InicioPOLÍTICAO pleno de Santiago aproba unha nova comisión para estudar a xestión...

O pleno de Santiago aproba unha nova comisión para estudar a xestión da rede de abastecemento de auga

A proposición tivo posturas diverxentes entre os grupos

Publicado o

Xornal de Compostela

O pleno municipal de Santiago aprobou este xoves por unanimidade, e por terceiro mandato consecutivo, a creación dunha comisión para estudar un cambio na xestión da rede de abastecemento de auga. Con todo, as posturas sobre cal debe ser o modelo continúan distantes entre os grupos.

Mentres a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), avoga por determinar o que sexa “mellor desde un punto de vista económico”, Compostela Aberta, os seus socios de goberno, optan claramente pola remunicipalización. Pola súa banda, a oposición (PP e PSdeG) rexeita a xestión totalmente pública do servizo.

O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez (BNG), foi o encargado de defender a proposta no pleno, lembrando que o contrato actual está “en precario” desde 1995, funcionando con sucesivas prórrogas, e que a infraestrutura está “obsoleta”.

Domínguez considera que estudar o modelo permite “non só resolver unha situación administrativa, senón mellorar a xestión da totalidade do ciclo da auga”. Neste sentido, apelou aos grupos a alcanzar “o maior consenso posible” na decisión final.

Este será o terceiro mandato consecutivo no que se crea este órgano de estudo, xa presente baixo os mandatos de Martiño Noriega (CA) e Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG). Na comisión estarán presentes os catro grupos políticos con voto ponderado, e tamén asistirán asesores xurídicos e técnicos do Concello con voz pero sen voto. En calquera caso, un eventual cambio no modelo terá que votarse en pleno.

DEBATE “IDEOLÓXICO” E “ECONÓMICO”

Desde Compostela Aberta, socios de goberno do BNG, a aposta pola municipalización é clara. A tenente de alcaldesa, María Rozas, reclamou un debate “de maneira sosegada e obxectiva”, que fuxa “de apriorismos”. “É un debate non só ideolóxico, que tamén, senón económico”, subliñou.

Para apoiar a súa postura, Rozas citou ao ministro de Transportes, Óscar Puente, quen destacou a remunicipalización da auga en Valladolid durante a súa xestión como alcalde.

Por parte do PP, grupo maioritario, o seu líder local, Borja Verea, cualificou a xestión da auga como a “cuestión pendente máis complexa” que ten o Concello de Santiago, preguntando á alcaldesa “por que no primeiro ano de mandato non fixo nada”.

Verea lembrou que o seu grupo avoga pola concesión ou por unha empresa mixta público-privada. A pesar de criticar a falta de “informes, documentación nin propostas”, votou a favor da comisión de estudo pola importancia do debate, solicitando “eficacia, utilidade e, sobre todo, transparencia”.

A postura do PSdeG foi explicada pola edila Mila Castro, quen lembrou que no anterior goberno se estudaron “todas as posibilidades” e que un informe de 2020 concluíu “que a fórmula máis eficiente e sustentable para o Concello de Santiago é a concesión” debido aos “investimentos millonarios” que require a infraestrutura. Indicou que este é o modelo en municipios gobernados polo BNG como Pontevedra e Carballo.

Os socialistas tamén apoiaron a creación da comisión, aínda que Castro preguntou se realmente servirá para “coñecer a opinión experta ou para repetir o informe tantas veces como sexa necesario” para que diga o que quere o goberno.

ÚLTIMAS

A Real Academia Galega presenta en Santiago o documental sobre Begoña Caamaño co gallo das Letras Galegas 2026

A Real Academia Galega presentará o vindeiro luns 27 de abril en Santiago de...

O Concello de Santiago abre o prazo para solicitar praza nos programas de conciliación de verán a partir do 27 de abril

O Concello de Santiago abre este luns 27 de abril o prazo para solicitar...

A Xunta busca alternativas para as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos para reducir o impacto visual no Obradoiro

O director xeral de Patrimonio Cultural, Anxo Miramontes, anunciou que a Xunta de Galicia...

Sanidade activa un protocolo por un brote de sarna no Hospital de Conxo que afecta a 20 profesionais

O servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria de Santiago puxo...

Sanmartín afirma que a declaración de Santiago como mercado residencial tensionado “chega tarde” e reclama axilizar a súa aplicación

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou que a cidade foi declarada oficialmente como...

Verea responsabiliza ao goberno local da declaración de zona tensionada e cuestiona a súa política de vivenda

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, afirmou este venres que a...

O PSOE de Santiago denuncia un “cuarto colapso” sanitario e reclama á Xunta reforzos inmediatos no PAC

O secretario xeral do PSOE de Santiago, Aitor Bouza, denunciou un novo episodio de...