InicioSANTIAGOO pleno de Santiago reproba ao Goberno local por "declaracións contra a...

O pleno de Santiago reproba ao Goberno local por “declaracións contra a Policía”

A reprobación tivo apoio do PP e a abstención do PSOE

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno do Concello de Santiago reprobou cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE ao Goberno local polas súas “declaracións contra a Policía” tras os incidentes ocorridos o pasado 6 de outubro despois dunha manifestación pola paz en Palestina e que se saldaron con nove persoas detidas e varios policías feridos.

Na defensa desta proposición, o portavoz do PP, Borja Verea, criticou a “confusión” que, na súa opinión, ten o BNG entre “gobernar para todos e gobernar só para a súa xente”.

“Son un goberno que perdeu as eleccións; son o goberno con menor apoio popular da historia de Santiago, con menor apoio directo da cidadanía. Todos pensabamos que isto sería unha fonte de humildade, pois todo o contario: un goberno en minoría que se empeña en defender os posicionamentos máis radicais do BNG, que non goberna para todos, un goberno soberbio e un goberno illado“, denunciou.

Así, asegurou que o ocorrido tras a manifestación en apoio ao pobo palestino foi que “un grupo de persoas asaltaron un negocio de hostalaría compostelán e increparon e molestaron a traballadores e familias” e, tras isto, a Policía Nacional “reaccionou” e desaloxou “o recinto asaltado”.

Informacións posteriores, continuou Verea, confirmaron que “o resultado foi de varios policías feridos, incautación de armas como cadeas metálicas ou tesoiras”. “Esta é a xente que vostedes defenden, porque ás poucas horas de coñecerse estes incidentes, o goberno de Santiago, en mans do BNG, sen que ninguén preguntase, fixo unha declaración pública de apoio aos asaltantes e cualificando a actuación da Policía de excesiva”, lamentou.

Para o portavoz popular, o Executivo de Goretti Sanmartín “secuestra a vontade maioritaria da cidade” e sitúase “ao lado dos que portan armas, agriden a policías e asaltan negocios”.

Por iso, defendeu que esta proposición busca “recuperar a dignidade institucional do Concello” porque o portavoz popular está “convencido” de que “a maioría da cidade non está de acordo cos ataques á Policía”.

“O BNG e CA non se van a desculpar nin reprobar a eles mesmos, pero esperamos que o PSOE se poña ao lado das familias, os traballadores e os negocios asaltados, así como da Policía Nacional”, expuxo antes de sinalar que “moitos socialistas composteláns están arrepiados con esta deriva ideolóxica e esta decadencia de valores deste goberno”.

BNG E CA

Pola súa banda, a concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas (CA), insistiu en que a actuación policial foi “excesiva e desproporcionada”, sinalando as imaxes da carga policial que transcorreron por redes sociais.

“O que non vimos é ningún vídeo da suposta violencia que o PP asegura que se cometeu desde o outro lado, nin tampouco ningunha das imaxes do que vostedes definen como irrupción de radicais no establecemento da Senra”, expuxo.

Por iso, defendeu que Compostela Aberta pediu “explicacións e transparencia” por ese operativo policial e insistiu en que a súa formación “condena rotundamente a violencia, veña de quen veña”, algo que, engadiu, non sabe se o PP está “en condicións de dicir o mesmo”.

Neste sentido, criticou aos populares que non fosen gravar ” un vídeo á gasolineira saqueada por ultras do Málaga” na Sionlla, “Non lle escoitei ningunha palabra sobre isto. Non me esperaba outra cousa”, afirmou. Tras estas palabras, Borja Verea asegurou na súa quenda de réplica que si que estiveron nese establecemento.

Na mesma liña manifestouse a portavoz municipal, Míriam Louzao (BNG), que considerou que esta proposta de reprobación é “un episodio máis á serie que Verea nos ten adoitados”: “O seu desgusto cos resultados das eleccións”.

