InicioPOLÍTICAGoretti Sanmartín indica que o pleno decidirá sobre a xestión da auga...

Goretti Sanmartín indica que o pleno decidirá sobre a xestión da auga en Santiago

A alcaldesa reitera que a nova comisión avaliará a opción máis sustentable e eficiente para o ciclo da auga

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, insistiu este xoves en que será o pleno da corporación o que decida sobre a xestión municipal da auga, unha vez estudados os informes que encargue a comisión recentemente creada para ese fin.

Este mércores o Concello informaba de que o pleno da Corporación de maio debaterá unha proposta da Alcaldía para crear unha comisión especial que analizará a forma “máis sustentable e eficiente” da xestión do ciclo da auga, que estará integrada por unha representación de todos os grupos e por persoal técnico municipal.

Esta comisión, segundo indicaron, elaborará un informe coas conclusións de acordo co estudo realizado en xullo de 2020, “sen prexuízo de impulsar outros traballos que xulgue necesarios” para o cumprimento do seu fin.

O obxectivo, sostén o goberno local, é “dar os pasos necesarios para regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento” que se prestan dunha maneira precaria no concello de Santiago de Compostela desde que venceu a prórroga do contrato.

Este xoves, a preguntas dos medios, a alcaldesa insistiu en que, per se, nin a xestión directa nin indirecta é mellor e que haberá que estudar “cada caso particular”.

“En cada lugar, haberá que determinar cal é o estado das infraestruturas, como son os investimentos que hai que facer a medio, curto e longo prazo… Entón, determinar o que é máis eficiente, máis sustentable e mellor economicamente”, explicou.

Precisamente para iso, sinalou, encárganse os estudos sobre os que reflexionará a comisión, algo ao que, lembrou, comprometeuse a súa formación en campaña.

Aínda que evitou dar prazos, si asegurou que a idea é “facelo canto antes” e traballar con “a máxima celeridade”.

Tal e como informaban este mércores, a proposta para pór en marcha esta comisión inclúe que estará integrada pola alcaldesa ou membro da Corporación en quen delegue, que actuará como presidente da comisión, e dous membros representantes do seu respectivo grupo municipal dos que forman a Corporación.

Ademais, estarán as persoas titulares de órganos e postos técnicos, que terán voz pero non voto, da Secretaría do pleno, da Dirección da Asesoría Xurídica, da Intervención municipal, da Dirección da área de Urbanismo e Infraestruturas, da Coordinación Xeral, da Xefatura de Sección de Saneamento e da Dirección da área de Sustentabilidade e Servizos Básicos, que actuará como secretaria desta comisión.

Cando se constitúa a comisión, poderá requirir o asesoramento que considere, tanto de persoal técnico municipal como externo, e cando o así o decida, dará conta ao pleno dos seus avances ou das decisións adoptadas.

Reunión o luns con traballadores de Raxoi

Por outra parte, a rexedora compostelá insistiu en que as demandas presentadas este mércores por un grupo de funcionarios do Concello, que se mobilizou aproveitando a recepción oficial con motivo da celebración da súa patroa, Santa Rita de Casia, xa están atendidas.

Segundo indicou, estas cuestións están “garantidas”; “non só comprometidas, senón feitas” e considera que agora só se trata dunha “preocupación polo espazo temporal” nas que se implementarán.

Estas cuestións abordaranse o vindeiro luns nunha reunión que manterán coa representación sindical.

ÚLTIMAS

Santiago asfalta preto de 10.000 metros cadrados de vías urbanas e rurais nas últimas semanas

O Concello de Santiago levou a cabo nas últimas semanas diversas actuacións de mellora...

A Xunta apraza ata o xoves o desvío do tráfico para a montaxe da pasarela da senda Milladoiro-Intermodal

A Consellería de Infraestruturas anunciou un cambio na planificación das obras da nova senda...

Compostela move ficha cos orzamentos de 2026: máis de 148 millóns a debate na Comisión de Facenda o día 17

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, avanzou que o goberno municipal convocará o vindeiro...

O Son do Camiño esgota todos os abonos para a súa edición de xuño en Santiago

O festival O Son do Camiño volveu esgotar todos os seus abonos para a edición...

O PP de Santiago reclama ao goberno local un local axeitado para a Asociación Compostelá de Diabetes

A concelleira do Partido Popular de Santiago Yolanda Otero mantivo recentemente unha reunión con...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

O PP denuncia a paralización das obras da rúa García Lorca e reclama medidas urxentes para garantir a seguridade viaria

O Grupo Municipal do Partido Popular de Santiago denunciou a situación das obras de...