InicioPOLÍTICAO Parlamento Galego solicitará a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de...

O Parlamento Galego solicitará a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese

A oposición, aínda que a favor da proposta, afirma que "hai máis vida máis aló do Xacobeo" e pide políticas para a desestacionalización real

Publicado o

Xornal de Compostela

A Comisión de Turismo do Parlamento Galego aprobou onte por unanimidade unha Proposición Non de Lei coa fin de solicitar ao Goberno central a declaración do Ano Santo Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese. Este procedemento debe facerse a posteriori mediante unha lei estatal.

O deputado do Partido Popular, Borja Verea, foi o encargado de defender a proposición ante a Comisión Parlamentaria de Turismo, na que defendeu que o Ano Santo é o acontecemento “cultural, patrimonial e turístico máis importante de Galicia”, argumentando isto como razón pola que este precisa dun compromiso político real.

“É importante mandar esa mensaxe de unanimidade, de compromiso de país para que o Xacobeo 27 sexa declarado evento de excepcional interese con efectos desde 2025. Por que? Por unha importancia política que é evidente, pois a simple declaración presupón a súa especialidade, o carácter singular de notoriedade, de excepcionalidade”, defendeu o popular.

Con esta declaración, Verea asegurou que así se abriría a porta á colaboración público-privada e, polo tanto, “que os operadores económicos e o tecido empresarial do país, e tamén o nacional, sexan coprotagonistas e copartícipes do evento”.

Así, puxo tamén en valor a desestacionalización que favorece o Camiño de Santiago, pondo como exemplo o atractivo que supuxo o dobre Ano Santo 2021-2022.

“É certo que non é cuestión de cantidades, senón que o importante é a calidade dos visitantes que chegan a Galicia. E tamén están aí os datos de que mellora progresivamente e acelérase o valo engadido”, incidiu.

Pola súa banda, Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensana amosouse favorable á idea, avanzando o seu voto afirmativo, aínda que con matices: “Quero pensar, imos dar un voto de confianza, que na organización dos actos do Xacobeo terán en conta á provincia de Ourense porque duns anos para esta parte, non tiraron moito por esa liña”, declarou.

Ojea chanceou coas declaración do popular Jesús Pérez Varela, cando este dixo que Ourense tiña un “clima estupendo”. “Foi un eufemismo. O que quería dicir era que facía moitísimo calor en Ourense, sobre todo no verán, e que non valía a pena organizar esa clase de eventos porque non ía xente”, indicou.

En relación á desestacionalización, propuxo a organización de eventos na provincia noutras épocas do ano, “cun clima máis benigno”. Así, apuntou tamén que a chegada do AVE a Ourense “fai especialmente atractiva a cidade”.

“VIDA MÁIS ALÓ DO XACOBEO”

A socialista lucense Lara Méndez tamén se amosou favorable a que se presentase a citada solicitude, compartindo tamén a defensa da colaboración público-privada.

Méndez indicou, recoñecendo toda a impotancia do Xacobeo, que hai unha “falta” de políticas de turismo en Galicia, “porque moitas veces só parece existir para a Xunta o Xacobeo“.

“O que lle pedimos á Xunta de Galicia é que realice políticas turísticas en distintos ámbitos, en distintas vertentes e non só nesta parte. E despois, se nos centramos no tema do Xacobeo, tamén lle pediriamos á Xunta de Galicia que haxa un equilibrio territorial”, demandou, denunciando a maior celebración de actos en municipios gobernados polo PP.

“Non pode ser que un concello teña un concerto gratuíto do Xacobeo e outro teña que facer un pago”, criticou a socialista.

Para o Bloque Nacionalista Galego, o feito de que a enunciación desta proposta fale de colaboración entre entes públicos e privados, xa “indica moito de cal é o concepto de turismo que ten o Partido Popular“, que “falan como algo positivo a chegada masiva de peregrinos”.

“Vostedes teñen un sistema turístico que prima o cuantitativo. E isto ten consecuencias”, aseguraron, destacando dous aspectos: a masificación de espazos concretos, “que xera moitos problemas de convivencia”, e a proliferación de pisos turísticos.

A este respecto, afirman, a Xunta “négase a facer autocrítica” e a “entrar” a debater, polo que se “segue sen regular esta cuestión”. “Para o Goberno galego, a política turística céntrase única e exclusivamente no Xacobeo e no Camiño de Santiago. E hai máis vida máis aló”, aseguraron, afirmando que o “xacobecentrismo” que padece a Xunta “está a ter efectos negativos”.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

O Concello continúa as reunións coa veciñanza para abordar obras e melloras en varios barrios de Santiago

O Concello de Santiago celebrou esta semana dúas novas xuntanzas cos barrios, encontros que...

A alcaldesa destaca o impulso da Casa Xohana Torres e o crecemento do asesoramento LGBTIQ+ no Consello Municipal de Igualdade

A reunión do Consello Municipal de Igualdade, presidida este venres pola alcaldesa Goretti Sanmartín,...