O Tribunal Supremo vén de poñer fin ao longo litixio entre o Concello de Santiago de Compostela e os herdeiros de Francisco Franco pola propiedade de dúas esculturas románicas atribuídas ao Mestre Mateo que formaron parte da antiga fachada do Pórtico da Gloria da Catedral compostelá. A Sala do Civil do alto tribunal estima o recurso de casación interposto polo Concello e ordena aos Franco devolver as pezas de Abraham e Isaac, actualmente en posesión da familia no Pazo de Meirás, ao patrimonio municipal.
A demanda foi presentada polo goberno municipal compostelán en 2017, durante o mandato de Martiño Noriega (Compostela Aberta), e tivo continuidade nos anos seguintes co socialista Xosé Sánchez Bugallo á fronte da Alcaldía. A acción xudicial reclamaba a titularidade pública das esculturas e denunciaba que foran trasladadas a Meirás sen acordo plenario nin documento legal que xustificase esa cesión, tratándose de bens pertencentes ao patrimonio histórico e artístico nacional, adquiridos oficialmente polo Concello o 4 de xuño de 1948 ao conde de Ximonde por 60.000 pesetas.
A pesar dos argumentos do Concello, o Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid e posteriormente a Audiencia Provincial de Madrid fallaron a favor dos herdeiros do ditador. A principal motivación da Audiencia para desestimar a demanda foi a suposta falta de identificación fidedigna das estatuas reclamadas, ao entender que non quedaba probado de maneira inequívoca que fosen as mesmas que están hoxe no Pazo de Meirás.
Con todo, o Supremo corrixe agora esa interpretación, afirmando que a identificación das esculturas é “clara” e que o fallo da Audiencia se baseou nun erro patente na valoración da proba. Segundo destaca a sentenza, os informes periciais, a documentación histórica e mesmo as fotografías achegadas demostran sen lugar a dúbida que as pezas en poder dos Franco son as adquiridas polo Concello en 1948.
Un elemento determinante foi a presenza dunha fractura característica nunha das estatuas, xa descrita nun artigo publicado no Boletín da Real Academia Galega en 1933 e tamén recollida no expediente municipal da compra. Esa descrición detallada coincide coa que presentan actualmente as esculturas en Meirás, o que, segundo o tribunal, permite a súa identificación incontrovertible como as obras reclamadas.
A sentenza subliña que os demandados, é dicir, os herdeiros de Franco, non negaron de forma expresa que as esculturas que posúen fosen as mesmas que o Concello comprou ao conde de Ximonde, centrando a súa defensa noutros argumentos: que a compra nunca se formalizou completamente, que a familia posúe as estatuas por usucapión (posesión prolongada e pacífica), e que a acción xudicial estaba prescrita. Ningunha destas razóns foi aceptada polo Supremo, que considera que se trata de bens inalienables ao formar parte do dominio público e do patrimonio histórico-artístico, polo que non poden ser adquiridos legalmente por posesión nin por transmisión privada.
A resolución do Supremo tamén lembra que as esculturas forman parte dun conxunto de nove obras atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da antiga fachada do Pórtico da Gloria que foron declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, o que reforza o seu valor e a súa protección legal. A devolución ao Concello, ademais de ter un importante valor simbólico e patrimonial para Compostela, supón tamén un precedente relevante no proceso de recuperación de bens culturais espoliados durante o franquismo.
O litixio tivo, desde un inicio, repercusión política e social en Galicia, con mostras públicas de apoio por parte de distintas forzas e institucións. O BNG protagonizou numerosas accións reivindicativas para reclamar a devolución das esculturas ao pobo galego e ao seu lexítimo propietario institucional. O propio Concello defendeu que as estatuas, tras seren adquiridas, foron incorporadas ao inventario de bens municipais e destinadas a fins culturais, pasando a formar parte da Casa Consistorial. Segundo a demanda, o traslado a Meirás produciuse por presións da esposa do ditador, Carmen Polo, nun contexto no que as decisións municipais estaban condicionadas pola autoridade do réxime.
Co fallo agora ditado, o Tribunal Supremo revoga a sentenza da Audiencia de Madrid, recoñece a titularidade pública das dúas esculturas e condena os herdeiros de Franco á súa restitución ao Concello de Santiago. A decisión representa, segundo fontes xurídicas e patrimoniais, un avance significativo na protección do patrimonio público galego, e podería abrir a porta a novas accións de recuperación doutros bens culturais apropiados durante a ditadura.
A partir de agora, queda pendente a execución da sentenza, que implicará o traslado das pezas dende o Pazo de Meirás ata Santiago. O Concello non se pronunciou aínda sobre o lugar ao que se destinarán as esculturas unha vez devoltas, pero diversas voces da cultura compostelá apostan por un espazo que permita a súa exposición pública e didáctica, co obxectivo de reintegralas simbolicamente ao legado do Mestre Mateo e á memoria histórica da cidade.
A ALCALDESA CELEBRA QUE “POR FIN SE FAI XUSTIZA”
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou que o Concello recibiu este xoves a resolución do Tribunal Supremo que lle dá a razón na demanda presentada para recuperar as dúas esculturas románicas atribuídas ao Mestre Mateo, hoxe en poder da familia Franco. “Por fin faise xustiza”, declarou a rexedora, quen cualificou o día como “moi importante, un día grande para Santiago e para o conxunto de Galicia”. A alcaldesa destacou que esta decisión representa o recoñecemento dunha loita prolongada e xustificada, baseada en feitos e probas sólidas que demostran a titularidade pública das obras.
Sanmartín tamén quixo agradecer o labor do persoal municipal implicado no proceso, facendo unha mención especial á Asesoría Xurídica do Concello, cuxo traballo foi clave para a vitoria xudicial. Valorou así mesmo o papel da sociedade civil e das persoas vinculadas á memoria histórica, que durante anos denunciaron “como o patrimonio da familia Franco foi conseguido con base no espolio”. A sentenza chega despois dun proceso que tivo o seu punto de partida no ano 2017 e que contou co apoio político unánime, como se evidenciou no acordo plenario de setembro de 2024, no que todas as forzas con representación municipal instaron a continuar a vía xudicial para recuperar as esculturas.
MARTIÑO NORIEGA: “OXALÁ HAXA MOITAS MÁIS”
O exalcalde de Santiago Martiño Noriega, en cuxo mandato baixo as siglas de Compostela Aberta (CA) impulsouse de forma inicial a demanda do Concello compostelán para recuperar dúas esculturas do Mestre Mateo en poder dos herdeiros de Francisco Franco, pronunciouse tras a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que determina que deben ser restituídas ao Consistorio.
Fíxoo cunha mensaxe a través de redes sociais, cunha sinxela mensaxe acompañada cunha foto das esculturas: “Abraham e Isaac xa poden regresar a casa”.
A primeira tenente de alcaldesa compostelá, María Rozas, quen foi a súa compañeira de goberno, reivindicou tamén, en declaracións aos medios, que foi da man de CA e de Noriega cando se iniciou un proceso no que, asegurou, os impulsores tiñan a convicción de que “a razón e a lei” estaría do seu lado.
“OXALÁ SEXA A PRIMEIRA DE MOITAS”
Rozas remarcou que non se trata “só de recuperar as pezas do Pórtico”, senón de “evidenciar” que a familia Franco “non pode seguir privatizando bens públicos e patrimonializando o que é de todos como seguen facendo”.
“Oxalá despois desta veñan moitas máis. Oxalá sexa a primeira de moitas, por rexeneración democrática e por xustiza”, resolveu.