InicioPOLÍTICAO PP cualifica de “brindis ao sol” a declaración de mercado residencial...

O PP cualifica de “brindis ao sol” a declaración de mercado residencial tensionado impulsada polo goberno de Santiago

Constenla acusa ao executivo municipal de falta de planificación urbanística e reclama unha batería de medidas para aumentar a oferta de vivenda

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro do Partido Popular en Santiago, José Antonio Constenla, criticou a política urbanística do goberno municipal e cuestionou a eficacia da solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado, unha medida impulsada polo executivo local para facer fronte ao aumento do prezo do alugueiro.

Durante unha rolda de prensa, Constenla sinalou que a evolución dos prezos da vivenda na contorna da capital galega está a ser superior á da propia cidade, asegurando que o custo da vivenda aumentou “once veces máis no cinturón de Santiago que na propia cidade”. Segundo indicou, adquirir un piso en localidades próximas como O Milladoiro, Bertamiráns, Cacheiras ou Sigüeiro supuxo o pasado ano un esforzo económico un 22% maior para as familias, mentres que en Santiago o incremento do mercado da compra ou do alugueiro foi “dun 2%”.

Neste contexto, o edil popular cualificou a declaración de zona tensionada como unha medida insuficiente se non se acompaña doutras actuacións. Ao seu xuízo, aplicar esta fórmula sen políticas complementarias sería “un brindis ao sol”. Tamén lembrou que o Concello xa presentou dúas solicitudes anteriores para obter esa declaración, que non prosperaron, e criticou que, segundo afirmou, estiveron “mal formuladas e mal planificadas”.

Constenla atribuíu ao actual responsable municipal de Urbanismo, Iago Lestegás, e á alcaldesa Goretti Sanmartín unha política caracterizada, segundo dixo, pola “falta de planificación” e pola prioridade do “titular antes que a medida”. O concelleiro considerou que as restricións aprobadas nos últimos anos en ámbitos como os hoteis, as vivendas turísticas ou determinados usos comerciais responden a unha estratexia baseada na prohibición que, ao seu xuízo, non contribúe a aumentar a oferta de vivenda nin a abaratar os alugueiros.

O representante do PP advertiu tamén de que a incerteza urbanística pode dificultar a chegada de investimentos, o que, segundo explicou, repercute na rehabilitación de edificios e na dispoñibilidade de vivenda, especialmente no casco histórico.

Na súa intervención, Constenla citou experiencias doutros lugares nos que se aplicaron políticas de control do alugueiro. Mencionou casos como París, Berlín ou Nova York, onde, segundo afirmou, estas medidas provocaron efectos como o incremento do mercado informal, subas posteriores dos prezos ou problemas de mantemento do parque residencial.

Tamén fixo referencia ás comunidades autónomas que aplican actualmente a declaración de zona tensionada en España, Cataluña e País Vasco, indicando que, segundo a súa valoración, se produciron incrementos significativos dos prezos e unha redución da oferta de vivenda no mercado.

PROPOSTAS DO PARTIDO POPULAR

Fronte á política municipal actual, Constenla explicou que o grupo popular presentou un decálogo de medidas para mellorar o acceso á vivenda en Santiago. Entre as propostas mencionou a mobilización efectiva de solo para vivenda protexida, incentivos fiscais municipais para a rehabilitación de inmobles destinados a residencia habitual, bonificacións vinculadas ao alugueiro estable e a axilización das licenzas urbanísticas.

Neste último punto, criticou os prazos actuais de tramitación e asegurou que hai casos nos que a obtención dunha licenza pode demorarse máis de dez meses, o que cualificou de “inadmisible”.

Ademais, o concelleiro apostou por fórmulas de colaboración público-privada e por unha maior coordinación con outras administracións, tanto autonómica como estatal, co obxectivo de incrementar a oferta de vivenda sen prexudicar a actividade económica.

VALORACIÓN DA NOVA SOLICITUDE MUNICIPAL

Preguntado por Xornal de Compostela sobre a terceira solicitude presentada polo Concello para declarar Santiago como mercado residencial tensionado, Constenla afirmou que o seu grupo tivo acceso preliminar á documentación, aínda que non puido consultala en profundidade, e indicou que parece “mellor fundamentada que as anteriores”.

Segundo explicou, a decisión final corresponderá á Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo. “Se os técnicos entenden que se acredita suficientemente esa necesidade, non terán máis remedio que aprobar a declaración, porque así o establece a lei estatal”, sinalou.

O edil popular concluíu insistindo na necesidade de planificación a longo prazo e medidas concretas para afrontar o acceso á vivenda en Santiago, un problema que cualificou como “un dos principais retos sociais actuais”.

CONSTENLA CONSIDERA QUE O PSOE “NON ESTÁ EN SITUACIÓN DE OFRECER NINGUNHA MEDIDA”

Durante a rolda de prensa, Constenla tamén respondeu ás declaracións do Partido Socialista sobre esta cuestión. O edil popular asegurou que o PSOE se atopa “nun proceso de desgregación” e sostivo que, tras gobernar o Concello durante catro anos, “non está en situación de ofrecer ningunha medida a esta cidade”, xa que, segundo afirmou, os resultados da súa etapa no goberno municipal foron “terribles”.

Neste sentido, considerou lóxico que os socialistas aposten por que outras administracións impulsen iniciativas nesta materia, aínda que lembrou que o diagnóstico da situación do mercado residencial corresponde en primeiro lugar ao Concello, ao tratarse da administración máis próxima á cidadanía. Con todo, engadiu que afrontar o problema da vivenda require “o esforzo e o concurso de todas as administracións”, incluíndo a Xunta de Galicia e o Estado.

ÚLTIMAS

A participación nas eleccións á reitoría da USC supera o 50% no PTXAS e rolda o 49% no profesorado permanente

A Universidade de Santiago de Compostela fixo públicos novos datos de participación na segunda...

O PSdeG reclama mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público ante a solicitude de declarar Santiago mercado residencial tensionado

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou reforzar as políticas públicas de vivenda e...

Compostela acollerá o 29 de marzo unha manifestación nacional pola visibilidade trans

A cidade de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro domingo 29 de marzo unha...

A USC abre as urnas virtuais e elixirá hoxe á primeira reitora da súa historia

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir esta mañá, por segunda vez,...

O PSdeG reclama mobilizar vivenda baleira e ampliar o parque público ante a solicitude de declarar Santiago mercado residencial tensionado

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou reforzar as políticas públicas de vivenda e...

O PP de Santiago reclama ao goberno local un local axeitado para a Asociación Compostelá de Diabetes

A concelleira do Partido Popular de Santiago Yolanda Otero mantivo recentemente unha reunión con...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here