A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, chamou este mércores a “non caer no catastrofismo” tras coñecerse a perda de arredor de medio millón de pasaxeiros no aeroporto de Lavacolla durante o pasado ano. Nas súas declaracións, realizadas no marco da rolda de prensa de presentación da programación da Banda Municipal, a edila puxo o foco nos máis de tres millóns de usuarios rexistrados, unha cifra que cualificou como “relevante”.
Louzao asegurou que o descenso de pasaxeiros xa estaba previsto, ao responder a diversos factores que se foron dando ao longo do último exercicio. Entre eles, destacou como elemento positivo o traslado de parte da demanda cara ao ferrocarril, ao tratarse dun medio de transporte máis ecolóxico. Xunto a iso, recoñeceu que outras circunstancias, como a marcha de determinadas compañías, xeraron preocupación no Goberno local e motivaron contactos e xestións coas entidades implicadas. “O resultado está aí”, sinalou.
No balance realizado, a concelleira tamén se referiu ao peche temporal das instalacións aeroportuarias, previsto entre o 22 de abril e o 27 de maio, como consecuencia das obras iniciadas esta madrugada. Neste punto, Louzao quedou coa parte “positiva” dunha intervención que considerou necesaria e que permitirá, segundo indicou, afrontar unha nova etapa tras a reapertura.
Neste sentido, avanzou que despois da finalización das obras o aeroporto compostelán contará con catro novas conexións internacionais directas e cun incremento de frecuencias. As novas rutas permitirán voar sen escalas a Marrakech, Ámsterdam, Cork e Nova Jersey, ampliando así a oferta e a proxección exterior da terminal.
A responsable municipal de Turismo puxo en valor, ademais, as reunións e negociacións mantidas con Aena, que se traduciron na ampliación dos incentivos ás aerolíneas que operan en aeroportos con menos de 3,5 millóns de pasaxeiros anuais, un grupo no que se inclúe o de Santiago. Segundo explicou, estas medidas buscan reforzar a competitividade de Lavacolla e atraer novas operacións.
Por último, Louzao reiterou as súas críticas á Xunta de Galicia por non responder de maneira “positiva” aos chamamentos do Concello para avanzar cara a unha “política aeroportuaria de país”. A concelleira insistiu na necesidade de situar o aeroporto de Santiago como o “central e principal” de Galicia e comprometeuse a seguir negociando coas compañías aéreas para consolidar ese papel no mapa do transporte aéreo galego.
RADARES COMO DISPOSITIVOS “DISUASORIOS”
Noutra orde de cuestións, a concelleira defendeu que a instalación de novos radares na cidade responde a “unha cuestión de seguridade e non recadatoria”. Preguntada polos medios, asegurou que a súa localización se basea en informes técnicos de tráfico que identifican puntos nos que é necesario reducir a velocidade. Como exemplo, referiuse ás novas sinalizacións no radar de Conxo, que, segundo explicou, evidencian que o obxectivo municipal é que os condutores “baixen a velocidade, non recadar”.
Louzao tamén xustificou o incremento na previsión de ingresos do departamento de tráfico ao comportamento habitual detectado nestes casos. Segundo indicou, “cando se coloca un novo elemento, sobe a recadación para logo volver baixar cando a cidadanía sabe que hai ese radar”, un efecto que, ao seu xuízo, confirma o carácter disuasorio da medida.
En relación ás críticas do portavoz do PP, Borja Verea, á alcaldesa Goretti Sanmartín, a concelleira cualificounas de “lamentables”. Louzao reprochou que Verea censurase que a rexedora dedique parte do seu tempo a atender peticións da veciñanza e afirmou que “a única forma que ten de facer oposición é insultando ao equipo de goberno”, con independencia das iniciativas ou propostas que se leven a cabo desde o Concello.

