InicioPOLÍTICAPP e PSOE alertan da caída dos indicadores turísticos de Santiago

PP e PSOE alertan da caída dos indicadores turísticos de Santiago

O Goberno local vincula os datos ao recorte de rutas de Ryanair e asegura que a conectividade aérea mellorou para os meses centrais do ano

Publicado o

Xornal de Compostela

Os grupos do PP e do PSOE coincidiron este mércores en advertir da evolución negativa dos indicadores turísticos de Santiago de Compostela, despois de que os últimos datos coñecidos sitúen a capital galega entre os destinos urbanos con peor comportamento nos últimos meses. A situación xerou críticas tanto desde o grupo popular como desde o socialista, que reclamaron medidas para reverter unha tendencia que, segundo sinalan, afecta a sectores como a hostalaría, o comercio, a actividade hoteleira e o emprego vinculado ao turismo.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo e portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, respondeu que os datos publicados por Exceltur non supoñen unha novidade para o Concello, xa que, segundo explicou, a evolución negativa xa fora analizada mes a mes a medida que se coñecían os datos do INE. A edil vinculou esta caída ao impacto do recorte de rutas de Ryanair no aeroporto compostelán e asegurou que o Goberno local xa advertira de que esta situación tería efecto nos indicadores durante varios meses.

“É unha cuestión que xa viñemos falando mes a mes, segundo ían saíndo os datos do INE”, sinalou Louzao, que insistiu en que o descenso estaba relacionado “directamente co peche dun alto número de rutas por parte de Ryanair no noso aeroporto”. Nese sentido, afirmou que o Concello asumía que habería meses con peores resultados, mais defendeu que Turismo de Santiago leva tempo traballando para mellorar a conectividade aérea.

A portavoz municipal asegurou que a situación actual do aeroporto é mellor que a rexistrada nos meses anteriores e apuntou que as perspectivas para a temporada alta e para o outono son máis favorables. Segundo indicou, o propio sector turístico tamén trasladou expectativas máis positivas para os meses centrais do ano. “Neste momento temos unha conectividade aérea moitísimo mellor no aeroporto”, afirmou, antes de engadir que o Concello continúa traballando para reforzar tamén a programación da temporada de inverno.

Louzao defendeu que a mellora da conectividade para o verán se conseguiu grazas a un traballo desenvolvido por Turismo de Santiago, aínda que volveu reclamar unha maior implicación doutras administracións. A concelleira sostivo que este tipo de xestións e campañas de comunicación non deberían recaer unicamente nos concellos e pediu colaboración á Xunta de Galicia. “Seguimos demandando que esas campañas de comunicación e esas xestións non debían facelas os concellos en solitario”, indicou.

A portavoz do Goberno local tamén cuestionou que, polo momento, os compromisos anunciados desde a Xunta se traducisen en actuacións concretas. Segundo afirmou, ata agora o Concello só recibiu anuncios, que cualificou de “bastante pírricos”, e engadiu que nin sequera se constataron na realidade. Con todo, asegurou que o Executivo municipal continuará reclamando colaboración mentres mantén o traballo propio desde Turismo de Santiago.

No caso do PP, o deputado Borja Verea interveu no Parlamento de Galicia para reclamar unha nova etapa para Compostela baseada, segundo indicou, na confianza, a ambición e o orgullo de cidade. O popular asegurou que os datos turísticos son “moi preocupantes” e lembrou que Santiago foi, ata abril, a cidade española na que máis caeu a rendibilidade hoteleira, ademais de acumular meses de malos resultados en ocupación, pernoctacións e actividade turística.

Verea defendeu que o turismo non debe ser tratado como un problema para Santiago. “Xa vai sendo hora de dicir algo con claridade: o turismo non é un inimigo de Santiago”, afirmou. Na súa intervención, sostivo que esta actividade forma parte da identidade compostelá, da súa economía e da vida de milleiros de familias que dependen directa ou indirectamente dela.

O deputado popular dirixiu as súas críticas ao Goberno local, ao que acusou de estar “instalado permanentemente na sospeita cara ao turismo”. Segundo expuxo, o Executivo municipal estaría máis centrado en promover límites, taxas ou mensaxes negativas que en desenvolver unha estratexia ambiciosa para a cidade. “Santiago non pode resignarse a perder peso turístico mentres outras cidades avanzan”, advertiu.

Verea insistiu en que o debate non pasa por defender un modelo masificado nin sen control, senón por facer compatible a actividade turística coa convivencia, a protección do casco histórico e a calidade de vida da veciñanza. Nese sentido, apostou por ordenar o turismo, mais tamén por apoiar o emprego, a hostalaría, o comercio e a proxección internacional de Santiago.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, atribuíu a evolución negativa do turismo á falta de reacción tanto da Xunta como do Goberno de Goretti Sanmartín. O edil socialista advertiu de que a inacción das administracións está a contribuír ao deterioro dun sector que considera esencial para a actividade económica da cidade.

Guinarte fixo referencia ao último barómetro de Exceltur, que sitúa Santiago como o destino turístico con peor evolución entre os 102 analizados. Segundo o voceiro socialista, estes datos confirman a tendencia xa apuntada pola Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE. “Estamos a falar dunha redución moi significativa da actividade”, sinalou, antes de advertir das consecuencias para os hoteis, a hostalaría, o comercio e os empregos asociados ao sector.

O PSOE tamén destacou a caída dos indicadores de rendibilidade turística. Segundo Guinarte, os ingresos por habitación dispoñible descenden “case un 15%, a maior caída de todo o estudo”. Ademais, subliñou que Santiago é o único destino urbano galego que presenta unha evolución negativa, mentres outras cidades manteñen unha mellora nos seus rexistros.

Para os socialistas, a situación non pode interpretarse como un episodio illado. Guinarte sostivo que os resultados coñecidos consolidan unha tendencia á baixa observada desde hai meses e afirmou que non abonda con atribuír a evolución ao peche temporal do aeroporto Rosalía de Castro. Por iso, reclamou actuacións ás administracións con competencias na materia.

O voceiro socialista pediu á Xunta un “compromiso serio e responsable” coa mellora da conectividade aérea e coa preparación do vindeiro Ano Xacobeo. Na súa opinión, ata o momento houbo declaracións públicas, pero poucas medidas concretas. Tamén reclamou ao Concello un maior impulso á mobilidade e ás actuacións recollidas no Plan de Sustentabilidade Turística, das que afirmou que moitas deberían estar xa desenvolvidas.

ÚLTIMAS

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

800 usuarios afectados por cortes de luz en Santiago e Ames

Uns 800 usuarios víronse afectados esta mañá de venres por cortes da luz debido...

Desarticulado en Santiago un clan familiar que vendía droga nunha vivenda blindada con reixas e unha xanela para entregar doses

A redada antidroga levada a cabo pola Policía Nacional o pasado 15 de xullo...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

Pedro Blanco ve ao PSOE de Santiago “cohesionado” para chegar á Alcaldía e promete “darlle a volta” á cidade: “Estamos ilusionados”

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, mostrouse este martes “convencido”...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here