O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario deste mes unha proposición sobre a instalación dunha torre de telecomunicacións na rúa Obrigada, na parroquia de Aríns, despois das mobilizacións veciñais rexistradas nos últimos días na zona.
A concelleira socialista Marta Abal sinalou que o conflito non se limita á existencia da infraestrutura, senón ao modo no que se produciu a súa implantación. Segundo explicou, a veciñanza atopouse coa torre xa instalada nunha parcela privada próxima ás vivendas. “Dun día para outro, sen que ninguén os avisase, atopáronse, directamente, as veciñas e veciños con que se instalaran nunha finca privada que limita a 70 metros de distancia con algunhas vivendas e a 30 co cerramento das súas parcelas cunha torre de telefonía de preto de 30 metros de altura”, afirmou.
Desde o PSdeG recoñecen que a instalación conta cos permisos municipais en regra e que a lexislación estatal limita a capacidade das administracións locais para establecer restricións. “Segundo a información municipal, os permisos están en regra e a Lei Xeral de Telecomunicacións establece que este tipo de instalacións son de interese xeral polo que as administracións públicas e as administracións locais teñen que facilitar o seu despregamento e tampouco poden establecer nin fixar limitacións desproporcionadas”, indicou Abal. Con todo, advertiu de que esta cobertura legal non exclúe a responsabilidade política do Concello nin a necesidade de actuar con previsión.
A edil explicou que o expediente administrativo estaba aberto desde finais de 2023 e que xa existían informes municipais a comezos de 2024, polo que considera que había marxe temporal para intervir antes da execución da obra. Nese sentido, criticou que “o Concello de Santiago non negociou coa empresa a instalación de ubicacións alternativas”, a pesar de que nos informes técnicos se recollían “dúas ubicacións alternativas para que a empresa instale esta torre, ubicacións alternativas que están a maior distancia das vivendas e teñen menos afección sobre o día a día das veciñas e veciños”.
Para o grupo socialista, o sucedido en Aríns evidencia unha actuación municipal que reacciona unha vez que o conflito é público. “O goberno tan pronto ten coñecemento dun expediente desta tipoloxía debe abrir un proceso de diálogo coas empresas antes de que o conflito estale como está a pasar agora”, sostivo Abal, quen lembrou que a actual alcaldesa participou noutras etapas en mobilizacións contra instalacións similares defendendo a mediación institucional.
A proposición socialista insta ao Goberno municipal a abrir de inmediato un proceso de diálogo coa operadora co obxectivo de analizar as localizacións alternativas xa incluídas na documentación técnica e reducir a afección ás vivendas máis próximas. Ademais, solicita reforzar os mecanismos de información ás parroquias e barrios implicados en proxectos deste tipo. “Tamén solicitamos que se reforcen os mecanismos de información e comunicación coas parroquias e barrios afectados pola implantación destas infraestruturas de telecomunicación garantindo que as veciñas e veciños coñezan con antelación suficiente as solicitudes destas operadoras para poder anticiparse ás súas pretensións, isto que dicimos é algo esencial”, recolle a iniciativa.
O texto incorpora tamén propostas de carácter estrutural, como a elaboración dun estudo técnico de planificación preventiva, ao abeiro da ordenanza municipal vixente, que identifique emprazamentos considerados idóneos no termo municipal, priorizando a menor afección ás zonas residenciais, o menor impacto paisaxístico e o posible uso compartido de infraestruturas xa existentes. Así mesmo, inclúe a revisión da actual ordenanza de telecomunicacións.
Abal advertiu de que a entrada en vigor do denominado Regulamento Xigabit, prevista para finais de 2025, ampliará as posibilidades das operadoras para instalar dispositivos e acelerar o despregamento do 5G, o que, segundo indicou, incrementa a responsabilidade das administracións locais á hora de planificar. “Coa entrada en vigor do novo regulamento existen moitas máis facilidades ás empresas de telefonía para instalar estes dispositivos de cara ao despregamento da tecnoloxía 5G, pero tamén somos conscientes de que as administracións locais deben de anticiparse, e deben negociar coas operadoras de telefonía móbil”, concluíu, apuntando á necesidade de que o Concello dispoña ao longo de 2026 dun inventario de infraestruturas que permita ordenar o despregamento e evitar novos conflitos veciñais.

