InicioSANTIAGOA USC pide frear a creación da Universidade privada Emilia Pardo Bazán...

A USC pide frear a creación da Universidade privada Emilia Pardo Bazán por falta de demanda e planificación

A institución compostelá considera que a creación desta universidade carece de xustificación social e académica

Publicado o

Xornal de Compostela

O claustro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou esta semana unha declaración institucional na que solicita á Xunta de Galicia, ao Parlamento galego e a outras entidades competentes a paralización do proceso de creación da Universidade Emilia Pardo Bazán, unha nova institución de carácter privado promovida polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) con sede na Coruña.

Durante a sesión do pasado xoves, o órgano universitario expresou o seu rexeitamento á creación dunha nova universidade privada, argumentando que non existe unha demanda nin social nin académica que a xustifique. Segundo o texto aprobado, a oferta formativa prevista para esta nova institución entra en colisión coa xa existente no sistema universitario público galego, ao tempo que podería supor unha duplicidade innecesaria de titulacións.

A declaración alerta de que a posta en marcha dunha nova universidade debe basearse en criterios estritamente académicos, sociais e estratéxicos, e non responder a intereses particulares ou mercantilistas que comprometan a calidade, cohesión e sustentabilidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

O claustro da USC tamén cuestiona a ausencia de avaliación pública rigorosa sobre o cumprimento dos estándares requiridos por parte do proxecto promovido por Cesuga. A institución compostelá lembra que non hai evidencias públicas que acrediten que a nova universidade cumpra os requisitos establecidos pola lexislación vixente, nin informes técnicos ou sociais que avalen a súa necesidade.

Ademais, o documento considera que este proxecto se está a desenvolver sen a planificación adecuada nin diálogo co conxunto das universidades galegas, o que podería xerar unha fragmentación innecesaria do sistema universitario no actual contexto de necesidade de consolidación e reforzo das institucións públicas.

Neste sentido, a USC pon como exemplo o informe desfavorable emitido pola Conferencia Xeral de Política Universitaria en marzo de 2024, no que a Xunta de Galicia se abstivo. A universidade compostelá reclama, por tanto, que se respecte ese ditame e que se dea prioridade ao fortalecemento do sistema público universitario, considerado esencial para garantir a igualdade de acceso e a calidade educativa.

A declaración foi enviada á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e ao Consello Galego de Universidades, ademais de solicitar acción directa ao Goberno galego e ao Parlamento para frenar a tramitación da nova universidade privada.

ÚLTIMAS

As asociacións veciñais de Santiago formalizan a súa coordinadora e reclaman cambios na taxa do lixo e no transporte urbano

A Coordinadora das Asociacións Veciñais de Santiago celebrou onte mércores unha reunión na Casa...

O BNG reclama un servizo médico permanente no aeroporto da Lavacolla

O BNG instou a garantir un servizo médico público e permanente no aeroporto de...

Proxecto piloto en Santiago para a conciliación durante o curso, especialmente en familias migrantes

O Concello de Santiago pon en marcha un proxecto piloto, chamado Eduteca, para favorecer...

Santiago acolle a quinta edición do SISONS Festival Connect

Do 15 ao 18 de outubro de 2025 celebrarase en Santiago de Compostela a...

Proxecto piloto en Santiago para a conciliación durante o curso, especialmente en familias migrantes

O Concello de Santiago pon en marcha un proxecto piloto, chamado Eduteca, para favorecer...

Galicia e Lazio avanzan na cooperación cultural cara ao Xacobeo 2027

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo este xoves en Roma unha...

Unha asemblea na facultade de Matemáticas acorda impulsar un paro académico en outubro en defensa dos másteres públicos da USC

A comunidade educativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) planea un paro académico en outubro...