InicioSANTIAGOTEOO Concello de Teo debate en pleno extraordinario a planta de residuos...

O Concello de Teo debate en pleno extraordinario a planta de residuos proxectada en Cacheiras

O goberno local defende que a autorización depende da Xunta mentres a veciñanza mantén a súa oposición pola proximidade ás vivendas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Teo celebra este xoves pola tarde un pleno extraordinario no que se abordará a instalación dunha planta de tratamento de residuos da construción promovida pola empresa Midón na parroquia de Cacheiras, un proxecto que xerou mobilización veciñal nas últimas semanas.

Segundo informou o propio consistorio, a sesión incluirá a intervención dun representante da Plataforma Stop Planta de Residuos-Cacheiras, un colectivo veciñal que, aínda sen constituírse formalmente, agrupa a persoas contrarias á localización da infraestrutura. A plataforma cuestiona a idoneidade do emprazamento ao considerar que se trata dunha zona con vivendas unifamiliares próximas e servizos públicos, e advirte de posibles afeccións como o incremento do ruído, a presenza de po, o tráfico pesado ou o impacto visual.

Pola súa banda, o goberno municipal, encabezado por Lucía Calvo da Uz, insiste en que a tramitación do proxecto corresponde á Administración autonómica. O Concello subliña que a autorización é unha “competencia exclusiva” da Xunta, polo que asegura que non pode emitir informes vinculantes nin presentar alegacións no proceso.

O executivo local explica que a Xunta solicitou un informe de viabilidade urbanística da parcela onde se pretende situar a planta, situada en chan rústico. Segundo o comunicado municipal, este tipo de solo permite instalacións destinadas á xestión de residuos inertes, tal e como recolle o artigo 35 da Lei do Chan. Nese sentido, o Concello sostén que o informe que lle correspondería emitir sería necesariamente favorable, ao tratarse dun uso permitido.

Ademais, o consistorio recoñece que inicialmente non se elaborou o informe solicitado coa intención de que o expediente puidese quedar arquivado, unha opción que finalmente non prosperou.

A polémica sobre esta infraestrutura xa estivo presente no pleno ordinario do pasado 25 de marzo, no que máis dun cento de veciños se concentraron ás portas da casa consistorial. Nesa sesión, a alcaldesa manifestou que, de depender da súa decisión, a planta situaríase nun emprazamento industrial e non nun núcleo residencial.

Neste contexto, a veciñanza mobilizada propón como alternativa a súa localización no polígono empresarial da Ramallosa, afastado das zonas habitadas.

O comunicado municipal tamén fai referencia ao período de exposición pública do proxecto, que se desenvolveu entre decembro de 2024 e mediados de xaneiro de 2025. Segundo o Concello, foi a plataforma Casalonga Limpa quen difundiu esta información nas redes sociais, pero sinala que nese momento non se presentaron alegacións nin se trasladou a información á veciñanza, unha circunstancia que tamén centra parte do debate político arredor do proxecto.

ÚLTIMAS

Abre ao tráfico o primeiro treito da prolongación da AG-59 entre Santiago e A Estrada

A prolongación da autovía AG-59, entre Santiago e A Estrada, porá este mércores, 22...

Hostaleiros esperan unha ocupación por baixo do 80% na semana das festas do Apóstolo, en Santiago

O portavoz da Unión Hoteleira de Compostela (UHC), José Antonio Liñares, indicou que se...

‘Compostella Expeditio’ recrea o Santiago medieval nunha experiencia de realidade virtual

A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle desde este martes 'Compostella Expeditio',...

Ghaleb Jaber pronunciará o pregón das festas do Apóstolo

Ghaleb Jaber Ibrahim será o encargado de pronunciar o pregón das festas do Apóstolo,...

Rueda defende unha avaliación “rigorosa” da planta de Cacheiras ante o temor veciñal: “É unha bomba absoluta”

A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, afirmou respectar as...

O PP rexeita reiniciar a avaliación ambiental da planta de residuos de Cacheiras e lembra que aínda poden presentarse alegacións

O debate arredor do proxecto para a implantación dunha planta de residuos en Cacheiras,...

Pedro Blanco reivindica en Teo o peso estratéxico do audiovisual galego e destaca máis de 11 millóns en axudas estatais ao sector

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo este martes en Teo o...