InicioPOLÍTICASanmartín declárase "culpable" da súa xestión e acusa ao PP de obstaculizar...

Sanmartín declárase “culpable” da súa xestión e acusa ao PP de obstaculizar a acción de goberno

A alcaldesa defende os avances en orzamentos, vivenda, transporte e servizos públicos e informa dunha sentenza favorable ao Concello polo contrato de autobuses

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, realizou este venres unha valoración dos últimos plenos municipais nos que se aprobou a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos e repasou as principais actuacións do Goberno local, ao tempo que respondeu ás críticas da oposición.

Durante a súa comparecencia, a rexedora iniciou a intervención cun ton reivindicativo ao afirmar: “Quero iniciar esta rolda de prensa declarándome culpable“. A partir desta idea, enumerou diferentes medidas impulsadas polo executivo municipal, entre elas a aprobación dun novo orzamento, o desenvolvemento urbanístico da parcela de Peleteiro con reserva de vivenda protexida ou a posta en marcha dun modelo turístico que definiu como “sustentable e consciente”.

Sanmartín destacou tamén avances noutros ámbitos como a creación dun centro integral para persoas sen fogar, a mellora do servizo de transporte urbano —que, segundo indicou, chegará a todas as parroquias— e o impulso de cambios na xestión de servizos como o ciclo da auga.

A alcaldesa incidiu en que o seu goberno está a traballar para “sacar adiante cuestións que son cruciais pro futuro de Compostela”, citando como exemplos a aprobación dos orzamentos, o desbloqueo de proxectos urbanísticos ou a mellora dos servizos públicos.

En relación coa aprobación da cuestión de confianza, agradeceu o apoio das concelleiras non adscritas e asegurou que actuaron con “altura de miras e responsabilidade”. Segundo explicou, o proxecto orzamentario aprobado “é exactamente o mesmo” que fora rexeitado inicialmente no pleno anterior.

CRÍTICAS AO PARTIDO POPULAR

A rexedora tamén respondeu ás críticas do líder do PP local, Borja Verea, ao que acusou de manter unha actitude de bloqueo político. Así mesmo, cualificou de “grave” a súa posición e denunciou o que considerou un ton “machista” nalgunhas das súas intervencións, sinalando expresións empregadas contra a súa persoa.

“Levo a moita honra ser culpable de defender o mellor para Santiago”, afirmou, ao tempo que acusou á oposición de priorizar “o poder polo poder”.

SENTENZA FAVORABLE POLO CONTRATO DE TRANSPORTE

No ámbito xudicial, Sanmartín informou dunha sentenza favorable ao Concello nun recurso presentado pola empresa concesionaria do transporte urbano, Tralusa. A resolución avala a penalización de 764.000 euros imposta á compañía por non acadar o número de persoas usuarias comprometido.

Segundo explicou, o contrato establecía un obxectivo de 7,4 millóns de viaxeiros, fronte aos algo máis de seis millóns rexistrados. A empresa recorreu esta sanción alegando o impacto da pandemia, mais a xustiza confirmou que a penalización foi aplicada correctamente.

A alcaldesa aproveitou para poñer en valor o labor dos servizos xurídicos municipais e sinalou que esta é unha das varias resolucións recentes favorables ao Concello, entre elas a inadmisión dun recurso do PP sobre o funcionamento dos plenos.

PRIORIDADES INMEDIATAS DO EXECUTIVO

Preguntada polas próximas actuacións, Sanmartín situou como prioridade a licitación do novo contrato de transporte urbano, actualmente en fase de análise das ofertas presentadas. Tamén destacou a necesidade de regularizar contratos municipais, mellorar infraestruturas e continuar coas reparacións derivadas dos danos causados polas borrascas do inverno.

Ademais, subliñou que a aprobación dos orzamentos permitirá activar subvencións para o tecido social, cultural e deportivo da cidade.

A alcaldesa concluíu sinalando que a superación da cuestión de confianza permitirá avanzar na execución das políticas municipais e considerou que este escenario “favorece a veciñanza de Santiago de Compostela”.

ÚLTIMAS

The Rapants converterán o Multiusos do Sar nunha discoteca cun concerto ante case 6.000 persoas

O Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela acollerá este sábado unha cita...

O PSOE esixe ao Goberno local que licite as obras de rehabilitación do estadio Vero Boquete

O voceiro socialista en Santiago, Aitor Bouza, reclamou este martes ao Goberno municipal que...

Un investigador da USC gaña o Premio Rosario Valpuesta cun ensaio que leva o coidado ao corazón do dereito privado

O investigador posdoutoral na facultade de Dereito Ignacio Varela Castro obtivo o IX Premio...

A Mocidade Socialista chama a tomar Santiago o 1 de maio contra a guerra e o auxe reaccionario

A Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS) anunciou este venres a convocatoria dunha manifestación, o...

A cuestión de confianza da alcaldesa sae adiante e desbloquea a tramitación dos orzamentos de Santiago

O pleno extraordinario e urxente celebrado na mañá deste xoves aprobou a cuestión de...

UCIN critica o proceso de aprobación dos orzamentos de Santiago e cuestiona o cambio de postura das non adscritas

A agrupación UCIN en Santiago de Compostela manifestou o seu rexeitamento ao proceso vivido...

Verea afirma que o rexeitamento dos orzamentos evidencia a falta de apoio ao goberno local

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, valorou o pleno municipal no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here