrativa e pasar a un contrato de servizos, de carácter mixto de servizos e obras. Segundo explicou Sanmartín, esta decisión responde á vontade de manter tarifas accesibles para fomentar o uso do transporte colectivo e reducir o vehículo privado. Ao asumir o Concello máis do 50 % dos ingresos do servizo mediante subvención, a empresa adxudicataria non soportará o risco operacional, circunstancia que, segundo a normativa vixente e os informes técnicos, obriga a empregar a fórmula do contrato de servizos.

O contrato inclúe tamén a execución de infraestruturas asociadas á electrificación da flota, como a construción dunha instalación de recarga para autobuses eléctricos e dun sistema de subministración de gas para os vehículos que empreguen este combustible. Estas obras xustifican, segundo o goberno local, o carácter mixto do contrato.

No plano do servizo, o novo modelo mantén o deseño do mapa de liñas xa presentado publicamente, co obxectivo de reducir solapamentos e ampliar a cobertura territorial. Entre as principais novidades figuran a creación da liña Transantiago, que conectará os límites do termo municipal entre Milladoiro e Sigüeiro con frecuencias superiores aos 30 minutos; a posta en marcha de tres liñas alimentadoras no rural, para mellorar o acceso das parroquias ao transporte urbano; o reforzo do servizo aos polígonos industriais; o mantemento da liña lanzadeira ao aeroporto, e a incorporación dun servizo nocturno de autobús, de mércores a sábado, con circulación ata as 05:00 nas principais liñas circulares.

Pola súa banda, Xan Duro afondou nas melloras técnicas do contrato, destacando especialmente a renovación integral da flota. O novo servizo contará con 67 autobuses, sete deles de reserva, fronte aos 43 actuais. Do total, 18 serán eléctricos e o resto funcionarán con gas natural comprimido, en liña cos criterios europeos de sustentabilidade e loita contra o cambio climático. O prego establece, ademais, vehículos de menor tamaño para determinadas liñas urbanas e rurais, así como a obrigatoriedade de piso baixo, rampas dobres e sistemas de accesibilidade óptica e acústica.

A empresa adxudicataria disporá dun prazo de doce meses para subministrar os vehículos definitivos, polo que durante o primeiro ano o servizo prestarase con autobuses provisionais, distintos aos actuais, cuxa calidade tamén será avaliada no proceso de licitación. Segundo indicou o concelleiro, a implantación do novo mapa de liñas suporá unha mellora inmediata do servizo, mesmo antes da chegada da flota definitiva.

Outro dos piares do contrato é a renovación completa do sistema de información ao usuario, incluíndo unha nova plataforma dixital e unha aplicación móbil con xeolocalización en tempo real, actualización constante dos horarios, incidencias, frecuencias e tempos de paso, co obxectivo de incrementar a fiabilidade do servizo.

No ámbito económico, o Concello prevé unha achega anual ao servizo que oscilará entre os 8,3 millóns de euros e máis de 10 millóns ao final do contrato. Este esforzo permitirá conter as tarifas: o billete ordinario sen bonificación terá un prezo estimado de 1,40 euros, o billete escolar de 0,56 euros, mentres que co bono ordinario o custo por viaxe situarase en 0,63 euros. O bono mensual, con viaxes ilimitadas durante 30 días, quedará en 35 euros. A liña específica ao aeroporto terá un prezo de 6 euros por traxecto e 10 euros ida e volta, mantendo tamén 100 viaxes gratuítas anuais para persoas pensionistas, cun prezo reducido a partir desa contía.

En canto aos prazos, o goberno municipal explicou que, unha vez publicado o expediente na Plataforma de Contratación do Estado, comezarán a contar os días hábiles para a presentación de ofertas, sen fixar un calendario pechado debido á posibilidade de recursos ou emendas. En todo caso, Sanmartín indicou que a previsión é que o contrato quede adxudicado ao longo de 2026, coa intención de axilizar ao máximo os trámites que dependen do Concello.

MELLORAS DA LIÑA 15

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, referiuse tamén, preguntado por Xornal de Compostela, ás reclamacións do estudantado para reforzar a liña 15 do autobús urbano e explicou que o Concello introduce cambios na operativa para aumentar a dispoñibilidade do servizo ao longo da xornada. Segundo indicou, as frecuencias, que ata agora se concentraban principalmente nas horas de entrada e saída das clases, pasan a organizarse cunha pauta de paso cada 30 minutos durante todo o día. Ademais, sinalou que a liña comezará a funcionar tamén os domingos, algo que non ocorre agora mesmo, aínda que “con menor frecuencia” ao tratarse dunha xornada na que o nivel de uso é máis reducido.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here