Un total de 194 persoas con discapacidade intelectual participa este sábado na edición número 25 dos Special Olympics Galicia, que se celebra no estadio de atletismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A xornada deportiva, de entrada de balde, reunirá a máis de 200 persoas entre atletas, adiestradores, voluntarios e integrantes da organización e inaugurarase ás 10:45 da mañá, co inicio das competicións ás 12:00 horas.
Na presentación do evento, a concelleira de deportes, Pilar Lueiro, explicou que esta actividade contribúe a aumentar a autoestima, a superación, as relacións sociais e a plena integración das persoas con discapacidade intelectual, ademais de fomentar uns hábitos de vida saudables.
Pola súa banda, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, expuxo que o evento contará coas probas clásicas do atletismo, adaptadas a distintos niveis de dificultade, do 1, con “maior nivel” entre os atletas, ao 4, coa finalidade de demostrar, asegurou, as posibilidades que teñen estas persoas de participar igual que calquera outra.
Tamén Fernández aproveitou para desexar sorte aos participantes e subliñou a importancia do esforzo porque, aínda que “chegar primeiro nun nivel é importantísimo, quen chegou de último se cadra ten tanto mérito como o primeiro”.
Por iso, o presidente da organización advertiu aos participantes de que non compitan nun nivel por baixo das súas capacidades para ter máis posibilidades de gañar. Segundo puntualizou, “é motivo de descualificación” porque “todos deben de ter as mesmas oportunidades de gañar e de perder”.