InicioSANTIAGOSantiago acollerá unha das seis novas fábricas europeas de intelixencia artificial centrada...

Santiago acollerá unha das seis novas fábricas europeas de intelixencia artificial centrada na saúde

A instalación, chamada ‘1HealthAI’, contará cun investimento de 82 millóns de euros e terá a súa sede no Centro de Supercomputación de Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

Santiago de Compostela converterase nun dos principais polos europeos de desenvolvemento tecnolóxico coa creación dunha das seis novas fábricas de intelixencia artificial (IA) impulsadas pola Empresa Común de Computación de Altas Prestacións Europea (EuroHPC XO). A nova infraestrutura, que levará o nome de ‘1HealthAI’, instalarase no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e centrará a súa actividade na aplicación da IA ao ámbito da saúde.

Segundo informou a Xunta de Galicia, o proxecto contará cun investimento total de 82 millóns de euros, dos que 65 millóns proceden de fondos europeos e estatais e 17 millóns serán achegados pola administración autonómica. A candidatura foi presentada conxuntamente pola Xunta e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) o pasado mes de xuño.

A fábrica 1HealthAI dotarase dun novo supercomputador especializado en IA e dunha plataforma avanzada de supercomputación experimental, que permitirá ofrecer servizos gratuítos de apoio a empresas e centros de investigación. As súas liñas de traballo abranguerán o medicamento personalizado, o envellecemento saudable, a biotecnoloxía azul, a xestión de recursos mariños, a agricultura e gandaría, o sector forestal e o desenvolvemento de fármacos e vacinas, entre outros.

A inclusión de Galicia nesta rede europea sitúa a comunidade como un dos tres territorios con dúas fábricas de IA, xunto con Alemaña e Polonia, o que —en palabras do Goberno galego— consolida a súa posición como referente nas tecnoloxías profundas e a biotecnoloxía aplicada.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, cualificou a designación de “fito histórico” e destacou que o proxecto “sitúa Galicia na elite europea da biotecnoloxía e da intelixencia artificial”. Rodríguez subliñou que o novo equipamento “permitirá que a investigación e os proxectos empresariais gañen en competitividade e capacidade de innovación”.

A Xunta agarda que o despregamento de 1HealthAI favoreza a creación de startups, a atracción de talento e investimento e a xeración de emprego cualificado. Ademais, prevese que a fábrica coopere con outras instalacións europeas de IA que traballan en ámbitos complementarios, reforzando desde Compostela o papel de Galicia na rede continental de innovación tecnolóxica.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

O Concello asegura que a maior parte das prazas de estacionamento de Xoán XXIII “están ocupadas” tras as queixas veciñais

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, confirmou...

A IA entra na Catedral de Santiago da man dun servizo de tradución simultánea

A Catedral de Santiago estrea un servizo de tradución simultánea, dirixido ao fieis lle...