InicioSANTIAGOAlba Nogueira presenta unha reclamación contra a súa exclusión provisional do proceso...

Alba Nogueira presenta unha reclamación contra a súa exclusión provisional do proceso electoral da USC

A candidata á reitoría cuestiona os criterios formais aplicados pola comisión electoral e considera que vulneran a normativa vixente e dereitos fundamentais

Publicado o

Xornal de Compostela

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Alba Nogueira, presentou este martes unha reclamación formal fronte á súa exclusión provisional do proceso electoral, unha decisión que considera contraria á normativa e aos principios que rexen o procedemento administrativo e electoral da institución académica.

Segundo trasladou nunha nota de prensa, a exclusión baséase en motivos formais non recollidos nas normas reguladoras, ao introducirse un deber de documentación que non figura no Regulamento electoral xeral da USC, reformado por última vez en setembro coa vista posta na convocatoria das eleccións. Para a candidata, esta esixencia supón de feito a creación dun novo requisito de elexibilidade, alleo ao marco normativo aprobado.

Nogueira sinala tamén que esta interpretación vulnera o dereito a non achegar documentos que xa están en poder da Administración, tal e como recolle a Lei de procedemento administrativo común. Ao seu xuízo, trátase dun funcionamento administrativo que dificulta innecesariamente o labor profesional das persoas que estudan e traballan na universidade.

Outro dos aspectos destacados na reclamación é a ausencia dun trámite de subsanación. Tal e como explica, entre a presentación da solicitude da candidatura e a celebración da comisión electoral central transcorreron 12 días, sen que se solicitase a corrección das supostas omisións documentais que deron lugar á inadmisión provisional.

A candidata cuestiona ademais o uso do denominado “expediente persoal”, ao considerar que non se axusta ás obrigas legais en materia de Administración electrónica, en vigor desde hai anos. Neste sentido, considera anómalo que as obrigas de relación electrónica se esixan ás persoas interesadas nos procedementos, mentres a propia Administración se afasta deses requisitos.

Na súa valoración pública, Nogueira advertiu de que a decisión adoptada xera inseguridade xurídica e desigualdade, ao tempo que supón unha interpretación restritiva do dereito fundamental ao sufraxio pasivo, polo que entende que a exclusión provisional é nula de pleno dereito.

Xunto á presentación da reclamación, a candidata quixo agradecer o apoio recibido nos últimos días por parte de membros da comunidade universitaria, que lle trasladaron mensaxes de solidariedade e tamén experiencias semellantes. Segundo indicou, estas situacións poñen de manifesto a necesidade de introducir melloras institucionais para facilitar o estudo e o traballo na Universidade de Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here