O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela criticou a xestión do Goberno local en relación co contrato do ciclo integral da auga. A concelleira Marta Abal afirmou que as últimas declaracións da alcaldesa, Goretti Sanmartín, evidencian que na cidade se produciron “tres anos perdidos para Santiago” no proceso de definición do modelo de xestión do servizo.
Segundo Abal, durante este período o executivo municipal recoñeceu que actuou “desde un enfoque ideolóxico” en lugar de basearse nunha análise técnica que tivese en conta os custos do servizo, a viabilidade dos investimentos necesarios ou o impacto que as decisións poderían ter nas tarifas. A edil socialista sinalou que, mentres se desenvolveu este proceso, o Concello destinou “arredor de 80.000 euros en estudos teóricos” sen que, ao seu xuízo, se dese resposta ás necesidades do municipio.
A concelleira advertiu ademais de que, mentres se prolongaba esta situación, os problemas no sistema de abastecemento e saneamento continuaron aumentando. Entre eles mencionou unha rede que considera obsoleta, roturas frecuentes, deficiencias no servizo e carencias básicas no rural en materia de abastecemento e saneamento. Para Abal, esta situación evidencia unha falta de planificación e de decisión política para abordar un servizo que cualificou de esencial para a cidade.
Desde o grupo socialista reiteraron a súa aposta por unha alternativa baseada nun modelo de concesión, cun prego que inclúa mecanismos de control público. Segundo indicou a concelleira, este sistema permitiría garantir un funcionamento eficaz do servizo, asegurar investimentos suficientes na rede e preservar o interese xeral.
Abal tamén criticou a actitude do Goberno municipal no proceso de debate sobre o modelo de xestión, ao considerar que existe unha “falta de rigor” e unha forma de actuar “cada vez máis autoritaria”, baseada —segundo dixo— en impor posicións en lugar de procurar acordos amplos entre os distintos grupos da corporación.
“Santiago non precisa máis improvisación nin propaganda; precisa un Goberno serio que tome decisións útiles para mellorar de inmediato un servizo esencial para a cidadanía”, concluíu a concelleira socialista.