Tamén o acusou de “falta de aceptación das normas democráticas e de estar “desde a distancia da cómoda cadeira de brazos parlamentaria”.

En todo caso, sobre os feitos do 6 de outubro, Míriam Louzao reiterou que o Goberno local “preocupouse e interesou polas persoas implicadas” e tamén “manifestou que consideraba algo excesiva a intervención policial”.

PSOE PIDE NON “INSTRUMENTALIZAR”

Doutra banda, o concelleiro socialista Sindo Guinarte sinalou que o PP “instrumentalizou” os feitos, que cualificou de “marxinais” e de “unha transcendencia que non se merecen”.

Por iso, avanzou que o grupo do PSOE absteríase e non apoiaría esta reprobación, xa que “instrumentaliza uns feitos marxinais que nunca deberían de ter o protagonismo que tiveron”.

Con todo, recoñeceu que a reacción dos membros do goberno municipal “non foi tampouco adecuada”. Neste sentido, o edil argumentou que se trata de “representantes do conxunto da cidadanía que falan no nome da institución que representan”, polo que “non se pode dicir que unha actuación policial prodúcelles repulsa ou que foi excesiva polas imaxes que viron”.

“Son as que viron, non sei as que non se viron; e as redes sociais deus líbrenos de que sexan un instrumento de proba en ningún proceso”, aseverou.

Na quenda de réplica, o portavoz popular criticou que o PSOE fale de “un acto marxinal”, asegurando que se trata de “unha covardía que se suma” a un PSOE que “vai camiño da autoinmolación e desaparición”.

A continuación, Sindo Guinarte insistiu en que dicir que son actos marxinais “non lle resta a posible gravidade que teñan na súa singularidade”.

“O que tratei de pór de manifesto é que o importante do que pasou ese día e do que se debía de estar a falar é dos miles de persoas que participaron nesa manifestación ante unha situación gravísima”, reivindicou antes de insistir en que a actuación do PP “non merece” o seu respaldo porque “instrumentaliza os feitos”, aínda que tampouco estean “de acordo coa reacción que tivo o goberno municipal”.

Para finalizar, fixo uso da palabra a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que pediu non “apartarse” dos temas “que son graves e importantes” e “non deixarse levar” por outros asuntos que “ao final acaban caendo nun tipo de política que provoca desafección”.

O relevante é a causa de por que falamos disto, falamos por mor dunha manifestación pola paz e para manifestar e visibilizar que se asasina a miles de nenos, que perden a vida tamén por cuestións relacionadas coa fame e enfermidades. Iso vainos a levar a un clima de non centrarnos en cales son os problemas. A solidariedade co pobo palestino debería de estar por encima”, manifestou.

ÚLTIMAS

Estudantes da USC parten cara Valencia cargados de víveres

A solidariedade galega trascende fronteiras, condicións e idades. Todo o país se está volcando en...

Aprobada definitivamente a ordenanza que regula as vivendas de uso turístico en Compostela

O pleno do Concello de Santiago aprobou definitivamente a ordenanza que regula a comunicación das vivendas...

Un camión sae da vía e acaba envorcado nun terraplén na AP-9, á altura de Santiago

Un camión de transporte saíu da vía este luns na autoestrada AP-9, e acabou envorcado...

A SD Compostela impónse ao Coruxo por 1-0 e continúa escalando na clasificación

A SD Compostela logrou este domingo unha importante vitoria por 1-0 fronte ao Coruxo...

Estudantes da USC parten cara Valencia cargados de víveres

A solidariedade galega trascende fronteiras, condicións e idades. Todo o país se está volcando en...

Aprobada definitivamente a ordenanza que regula as vivendas de uso turístico en Compostela

O pleno do Concello de Santiago aprobou definitivamente a ordenanza que regula a comunicación das vivendas...

Un camión sae da vía e acaba envorcado nun terraplén na AP-9, á altura de Santiago

Un camión de transporte saíu da vía este luns na autoestrada AP-9, e acabou envorcado...