A Xunta da Facultade de Medicina da USC expresou o seu rexeitamento ao acordo de descentralización do grao, xa ratificado por Docencia Clínica e pola UDC, entre outros; xa que consideran que, “na súa redacción e formulación actuais”, o acordo non é “apropiado”. Nun comunicado emitido tras a reunión da xunta deste luns, piden unha revisión “substancial” do mesmo para ser apoiado pola Xunta.
“A excepcionalidade deste modelo proposto pode crear un precedente grave que erosione a cohesión e a planificación do sistema universitario galego, fomentando modelos ad hoc, negociados á marxe de criterios académicos e científicos, con efectos regresivos para o conxunto da universidade pública en Galicia”, aseguran. Insisten na súa disposición “máxima” a “negociar, colaborar e propor” melloras construtivas, pero para iso indican algúns puntos (13) que, na súa opinión, poñen en risco a formación médica en Galicia.
Piden definir concretamente o termo ‘unidade docente descentralizada’ e describir as súas competencias “sempre baixo a organización académica actual da USC”, así como avaliar o impacto docente, asistencial, investigador e económico da iniciativa, ademais da incidencia sobre a mobilidade e equidade do estudantado. A este respecto, solicitan un anexo cunha memoria económica e de infraestruturas detallada que contemple o custo das medidas propostas, así como as súas fontes de financiamento a curto, medio e longo prazo. Piden tamén unha memoria co persoal necesario.
Así mesmo, critican o calendario de implantación da docencia teórica nos cursos 2027-2028 e 2028-2029, posto que consideran que “iniciar a docencia teórica no curso 2027-2028 coa docencia expositiva de 5º curso dun plan actualmente en extinción, resulta prematuro e non factible, con duplicidade de materias”. Sobre isto, propoñen a descentralización da docencia expositiva de cuarto curso para 2029-2030 e a correspondente a 5º curso para 2030-2031, “o que supón un mínimo retrado no calendario inicial, pero garante a non colisión do plan en extinción co novo, por unha banda, e por outro, que ningún estudante matriculado na actualidade teña que ser descentralizado”.
“GALICIA NON NECESITA MÁIS FACULTADES”
Entre as peticións tamén está a revisión da adscrición do profesorado das unidades docentes. Consideran que o feito de que o 50 % do profesorado que imparta docencia nas novas unidades non teña vinculación coa USC é “inédito” e pon en perigo a “coherencia académica e o control de calidade”. Por outra banda, esixen que se estableza “inequivocamente” que todas as unidades descentralizadas estarán baixo a autoridade académica directa da Facultade de Medicina da USC, que non se realice a descentralización “forzada” de ningún estudante que non o solicite e que se inclúa representación estudantil na Comisión de Seguimento
Por último, a Xunta adica varios puntos á hipotética creación de novas facultades de Medicina. Así, piden que se inclúa unha cláusula explícita que impida que estas unidades descentralizadas poidan “derivar en futuras solicitudes” para crear novas facultades. “Galicia non necesita máis facultades, senón reforzar a estrutura que xa funciona”, aseguran. De feito, solicitan a eliminación da frase que finaliza os anexos: “Antes do vencemento do convenio: novas propostas de descentralización”.
A Xunta sitúase así en contra do acordo xa ratificado polo Consello de Docencia Clínica e pola Universidade coruñesa, en liña do expresado por algúns catedráticos da facultade e do propio estudiantado, que a semana pasada mostrou o seu rexeitamento á iniciativa. Neste contexto, o Consello de Goberno da propia USC ten prevista unha reunión para este venres.
O REITOR EXPRESA A SÚA “FRUSTRACIÓN”
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, dirixiu un comunicado á comunidade universitaria na que expresa a súa “frustración” tras coñecerse o rexeitamento da Xunta da Facultade de Medicina ao acordo de descentralización do grao e fala de “oportunidade perdida”. O máximo responsable da universidade compostelá remarca que tanto a facultade como os departamentos que imparten docencia no grao “foron debidamente informados” sobre un proceso negociador “longo e complexo”.
“Por lealtade ao resto de actores do Sistema Universitario Galego (SUG) implicados e co foco posto no interese xeral das decisións que debiamos tomar, sempre mantiven un silencio necesario para que as conversacións quedasen enmarcadas na confianza propia do escenario negociador. O acordo alcanzado supuña, sen dúbida, unha mellora substancial para os estudos de Medicina, para a USC e para a súa facultade”, defende. Así, e aínda defendendo a negociación, informa de que visto o rexeitamento manifestado este luns, trasladará o tema ao Consello de Goberno da USC previsto para este venres.
“A lealdade institucional e a visión de país guiaron sempre a miña posición neste asunto. Non podo deixar de expresar un profundo sentimento de frustración ante unha situación que, estou seguro, supón a perda dunha gran oportunidade para facer da Facultade de Medicina de Santiago a Facultade de Medicina de Galicia, evitando a fragmentación duns estudos que, lamentablemente, parece cada vez máis próxima“, destaca.
ROSA CRUJERAS: A DESCENTRALIZACIÓN DE MEDICINA “DEBILITARÍA” Á USC
A investigadora e candidata a reitora da USC en 2026, Rosa Crujeiras, amosou o seu rexeitamento ao acordo de descentralización de Medicina, asegurando que a iniciativa “debilitaba” a Universidade e “non resolvía os problemas de fondo”.
Nun comunicado, Crujeiras tachou a medida de “temeraria”, especialmente nun contexto no que a oferta pública “cede terreo” fronte á privatización do ensino superior. A investigadora defendeu que “destruír un modelo” apelando a carencias e prometendo eficiencia mediante a “fragmentación” mina a competitividade da rede científica e o ensino de Medicina en Galicia.
Segundo Crujeiras, o acordo está “lonxe de ser aceptable” para a USC e a Facultade, xa que “só demora” a implantación de novos graos no Sistema Universitario Galego (SUG) sen unha base que o xustifique. Ademais, lamentou que se adoptase un “compromiso político deste calado” cando haberá eleccións reitorais en dous meses e os órganos de goberno cambiarán.

