InicioPOLÍTICAO PP tacha de "cacicada" que Raxoi non renove ao interventor actual

O PP tacha de “cacicada” que Raxoi non renove ao interventor actual

Miriam Louzao lembra que se trata dunha persoa en idade de xubilación e asegura que "non se cuestiona" o seu labor

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do grupo municipal, Miriam Louzao, xustificou a decisión de non conceder unha nova prórroga ao interventor actual no feito de que buscan un perfil “máis proactivo e adaptado á administración electrónica”. Así o explicou Louzao este luns na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno local, respondendo as acusacións do grupo popular que cualificou de “cacicada” a decisión de substituír ao interventor.

E é que esta mañá, os concelleiros do PP de Santiago, José Ramón de la Fuente e Olaya Otero, acusaron ao BNG de pretender “colonizar a administración municipal” cunha decisión que cualificaron de “auténtica cacicada”. Os populares lembraron que a prórroga se autorizou hai un ano, polo que se preguntan “que cambiou” cando o perfil era “adecuado” hai un ano e agora xa non.

Tamén apuntaron que a función do interventor é “controlar e fiscalizar a xestión económica, financeira e orzamentaria”, polo que está dotado de “unha especial protección legal para garantir a súa independencia”. “Preguntámonos se isto é en realidade o que lle molesta ao Goberno municipal. Nada cabería obxectar á decisión da alcaldesa se a basease en razóns organizativas ou obxectivas, por tanto, aplicables a situacións similares”, sinalou José Ramón de la Fuente.

Consideran ademais que a procura dun perfil “máis proactivo” son “escusas premeditadamente ofensivas”. “Cremos que, en realidade, prescíndese do interventor non polas súas cualidades profesionais, senón porque pon en evidencia, con cada informe, a capacidade de xestión do Goberno municipal. A decisión cremos que transita pola imprecisa, confusa e delgada liña que separa o discrecional do arbitrario”, criticaron. Advirten tamén que o decreto é un “aviso para navegantes”, unha “advertencia para o funcionario que pretenda exercer as súas funcións de modo profesional, imparcial e independente”. “A mensaxe que se lanza é clara e obvia: desfacerse do discrepante”, aseguran.

LOUZAO ASEGURA QUE “NON SE CUESTIONA” O LABOR DO INTERVENTOR

Segundo explicou Louzao, a última prórroga concedida termina o 14 de setembro, a partir de cando se recorrerá temporalmente a unha comisión de servizos “para que se conte o máis rapidamente posible cunha persoa para exercer este labor”. A segunda tenente de alcaldesa puntualizou que a decisión de prescindir do interventor non “cuestiona para nada o seu labor”, senón que está relacionada cos “cambios que a Administración necesita para estar á altura no seu funcionamento e que teñen que ver coa administración electrónica”.

“Neste momento, consideramos que temos que contar con profesionais máis proactivos no uso das novas tecnoloxías e na modernización de procedementos para poder alcanzar obxectivos como, por exemplo, no pago de facturas, garantir que os procedementos son realizados máis rápido e o máis correctamente posible”. “Insisto en que calquera interventor sinalará nos informes o que non está correcto. Iso é obvio que o vai a facer calquera interventor que veña. E polo en dúbida paréceme un pouco escandaloso por parte do Partido Popular”, lamentou. Louzao insistiu en que as administracións se atopan inmersas nun proceso de cambio “intenso” e que adaptarse ás transformacións tamén require unha renovación de equipos con novos perfís. Ademais, sinalou que esta persoa xa se atopa en idade de xubilación.

REDUCIÓN DE RUTAS EN LAVACOLLA

Por outra banda, Míriam Louzao tamén se referiu á redución de rutas aéreas no aeroporto de Santiago. Aínda que sinalou que as compañías privadas toman as decisións que consideran oportunas, avanzou que desde o Concello seguirán traballando ao longo do ano para atraer novos destinos e favorecer así a desestacionalización.

Así mesmo, si recoñeceu que a situación do sistema aeroportuario galego é “complexa” e, por iso, considera que debería impulsarse unha política “conxunta e de país”, cun plan estratéxico conxunto dos tres aeroportos, por parte da Xunta, que é quen ten as competencias de mobilidade e turismo. Ademais, sinalou que en diversas reunións pediuse a AENA o seu apoio para isto e que nunca recibiron resposta.

