O Grupo Municipal Socialista de Santiago acadou no último Pleno a aprobación dunha proposta orientada a mellorar a mobilidade e avanzar na humanización urbana no ámbito comprendido entre Rodrigo de Padrón, a avenida de Figueroa e San Clemente, unha zona situada no límite da cidade histórica e caracterizada pola convivencia de múltiples usos.
A concelleira socialista Marta Abal sinalou que o acordo responde a un modelo definido de cidade e explicou que “o acordo vai nunha dirección moi clara: avanzar cara a un espazo de prioridade peonil, pero facéndoo compatible cos usos que xa existen, coa actividade comercial, coa hostalaría, co acceso ás vivendas e cos servizos necesarios no día a día”.
Segundo indicou, trátase dun ámbito especialmente complexo, no que conflúen tráfico, actividade económica e tránsito peonil, o que require unha intervención que permita ordenar os distintos usos. Neste sentido, Abal afirmou que “falamos de poñer máis orde nun ámbito que hoxe soporta moita presión e moitos usos ao mesmo tempo, e facelo con criterios claros: máis espazo para as persoas, mellor regulación do tráfico, da carga e descarga e dos accesos, e menos circulación innecesaria”.
A proposta tamén incide na necesidade de mellorar a calidade urbana da contorna, prestando atención ao seu estado de conservación e á súa integración co casco histórico. A edil destacou que “tamén falamos de dar un paso na humanización desta contorna, mellorando o seu estado, o seu mantemento e a súa integración coa cidade histórica, un dos espazos máis valiosos de Santiago”.
Desde o PSOE subliñan que esta iniciativa está aliñada cos plans municipais vixentes e que ten como obxectivo principal facilitar o día a día da veciñanza, compatibilizando a actividade económica coa mellora do espazo público.
“En definitiva, é unha proposta a favor dunha cidade máis ordenada, máis habitable e máis coherente co que xa recollen os propios plans municipais”, concluíu Abal.

