InicioPOLÍTICAAs concelleiras non adscritas fixan cinco prioridades para a xestión municipal de...

As concelleiras non adscritas fixan cinco prioridades para a xestión municipal de 2026

O desbloqueo de contratos en precario, a vivenda, a xestión económica e a aprobación dos orzamentos centran as demandas ao goberno local

Publicado o

Xornal de Compostela

As concelleiras non adscritas do Concello de Santiago definiron cinco retos prioritarios para a acción municipal ao longo de 2026, que abranguen dende o desbloqueo dos grandes contratos en situación de precariedade ata a mellora da xestión económica e contable, pasando polo acceso á vivenda, a planificación das concesións e a aprobación dos orzamentos. Así o trasladou o seu portavoz, Gonzalo Muíños, quen reclamou ao goberno local que “se tome en serio” a xestión do Concello.

Un dos eixos centrais sinalados polas non adscritas é o problema da vivenda, para o que urxen a desbloquear a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, coa finalidade de limitar os prezos dos alugueiros a curto prazo. Paralelamente, defenden a posta en marcha da nova empresa pública de vivenda e solo, orientada tanto á promoción de nova vivenda como ao reforzo dos programas de rehabilitación existentes.

No ámbito urbanístico, o grupo pide axilizar a tramitación de licenzas, co obxectivo de facilitar os procesos ás persoas que queren construír ou rehabilitar. Para iso, consideran necesario acelerar os procesos de emprego público e reforzar os servizos municipais encargados desta xestión.

XESTIÓN ECONÓMICA E RECURSOS HUMANOS

Outro dos retos identificados é a mellora da xestión contable e económica do Concello, así como dos recursos humanos. Muíños cualificou este ámbito como “o gran debe durante o 2025” e lembrou os atrasos no pagamento de axudas e subvencións, das bolsas comedor, así como a débeda acumulada de horas extraordinarias con bombeiros e Policía Local. Tamén fixo referencia á situación de provedores que permanecen máis dun ano sen cobrar, obrigando a recorrer a expedientes de recoñecemento extraxudicial para facer fronte a facturas pendentes.

Neste contexto, reclamou dimensionar adecuadamente os departamentos municipais e activar toda a estrutura de persoal asesor e directivo para evitar que se repitan estas situacións.

TRANSPORTE E CICLO DA AUGA

As concelleiras non adscritas sitúan tamén como prioridade o desbloqueo dos grandes contratos en precario, entre eles o do transporte urbano e o da xestión do ciclo integral da auga. Sobre o primeiro, Muíños pediu cautela durante o proceso de licitación, advertindo de que podería verse afectado por posibles alegacións.

No caso da auga, denunciou a paralización do contrato tras o informe que propoñía estudar a fórmula dunha empresa mixta, que considera inviable mentres o Concello estea sometido a un Plan Económico e Financeiro ata 2027. Segundo explicou, esta situación deriva do incumprimento do período medio de pagamento a provedores no último trimestre de 2024, que chegou a superar os 100 días, o que impide actualmente a creación dunha empresa mixta. Por este motivo, reclamou a convocatoria urxente da comisión encargada de estudar a forma máis sustentable de xestión.

CONCESIÓNS E MANTEMENTO

A planificación e o control das concesións constitúen outro dos retos sinalados. Muíños referiuse á situación dos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, cuxas concesións remataron a mediados de 2025, así como á indefinición no modelo de xestión da Praza de Abastos e do Multiusos Fontes do Sar. Ao seu xuízo, a falta de previsión impediu avanzar cara a modelos de xestión máis axeitados.

Neste apartado, incluíu tamén o mantemento e a limpeza do municipio, tanto na cidade como nos barrios e no rural, reclamando un control continuado das concesionarias e non só actuacións sancionadoras puntuais.

ORZAMENTOS DE 2026

Finalmente, as non adscritas sitúan como reto a presentación e aprobación dos orzamentos municipais de 2026. Muíños criticou que o goberno local non remitise aínda un borrador completo, limitándose a un documento sen investimentos detallados nin partidas individualizadas. Ademais, amosou dúbidas sobre algunhas previsións de ingresos, como o incremento das sancións de tráfico ou as novas licenzas de taxi, xa contempladas en exercicios anteriores sen chegar a materializarse.

Segundo advertiu, ao ritmo actual “non haberá orzamentos aprobados definitivamente ata o mes de xuño”. En calquera caso, as concelleiras non adscritas condicionan o inicio da negociación orzamentaria á análise previa do grao de cumprimento e execución dos orzamentos anteriores, para coñecer con detalle a situación real das contas municipais.

ÚLTIMAS

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...

Verea reclama medidas urxentes para apoiar a industria turística de Santiago

O portavoz do PP de Santiago, Borja Verea, mantivo unha xuntanza con arredor de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here