InicioSANTIAGOO Concello activa un campamento de conciliación no Nadal para mozos de...

O Concello activa un campamento de conciliación no Nadal para mozos de 12 a 17 anos

O programa inclúe obradoiros artísticos, actividades de lecer e dúas pernoitas no Monte do Gozo

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago impulsará nestas vacacións de Nadal unha nova edición do seu programa municipal de conciliación dirixido á mocidade, unha iniciativa que naceu como experiencia piloto no verán e que, segundo explicou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, busca cubrir “unha necesidade recoñecida polas familias con fillos e fillas maiores de 12 anos”.

A responsable municipal subliñou que existe moi pouca oferta de conciliación pensada para adolescentes, a pesar de que “as familias seguen precisando alternativas durante os períodos non lectivos e a rapazada non é autónoma nin independente nesas idades”. Rozas destacou ademais que o campamento aposta por propostas de lecer realmente atractivas, deseñadas para un público de 12 a 27 anos, e que tamén promovan “espazos de socialización fronte ao uso excesivo das pantallas”.

O campamento desenvolverase durante o período de vacacións escolares do Nadal, será de balde e terá lugar no Monte do Gozo. O horario xeral irá de 09:00 a 14:30, con opción ampliada de 08:00 a 15:30 para aquelas familias que o precisen. A novidade máis destacada será a inclusión de dúas pernoitas voluntarias, os días 27–28 de decembro e 3–4 de xaneiro, unha petición realizada pola propia mocidade na edición estival. “Querían un campamento onde tamén se puidese durmir, e así o incorporamos”, explicou a concelleira.

OBRADOIROS DE ARTE, MÚSICA, FOTOGRAFÍA E ACTIVIDADES DE CONVIVENCIA

A coordinadora do programa, Nathalie Budiño, detallou que a proposta volverá pivotar arredor da creación artística. Haberá obradoiros de cerámica, ilustración, pintura, fotografía e autorretrato, ademais de actividades de ficción sonora, música, danza, teatro e improvisación. Tamén se incorporan xogos de mesa, actividades deportivas e propostas vinculadas ao medio ambiente.

Durante as pernoitas, a rapazada participará en dinámicas específicas, incluíndo un obradoiro de cociña, no que elaborarán a súa propia cea baixo supervisión profesional. Budiño salientou que o obxectivo é crear “espazos seguros nos que os mozos e mozas poidan expresarse e atopar un ambiente no que se sintan cómodos”.

O Concello traballa cun equipo formado por persoas con formación en ocio e tempo libre, ás que se suman profesionais especializados en distintas disciplinas artísticas.

UN CAMPAMENTO INCLUSIVO

O técnico municipal Manuel Fernández destacou a incorporación, por primeira vez, dunha reserva específica do 10% das prazas para participantes con necesidades de apoio, unha demanda trasladada por diversas familias. As persoas que formen parte do equipo contarán tamén con formación en dependencia e necesidades especiais, co fin de garantir un acompañamento adecuado.

Rozas subliñou que se trata dun “campamento inclusivo para todas as diversidades”, salientando que a porcentaxe reservada está por riba do habitual noutros programas semellantes. “Esta iniciativa cumpre os criterios dun campamento dirixido á mocidade desde unha perspectiva de conciliación, lecer e inclusión”, afirmou.

O programa ofrece 50 prazas destinadas a mozos e mozas empadroados en Santiago. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 24 de novembro ao 12 de decembro, e a listaxe provisional publicarase o 15 de decembro. O formulario poderá descargarse na web municipal ou solicitarse por correo a través do Departamento de Mocidade.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

O Concello asegura que a maior parte das prazas de estacionamento de Xoán XXIII “están ocupadas” tras as queixas veciñais

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, confirmou...

A IA entra na Catedral de Santiago da man dun servizo de tradución simultánea

A Catedral de Santiago estrea un servizo de tradución simultánea, dirixido ao fieis lle...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here