O Grupo Municipal Socialista de Santiago pediu explicacións ao Goberno local pola falta de información sobre os traballos da Comisión de Estudo para determinar a fórmula máis sustentable e eficiente de xestionar o Servizo Municipal de Comedor Escolar, constituída o pasado 29 de decembro.
Segundo lembran os socialistas, a convocatoria daquela comisión produciuse dous días antes de rematar o ano, xustificada pola concelleira responsable coa necesidade de non demorar a súa posta en marcha, xa que —segundo indicou naquel momento— os informes sobre o suposto novo modelo de xestión estaban “prácticamente listos”.
Porén, máis de dous meses despois da súa constitución, o PSdeG asegura que non se trasladou á oposición ningún documento nin proposta concreta. “Nin informes, nin propostas, nin modelo alternativo. Silencio total”, sinalan nun comunicado.
Os socialistas sosteñen que o único dato coñecido ata o momento é a intención do Executivo municipal de sacar unha nova licitación do servizo. Ademais, apuntan que o pasado 2 de febreiro o Concello formalizou a contratación dunha empresa externa para a elaboración do prego de prescricións técnicas e do correspondente informe de valoración desa licitación.
Desde o grupo da oposición pregúntanse polo estado do modelo alternativo ao que se fixo referencia na sesión constitutiva da comisión. “Onde está ese suposto modelo alternativo revolucionario de comedores do que tanto falaron? Onde está o cambio na xestión? Onde están os informes que estaban prácticamente listos o día 29 de decembro do ano pasado?”, trasladan.
O PSdeG considera que a situación evidencia falta de planificación e reclama información detallada sobre os avances da comisión. Segundo indican, as familias usuarias do servizo municipal de comedor “precisan certezas, planificación e responsabilidade” respecto ao futuro da súa xestión.
Ata o momento, o Goberno local non fixo pública ningunha documentación sobre o contido dos informes anunciados nin sobre posibles cambios no modelo de prestación do servizo máis aló da tramitación da nova licitación.