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

No que respecta á Xunta de Goberno, a portavoz municipal explicou que se deu luz verde ao Regulamento da Mesa de Hostalaría que servirá de marco normativo para este “órgano permanente de diálogo coas asociacións que agrupan o sector, como principais interlocutoras e coñecedoras das particularidades da súa actividade” co obxectivo de “analizar conxuntamente os problemas, formular propostas e planificar medidas en ben do interese xeral respecto de todos estes asuntos”.

Louzao destacou a importancia da implicación do sector hostaleiro para “lograr un modelo turístico máis consciente e sustentable, que resulte harmónico coa calidade de vida da veciñanza e enriquecedor desde o punto de vista socioeconómico e cultural”, unha das prioridades do executivo local. O regulamento deberá ser aprobado agora de maneira inicial no Pleno e despois abrirase un prazo de exposición pública antes da súa apobación final.

Tamén se deu luz verde ao expediente de contratación das obras de execución para a mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras, un proxecto ao amparo do PO+ 2024 que conta cun orzamento basee de licitación de 355.699,97 euros (base impoñible de 293.966,92 euro máis IVE do 21 % de 61.733,05 euros) e un prazo de execución de catro meses. Tal e como explicou, as intervencións permitirán cubrir a pista deportiva exterior, construír unha pista de pádel, reformar e reordenar os espazos destinados a vestiarios e mellorar a accesibilidade ás instalacións.

Tamén se acordou a adxudicación do contrato para as obras de execución do proxecto de Pavimentación do lugar de Vilamaior (Sabugueira), ao amparo do PO+ 2023 á empresa ALCOMTE GALICIA, por un importe total de 383.600,19 euros, cunha base impoñible de 317.024,95 euros máis IVE do 21 % de 66.575,24 euros. Esta actuación ten por obxecto o acondicionamento de seis vías que comprende case quilómetro e medio, nas que se reporá o pavimento, executaranse beirarrúas e mellorarase a evacuación de augas pluviais nun prazo de execución de tres meses.

PLAN DE CONTROL TRIBUTARIO

O Goberno municipal tamén aprobou de maneira definitiva a Relación de postos de traballo do Concello de Santiago, que entrará en vigor unha vez publicado no Boletín oficial da provincia da Coruña, o que permitirá “realizar os nomeamentos das persoas que estabilizaron o seu posto no proceso extraordinario e que están pendentes”.

Así mesmo, a Xunta de Goberno autorizou o Plan de control tributario que, tal e como destacou Louzao, “non se rexe por un afán recadador, senón por principios de xustiza tributaria e por tanto, xustiza social”. Indicou que afectará a algo máis de mil expedientes e permitirá a liquidación dunha débeda estimada duns 2 millóns de euros. Explicou que para levar a cabo este labor de inspección e control utilizaranse diferentes métodos de selección, algúns deles de carácter aleatorio e outros a partir da información que ten a propia Tesouraría municipal. Unha vez retomada esta actividade de planificación de control tributaria, esperan aprobar o seguinte Plan de control tributario a comezos de ano.

ÚLTIMAS

O PSOE abre expediente disciplinario a Mercedes Rosón

O Partido Socialista abriu un expediente disciplinario á concelleira compostelá, Mercedes Rosón, tras desatender...

Un incendio queima unha casa de madeira no recinto do antigo colexio Junior’s, na Silvouta

Os bombeiros traballan na tarde deste luns en apagar un incendio que devora unha...

Unha ruta interactiva polas rúas de Compostela lembra o traballo da fotógrafa Ruth Matilda Anderson na cidade

Unha ruta interactiva polas rúas e prazas de Santiago lembra o traballo da fotógrafa...

O PSOE abre expediente disciplinario a Mercedes Rosón

O Partido Socialista abriu un expediente disciplinario á concelleira compostelá, Mercedes Rosón, tras desatender...

Un incendio queima unha casa de madeira no recinto do antigo colexio Junior’s, na Silvouta

Os bombeiros traballan na tarde deste luns en apagar un incendio que devora unha...

Unha ruta interactiva polas rúas de Compostela lembra o traballo da fotógrafa Ruth Matilda Anderson na cidade

Unha ruta interactiva polas rúas e prazas de Santiago lembra o traballo da fotógrafa...