O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou este xoves a modificación do Eixo de Mobilidade entre Milladoiro e San Caetano, que discorre a beiras do río Sar e que se afasta agora da zona do Banquete de Conxo tras as queixas veciñais.
Na rolda de prensa ofrecida esta mañá e acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, informou deste trámite que este xoves publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). No prazo dun mes, os interesados poderán trasladar suxestións con relación á nova alternativa.
Insistiu en que se executan variacións en aras do “consenso” e non porque o proxecto non fose “completamente viable” e “respectuoso” coa contorna e coa iniciativa de restauración exposta para a zona de Conxo polo Concello de Santiago.
Así, explicou que o novo proxecto, aínda que presenta “peores” características xeométricas”, con algo máis de pendente, “segue sendo funcional”.
Agora, aproveita as plataformas existentes do aparcadoiro do Hospital de Conxo — asegurou que isto non afectará o número de prazas, que se reordenan e mesmo se consegue unha maior eficiencia — para afastarse da zona do Banquete e eliminar tamén desta forma as cruces polo río Sar.
Sáese así completamente do Plan Especial de Conxo e dá continuidade ao espazo ciclista pola zona e aos peóns polas sendas xa existentes.
Tamén atende a petición do Concello de Santiago para evitar aproximarse aos hortos urbanos na contorna da rúa Clara Campoamor.
PROPOSTA QUE BUSCA “CONSENSO”
“Buscando o máximo consenso e cun maior coñecemento do terreo, propomos un novo trazado que axude a sacar o foco desta problemática que vén enfocando nos últimos meses e volver centrarnos en que se está creando unha infraestrutura de futuro para toda a área metropolitana”, esgrimiu Menéndez.
Para chegar a este punto, tal e como detallou, analizáronse tres propostas: a inicial da Xunta, a do Concello de Santiago e unha terceira, a escollida, en base a parámetros como a seguridade, o impacto ambiental, cultural e social, a funcionalidade e o custo.
Con todo, o director da Axencia de Infraestruturas reivindicou en varias ocasións a “viabilidade” do proxecto inicial, que se baseaba nunha pista “executada polo Concello, sen practicamente ningunha modificación” e nunha zona xa “fortemente antropizada pola execución de obras ferroviarias e polo colector do río Sar, obras moitísimo máis agresvias do que formulaba o proxecto”.
Respecto das críticas dos veciños, Menéndez comentou que se lles convocará para explicarlles a proposta, pero remarcou que “se entendemos que a bicicleta é unha alternativa de mobilidade, hai que facer cousas para que así sexa”.
“Esta é unha postura razoable. O que teñen que entender é que quizais a día de hoxe igual non é moi razoable que unha persoa discapacitada, por exemplo, non poida achegarse ao Banquete. Aínda así, non nos achegamos, pero cremos que mellora moito a accesibilidade”, apuntou.
“O PROXECTO ESTÁ CORRECTAMENTE TRAMITADO”
Nesta mesma liña, e respecto das dilixencias abertas por un Xulgado de Santiago e a Fiscalía Europea sobre a denuncia de Ecoloxistas en Acción, Menéndez mostrou a súa tranquilidade.
“De forma técnica e apaixonada, consideramos que é unha boa solución da que sentirse orgullosos (…) Temos solicitudes de información. O proxecto está correctamente tramitado. Que haxa unha parte da poboación á que non lle guste é unha cousa, e que haxa un problema xudicial, outro”, asegurou.
Así mesmo, puntualizou que é “evidente” que durante a execución das obras hai a “necesidade” de abrir unha plataforma para despois executala, “pero o resultado final non ten nada que ver co momento de execución das obras”.
Por último, reivindicou que con este tipo de actuacións a Xunta pretende pór a Santiago á altura das grandes capitais europeas en mobilidade ciclista, “con mellores criterios de respecto e integración”.
Sobre os avances do eixo en si mesmo, comentou que van “a bo ritmo” e que algunhas partes poderán abrirse entre finais deste ano e principios de 2025.
A intervención forma parte da creación dun eixo máis amplo que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e San Caetano: case 13 quilómetros que suporán un investimento de case 12 millóns de euros.
As actuacións están amparadas polo programa europeo de Fondos Next Generation “co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera”.
ECOLOXISTAS EN ACCIÓN: “A MODIFICACIÓN É UNHA BURLA”
Para Ecoloxistas en Acción, a modificación presentada pola Administración autonómica é “unha burla”. De feito, aseguran que “non é tal”, xa que “só fai un pequeno requiebro no hospital e evita un tramo o Banquete de Conxo”.
Insisten en que atravesa igual ao fina do Mosteiro e discorre pola beira do Sar e por zonas inundables.
Por iso, avanzan que non só manteñen a acción xudicial, senón que instan o Goberno de Santiago e ao partidos BNG, PSOE e Compostela Aberta a que se unan á demanda como acusación particular.
COMPOSTELA ABERTA CUALIFICA O PROXECTO DE “BARBARIDADE”
Pola súa banda, Compostela Aberta tamén lamentou que a Xunta de Galicia perdese ” a oportunidade” de corrixir “de verdade” un proxecto que cualifican de “barbaridade”.
Para a formación, o Goberno galego continúa “ignorando aos veciños” e “cae no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo”.
“O Goberno galego non mellora a proposta inicial, senón todo o contrario, e volve obviar que existen alternativas praa esta senda que son absolutamente respectuosas co Banquete de Conxo, que non pon en risco árbores centenarias como ocorre con esta alternativa, e que non pasan por hormigonar á beira do río”, afirmou a portavoz de CA, María Rozas.
“De nada vale — continuou–, que o Goberno galego anuncie agora unha reunión a posteriori, se non é para escoitar e ter en conta as achegas dos veciños”.
Tamén puntualizou que Francisco Menéndez non pode “ampararse” en que a tramitación do proxecto foi a correcta porque, “á espera de coñecer o que decide a xustiza nas dilixencias abertas“, asegura que, que unha proposta sexa leiga, “non equivale a que sexa a mellor para a súa contorna e para os veciños”.
Así mesmo, avanzou que a súa formación avaliará con detalle o novo trazado, “tendo en conta que as modificacións previstas non cambian substancialmente o impacto na contorna natural” e non descarta presentar alegacións a este proxecto modificado.