O concelleiro de Urbanismo do Concello de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, presentou este martes as liñas xerais dun novo modelo urbano para o ensanche compostelán, cunha intervención piloto na rúa de Santiago de Chile. A iniciativa busca reequilibrar os usos do espazo público nun ámbito que concentra máis de 14.600 habitantes, converténdose no barrio con maior densidade de poboación do municipio.
Segundo explicou Lestegás, o ensanche combina unha elevada vitalidade comercial cun déficit histórico de espazos públicos de calidade, consecuencia dun urbanismo propio doutras épocas. Neste contexto, a actuación en Santiago de Chile pretende servir de exemplo dun cambio de criterio na reurbanización, priorizando o peón, a estancia e a infraestrutura verde fronte ao predominio actual do vehículo privado.
A rúa conta cunha anchura media de arredor de 15 metros, dos que na actualidade uns 10 metros están ocupados pola calzada e o estacionamento. O anteproxecto presentado propón unha calzada central única de 3,20 metros, compartida por coches, autobuses e bicicletas, acompañada de bandas laterais multifuncionais e beirarrúas de 3,6 metros a cada lado. O tráfico estaría sometido a un modelo de circulación pacificada, permitindo a convivencia dos distintos modos de transporte.
O documento, redactado por RVR Arquitectos, inclúe un estudo detallado dos usos das plantas baixas, das zonas de carga e descarga, das prazas de estacionamento de curta duración, das paradas de autobús e das condicións de soleamento, marcadas pola altura das edificacións. Tamén contempla a renovación integral das redes de saneamento, coa separación das augas fecais e pluviais, e a introdución de sistemas de drenaxe sustentable que melloren a permeabilidade do solo.
Un dos elementos centrais da proposta é o incremento da vexetación, con árbores situadas a maior distancia das fachadas para facilitar o seu crecemento e evitar danos nos pavimentos. As bandas laterais permitirán combinar, segundo os treitos, zonas verdes continuas, terrazas de hostalaría, bancos, colectores de lixo ordenados ou prazas de estacionamento, nun esquema flexible que se definirá no proxecto de execución.
Lestegás subliñou que a circulación é só unha das funcións da rúa e que o obxectivo é repartir un espazo limitado de maneira “xusta e eficiente” entre todos os usos. Neste sentido, defendeu que a redución de carrís non impide o acceso dos vehículos de emerxencia e que, como ocorre noutros ámbitos da cidade, o tráfico se adapta cando se diminúe o espazo destinado ao coche.
A intervención en Santiago de Chile enmárcase nunha estratexia máis ampla para o conxunto do ensanche, baseada en seccións tipo replicables en rúas de entre 14 e 16 metros, desenvolvidas por distintos equipos de arquitectura en colaboración co Concello. Este modelo tamén se estende a outros ámbitos próximos, como a Praza de Vigo, onde existe un anteproxecto para recuperar este espazo como praza pública mantendo o estacionamento subterráneo.
O concelleiro anunciou que este ano se licitará a redacción do proxecto básico e de execución da rúa de Santiago de Chile, que incorporará un proceso de participación veciñal. Nese diálogo definiranse cuestións como o número final de prazas de estacionamento, a localización das árbores ou os espazos de estancia, nun equilibrio entre usos compatibles. O inicio dese proceso está previsto para as vindeiras semanas.

