O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela celebrou hoxe ter acadado o compromiso do goberno municipal, presidido por Goretti Sanmartín, para estudar a posibilidade de reforzar a seguridade viaria no paso de peóns da avenida Xoán XXIII, á altura de Ultreia.
Segundo explicou o concelleiro socialista Sindo Guinarte, trátase dun punto considerado perigoso, situado nun tramo con curva e pendente, que é utilizado a diario por nenos e nenas. O edil sinalou que a iniciativa levouse ao pleno tras recoller a preocupación da veciñanza, que advirte de que este paso non recibe o mesmo tratamento que outros da propia avenida Xoán XXIII.
Dende o PSOE valoran de maneira positiva o compromiso adquirido polo executivo local, aínda que subliñan que non é suficiente con anuncios. Marta Abal insistiu en que Santiago precisa medidas reais e urxentes para reducir os accidentes e garantir a seguridade das persoas que se desprazan a pé pola cidade.

