Un home acusado de estafar 6.000 euros a un veciño de Santiago de Compostela na venda dunha suposta autocaravana a través de Facebook aceptou este venres seis meses de prisión, tras chegar a un acordo de conformidade co Ministerio Fiscal. O xuízo, previsto para celebrarse nos Xulgados de Santiago, non chegou a desenvolverse ao confirmarse o pacto entre as partes.
Segundo explicou o fiscal, o acordo introduce dúas modificacións respecto da petición inicial: o acusado devolveu íntegramente os 6.000 euros ao prexudicado —polo que a responsabilidade civil queda saldada— e a pena reduciuse á metade. Durante a vista, o procesado, que compareceu por videoconferencia, amosou a súa conformidade cos termos presentados.
Deste xeito, foi condenado por un delito de estafa a seis meses de prisión. Porén, a execución da pena queda suspendida durante dous anos, ao non contar con antecedentes penais, sempre que non cometa ningún novo delito nese período. A sentenza non será recorrida por ningunha das partes.
Os feitos remóntanse ao Nadal de 2020, cando un veciño de Santiago, interesado en adquirir unha autocaravana, atopou un anuncio en Facebook que resultou ser falso. O procesado gañou a confianza da vítima a través de mensaxes privadas, nas que asegurou que lle vendería e enviaría o vehículo por 6.000 euros. Para dar aparencia de legalidade, remitiulle documentación falsa, incluíndo un contrato de compravenda e unha factura proforma.
A principios de 2021, o comprador transferiu o importe pactado á conta do acusado, quen realizou posteriormente reintegros parciais do diñeiro sen entregar o vehículo. A estafa quedou así consumada, aínda que a posterior devolución da suma levou á redución da pena e ao acordo final que evita o ingreso en prisión.

