O Goberno municipal de Santiago, integrado por Compostela Aberta e BNG, presentará no próximo pleno unha moción de urxencia na que reclama á Xunta de Galicia a activación inmediata do procedemento para a retirada dos residuos acumulados na canteira de Miramontes, situada na parroquia da Grixoa, así como a recuperación ambiental do espazo afectado.
A iniciativa prodúcese despois da recente sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, que condena á empresa Tecnosolos Galaicos por un delito contra o medio ambiente pola actividade desenvolvida nesta instalación. A moción tamén busca que a Corporación municipal exprese o seu apoio ás reivindicacións da Plataforma de Afectadas pola Canteira de Miramontes e de FERUSA, entidades que veñen denunciando os impactos da actividade na zona.
No texto que será debatido, ambos grupos solicitan á administración autonómica que faga público un calendario con prazos concretos para executar a retirada dos materiais depositados e a posterior restauración ambiental. Ademais, reclaman que se facilite información detallada sobre o estado actual da canteira, os riscos ambientais existentes e as medidas técnicas previstas para evitar novos impactos durante o proceso.
Segundo recolle a moción, a situación actual require unha intervención inmediata, xa que a permanencia dos residuos continúa xerando preocupación entre a veciñanza e posibles afeccións ao medio.
IMPLICACIÓN PREVIA DO CONCELLO NO CONFLITO
O documento lembra tamén o papel desempeñado polo Concello de Santiago desde o inicio do conflito, con actuacións que incluíron a presentación de denuncias ante a Fiscalía ao detectar posibles incumprimentos da normativa ambiental. O goberno local tamén promoveu análises de auga e aire, realizou inspeccións no recinto e iniciou expedientes administrativos polos incumprimentos detectados.
Así mesmo, o Concello declarou non legalizada a actividade da canteira e trasladou a situación á Xunta de Galicia para que adoptase as medidas correspondentes, ao non contar a explotación co título xurídico municipal necesario.
ANTECEDENTES SANCIONADORES E FALLO XUDICIAL
Ás actuacións municipais súmanse os expedientes sancionadores impulsados pola Consellería de Medio Ambiente, posteriormente ratificados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa establecían a obriga de retirar os materiais acumulados e restaurar o entorno.
A recente sentenza da Audiencia Provincial considera probado que a empresa incumpriu de forma continuada as condicións da súa autorización ambiental, ao superar a capacidade permitida, almacenar residuos en zonas non autorizadas e provocar verteduras e lixiviados sen tratamento, con afeccións ao subsolo e ás augas.
Neste contexto, Compostela Aberta e BNG sosteñen que resulta “inaceptable” que a situación non teña aínda unha solución definitiva e urxente, advertindo de que mentres non se retiren os residuos persistirán os riscos ambientais e a inquietude entre a poboación da contorna.

