Un novo movemento veciñal xurdido no Ensanche compostelán –que se define como “independente e sen vinculación política”– pide frear a demolición do antigo colexio Peleteiro e reclamar a súa “conservación” e “rehabilitación”. Para iso, habilitaron unha recollida de firmas en change.org, onde xa levan máis de 500. Ademais, o PP local mostrou publicamente o seu apoio á iniciativa.
En febreiro, o pleno do Concello de Santiago aprobou a modificación inicial do plan urbanístico da antiga parcela do colexio, co voto favorable do Goberno local e do PSOE e o rexeitamento do PP. O proxecto contempla construír un novo bloque destinado a uso residencial e na súa planta baixa, ao comercio, ademais de 400 prazas de aparcadoiro.
O Consistorio estimou que albergará unhas 160 vivendas, das que polo menos o 45% terán que ser protexidas. Actualmente, a modificación da PXOM está en período de alegacións e, despois, debe volver ao pleno para obter a súa aprobación definitiva.
En oposición á actual planificación, a veciñanza organizada neste novo colectivo pide que o edificio non se derruba, xa que “forma parte da memoria colectiva” da cidade. “A súa rehabilitación é máis ecolóxica e con moitos menos prexuízos para a comunidade”, defende o movemento a través dun comunicado, no que propón a apertura dun concurso internacional de ideas.
Desta forma, suxire a transformación do patio nunha praza verde, “un espazo natural, aberto, de descanso e encontro veciñal, con vexetación e sombra”, e a dotación de usos sociais á planta baixa. Entre eles, cita un centro de maiores, unha biblioteca comunitaria e dotacións deportivas.
Ademais, pide que as plantas superiores alberguen vivendas con acceso preferente para persoas novas, o que fomente “a substitución xeracional do barrio”.
Desta proposta, coa que pretende “abrir un debate sobre o modelo de cidade”, o movemento convocou unha reunión informativa para o próximo 12 de xuño ás 20.30 no Centro Sociocultural do Ensanche.
APOIO DO PP Á INICIATIVA
Así mesmo, o líder do PP de Santiago, Borja Verea, recoñeceu estar “contento” porque os veciños “se organicen e fagan propostas” que “coinciden” co modelo de futuro de cidade da súa formación.
“Sempre apostamos porque a parcela fose adquirida polo Concello para uso público e crear así un novo corazón para o Ensanche”, destacou este martes, segundo recolle unha nota remitida polo partido.
“Non queremos bloques de edificios. Queremos que sexa de propiedade municipal e, unha vez que teñamos a parcela, xeraremos equipamentos comunitarios”, criticou Verea sobre a proposta municipal exposta. O líder popular considera que a adquisición da parcela como “investimento estratéxico” –que, sinala, levaba no seu programa electoral– é a “última oportunidade que tiña o Ensanche para transformarse de face ao século XIX”.
A “FOLLA DE RUTA” DO CONCELLO
Doutra banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu a “folla de ruta” do seu goberno: “Eu creo que hai unha folla de ruta, que está neste caso referendada pola maioría da corporación municipal que di que na parcela Peleteiro vai haber vivenda protexida”.
Nunha entrevista concedida a Cadena SER este martes, a rexedora lembrou que este proxecto contempla tamén unha praza pública, un centro de día e un equipamento social. “Esa é a folla de ruta na que imos seguir traballando, independentemente de que cada quen ten a liberdade de propor ou opinar”, defendeu.