Un total de 103 nenos e nenas de entre 4 e 11 anos participaron nos campamentos de verán organizados polo Departamento de Rural do Concello de Santiago, unha proposta gratuíta de lecer educativo que se desenvolveu ao longo do mes de xullo en catro centros socioculturais da contorna rural: Marrozos, Lavacolla, Laraño e Nemenzo. A iniciativa, cun orzamento de 24.000 euros, pretende ofrecer alternativas de ocio preto das casas das familias, con contidos artísticos e culturais adaptados á idade das crianzas.
Durante unha visita aos campamentos de Marrozos e Laraño, a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, coñeceu de primeira man os programas e participou nalgunhas das actividades. Segundo explicou, este tipo de iniciativas “buscan crear espazos seguros e divertidos que fomenten a aprendizaxe e a convivencia en comunidade”.
O programa organizouse en quendas semanais, permitindo a rotación dos participantes e garantindo un mellor aproveitamento dos recursos. Os centros que acolleron maior número de prazas foron Marrozos (32) e Laraño (27), seguidos de Lavacolla (24) e Nemenzo (20). Os campamentos desenvolvéronse de 09:00 a 14:30 e combinaron actividades artísticas e escénicas con momentos de xogo libre e dinámicas grupais.
En Lavacolla e Marrozos, o foco estivo nas artes plásticas, con obradoiros de debuxo, pintura, modelado ou construción, que permitiron explorar técnicas creativas e traballar conceptos como a expresión libre e a valoración do proceso artístico. As actividades tamén tiraron partido da contorna natural para conectar o medio ambiente coa práctica artística.
Pola súa parte, os centros de Laraño e Nemenzo centraron a súa programación no teatro educativo, empregando o xogo dramático como ferramenta para desenvolver a autoestima, a expresión corporal e o traballo en equipo. A través de exercicios de improvisación, creación colectiva e xogos escénicos, as crianzas aprenderon a comunicarse mellor e a coñecer os seus recursos expresivos.
A elección destas temáticas buscou, segundo o Concello, fomentar valores de convivencia, creatividade e autonomía, adaptándose aos intereses das crianzas e ao contexto rural no que se desenvolven. A proposta será avaliada con vistas a futuras edicións, coa intención de ampliar tanto os contidos como a rede de centros implicados.

