InicioPOLÍTICAO PSOE anuncia que non apoiará os orzamentos de Santiago e condiciona...

O PSOE anuncia que non apoiará os orzamentos de Santiago e condiciona o seu voto á incorporación de medidas

Os socialistas critican a falta de ambición, a caída do investimento e a xestión dos fondos europeos, mentres o goberno municipal atribúe a súa postura a "tacticismo electoral"

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago confirmou que non votará a favor dos orzamentos municipais de 2026, aínda que deixa aberta a súa posición definitiva á incorporación dalgunhas das súas propostas durante o proceso de negociación.

O voceiro socialista, Sindo Guinarte, explicou que as contas “non son os orzamentos que nos faríamos no caso de ser Goberno” e subliñou que, tras varias reunións co executivo local, non se acadou un acordo global. Segundo indicou, algunhas das demandas socialistas foron aceptadas, mentres outras quedaron fóra sen compromiso político por parte do goberno.

Neste contexto, avanzou que o seu grupo non facilitará automaticamente a aprobación das contas, aínda que avaliará o escenario segundo evolúa o diálogo: “O noso voto facilitador terá que vir da man da asunción por parte do goberno municipal dunha parte das nosas peticións”.

CRÍTICAS AO INVESTIMENTO E Á EXECUCIÓN DE FONDOS EUROPEOS

Pola súa banda, a viceportavoz socialista, Marta Abal, detallou os motivos da súa oposición. A edil cualificou o documento económico como “nin ambicioso nin transformador”, especialmente tendo en conta que podería ser o último da lexislatura.

Abal destacou que, aínda sendo o orzamento máis elevado da historia da cidade —con 148 millóns de euros, un incremento do 1,64% respecto a 2025—, o apartado de investimentos redúcese á metade, situándose en pouco máis de 6 millóns de euros.

Ademais, advertiu de problemas na xestión dos fondos europeos. Segundo indicou, o Concello recibiu 8,7 millóns de euros dos fondos EDIL, pero o orzamento só contempla a execución de arredor de 725.000 euros, unha cifra que, ao seu xuízo, pon en risco o cumprimento dos prazos marcados pola normativa comunitaria.

“Se non se executa o 20% antes do 31 de marzo de 2027, existe a posibilidade de perder parte dos fondos concedidos”, sinalou, ao tempo que criticou que tamén se estea renunciando á opción de captar novos recursos europeos.

CUESTIÓNS DE RIGOR ORZAMENTARIO

Os socialistas tamén cuestionaron a viabilidade dalgunhas previsións económicas incluídas nas contas. Entre outros aspectos, Abal mencionou a estimación de ingresos por multas —superior aos 5 millóns de euros— fronte a unha recadación real inferior aos 3 millóns no último exercicio coñecido.

Así mesmo, sinalou que o documento supera o límite legal de gasto en horas extraordinarias e incorpora partidas para a creación dunha empresa pública de vivenda que, segundo indicou, non sería viable en 2026 pola situación financeira do Concello.

Tamén apuntou a falta de previsión para financiar actuacións iniciadas con fondos europeos xa caducados, como proxectos en Pontepedriña ou a plataforma de mercadorías.

ESCENARIO POLÍTICO ABERTO

A pesar das críticas, Guinarte aclarou que o PSOE non participará en ningunha alternativa de goberno, e insistiu en que a responsabilidade de lograr apoios recae no executivo local: “Se o goberno municipal non consegue os votos suficientes, a responsabilidade é súa”.

Neste sentido, o grupo socialista mantén abertas opcións como a abstención ou o voto en contra, en función do desenvolvemento das negociacións nas vindeiras semanas.

REACCIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL

A concelleira de Turismo e portavoz do goberno, Míriam Louzao, respondeu ás críticas asegurando que non entende a postura do PSOE, xa que, segundo indicou, durante as negociacións “non nos consta ningunha liña vermella que nos puxeran enriba da mesa para dicir que non botaban a favor destes orzamentos”.

Louzao afirmou que moitas das propostas socialistas foron incorporadas, mentres outras coincidían xa co plantexamento do goberno, e considerou que a negativa responde “máis a puro tacticismo electoral”.

Ademais, defendeu o contido das contas e sinalou que tradicionalmente o debate orzamentario céntrase no destino do gasto e non tanto nas previsións de ingresos, aspecto cuestionado polos socialistas.

A edil expresou tamén a súa expectativa de que o PSOE remate apoiando os orzamentos, ao considerar que existen motivos suficientes para avalalos tras o proceso de negociación mantido entre ambas partes.

ÚLTIMAS

O Salón Teatro esgota as entradas para as tres primeiras funcións de ‘Hamlet’

A obra de teatro 'Hamlet', dirixida polo actor e director Perico Asorey, será presentada...

O Son do Camiño incorpora a DJ Snake nunha edición cos abonos xa esgotados

O festival O Son do Camiño volverá situar a Santiago de Compostela no circuíto musical...

‘De Lugares e Órganos’ regresa a Santiago cunha programación que combina música, cinema e patrimonio entre o 28 de marzo e o 5 de...

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou unha nova edición do ciclo...

O Club de Patinaxe Artística Brión acada o subcampionato galego e clasifícase para o estatal por quinto ano consecutivo

O Club de Patinaxe Artística Brión vén de consolidar a súa presenza no panorama...

Mila Castro presenta unha proposición para que o Pleno decida o modelo de xestión da auga en Santiago

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago, Milagros Castro, rexistrou unha proposición para...

O PSdeG critica que o novo contrato de transporte urbano se tramite sen participación veciñal en Santiago

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, cuestionou o proceso de elaboración do...

O PP acusa a Goretti Sanmartín de incumprir o compromiso sobre o modelo de xestión da auga

O portavoz do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, compareceu este martes en rolda...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here