InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOUn estudo da USC redefine a medición da dispoñibilidade de auga a...

Un estudo da USC redefine a medición da dispoñibilidade de auga a escala global

Está liderado polo investigador da USC Gonzalo Míguez Macho xunto a Ying Fan, da estadounidense Rutgers University

Publicado o

Xornal de Compostela

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Rutgers University, do que forma parte o profesor Gonzalo Míguez Macho, redefine a forma de medir a dispoñibilidade da auga a escala global.

Segundo explicou a USC, ata agora, o indicador máis usado para estimar a auga dispoñible nun territorio era o índice de aridez. No entanto, este cálculo deixaba fóra un factor clave: a auga que circula lateralmente de maneira subterránea no chan a través de acuíferos e na superficie polos ríos, desde zonas altas cara a vales e chairas.

Agora, este equipo internacional acaba de demostrar que este “subsidio lateral” de auga pode ser determinante, especialmente en rexións áridas ou semiáridas. Ao incluír esta achega adicional de auga no cálculo, á que denominaron variable ‘Q-lat’, os investigadores obtiveron un novo índice máis realista que ten en conta tanto a topografía do terreo como a dinámica real da auga a través da paisaxe.

Gonzalo Míguez Macho, investigador do Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e profesor do departamento de Física de Partículas da USC, asina o estudo xunto a Ying Fan, da estadounidense Rutgers University.

A investigación desenvolve este novo método co que calcular a dispoñibilidade real de auga na superficie terrestre. O indicador máis usado ata agora era o índice de aridez, que compara a cantidade de choiva recibida coa demanda potencial de auga da atmosfera a través da vexetación e a evaporación do terreo (evapotranspiración potencial). A súa utilidade abarcaba a predición da severidade das secas, o estudo de cambios na dispoñibilidade de auga debida ao cambio climático e a determinación da asignación de recursos hídricos na planificación.

A EXISTENCIA DE OASIS

Neste estudo, publicado recentemente na revista Nature co título ‘A global humidity index with lateral hydrologic flows’, os científicos demostran que o “subsidio lateral” de auga pode ser determinante, especialmente en rexións áridas ou semiáridas.

Isto explica a existencia dos oasis ou por que áreas como o Delta interior do Okavango en pleno deserto en Botswana, dispoñen de máis auga da que cabería esperar se só considerásense as precipitacións, sendo capaces de soster unha maior biodiversidade de plantas e animais do que suxire o seu índice de aridez.

Con este novo enfoque, os investigadores redefiniron o índice de aridez como o ‘índice de humidade global’ (GHI_topo), xa que o seu cálculo reflicte mellor a humidade que a aridez.

Segundo os seus resultados, a superficie terrestre onde a oferta de auga alcanza ou supera a demanda potencial, aumenta nun 33% con este novo indicador, o que explica como civilizacións, oasis e ecosistemas puideron prosperar en zonas onde o clima por si só non garantiría suficiente auga.

“O noso índice ofrece unha visión máis realista para comprender a dispoñibilidade de auga e xestionar mellor os recursos nun contexto de cambio climático”, sinala o investigador do Grupo de Física non Lineal, Gonzalo Míguez Macho.

Aínda que este modelo aínda non ten en conta as actividades humanas que impactan na dispoñibilidade de auga, como os encoros ou as desviacións para a rega, e presenta algunhas limitacións na representación do relevo, parece ofrecer unha visión máis realista do fluxo e dispoñibilidade de auga.

Este traballo, froito da colaboración entre a USC e a Rutgers University, abre a porta a aplicar o GHI_topo en estudos sobre sustentabilidade, planificación hídrica e resiliencia de ecosistemas e sociedades en contornas vulnerables á seca.

ÚLTIMAS

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

A reunión anual do proxecto europeo Epilunar avalía en Santiago o primeiro ano de avances na inmunoterapia do cancro de pulmón

Santiago de Compostela acolleu este mércores a reunión anual de seguimento do proxecto europeo...

Rosa Crujeiras expón á alcaldesa a súa proposta para reforzar a colaboración estratéxica entre a USC e Santiago

A catedrática de Matemáticas e candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela,...

Constitúese a comisión para descentralizar o grao de Medicina nas tres universidades galegas

A comisión de seguimento encargada de desenvolver o acordo para descentralizar o grao de...