InicioPOLÍTICAO PSOE cuestiona as formas do traspaso da UMAD ao Sergas mentres...

O PSOE cuestiona as formas do traspaso da UMAD ao Sergas mentres o Goberno defende que segue o procedemento fixado pola comisión mixta

A alcaldesa sostén que a transferencia ao sistema sanitario é “lóxica e necesaria” e lembra que a data do pleno extraordinario do 10 de decembro vén fixada externamente

Publicado o

Xornal de Compostela

A decisión sobre o traspaso da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) ao Sergas chega este martes ao Pleno de Santiago de Compostela entre críticas do Grupo Municipal Socialista ao modo en que o Goberno local está a xestionar o proceso e a defensa da alcaldesa Goretti Sanmartín, que insiste en que se está a cumprir o esquema e os prazos marcados pola comisión mixta entre a FEGAMP e o Sergas.

Nunha rolda de prensa, a concelleira socialista Marta Abal explicou que o seu grupo considera “natural” que a competencia asistencial da UMAD pase a depender orgánicamente do Sergas a partir do 1 de xaneiro de 2026, dado que “dende o punto de vista funcional” a unidade xa estaba adscrita ao servizo autonómico de saúde dende 2007. Non obstante, advertiu de que o PSOE non comparte “as formas” coas que o Executivo municipal está a levar a cabo o traspaso.

Abal indicou que, segundo a información á que tivo acceso o seu grupo, o Concello coñece dende o 9 de outubro os criterios acordados na comisión mixta para o traspaso de bens, recursos e persoal da unidade asistencial. Con todo, denunciou que “a día de hoxe” nin as persoas traballadoras nin os grupos da corporación dispoñen dunha comunicación formal e por escrito que detalle as condicións nas que se vai materializar a integración no Sergas.

A edil lembrou que o 3 de decembro o grupo socialista solicitou a acta íntegra da mesa xeral de negociación na que se tratou o traspaso, así como un informe da área de persoal que recolla “de maneira técnica e xurídica” a obrigatoriedade da integración, os dereitos e as obrigas do persoal afectado e un borrador do acordo de cesión. Segundo expuxo, volveron reiterar a petición o 4 de decembro, sen que até o momento recibisen esa documentación: “Non temos esa información nin nós, que temos que votar o traspaso mañá, nin as traballadoras e traballadores directamente afectados”.

Abal puxo o foco nos prazos de negociación interna. Apuntou que, malia existir uns criterios pactados na comisión mixta dende o 9 de outubro, a mesa xeral de negociación do Concello non se reuniu até o 29 de novembro, algo que, ao seu ver, explica o “malestar” do persoal. A concelleira subliñou que, segundo un correo enviado pola representación sindical, a parte social xa solicitara “ata en dúas ocasións” reunións para tratar o tema sen obter resposta previa.

Dende o grupo socialista insistiron en que non se posicionan sobre se a integración do persoal asistencial debe ser voluntaria ou obrigatoria, cuestión que, recalcan, debe quedar recollida nos informes técnicos. O que si cuestionan é a “falta de dilixencia” que atribúen ao Goberno local á hora de trasladar por escrito ás traballadoras e traballadores “a situación na que se van atopar dende o 01 de xaneiro”, así como as garantías respecto aos seus dereitos adquiridos como persoal municipal.

Abal tamén vinculou esta situación con outros conflitos abertos na administración local compostelá en materia de negociación colectiva, aludindo ás dificultades cos cadros de policía e bombeiros. Segundo dixo, o que debería ser “un trámite relativamente tranquilo” está a chegar ao Pleno “ao límite dos prazos”, sen que no expediente conste o informe conxunto da FEGAMP e do Sergas ao que fan referencia e que, ao seu xuízo, debería aclarar a integración do persoal e as condicións do traspaso.

Na mesma comparecencia, dende o grupo socialista lembraron que o proceso de transferencia afecta a 13 concellos galegos que dispoñen de servizos municipais de drogodependencias e que só tres participaron directamente nas negociacións co Sergas en representación do conxunto. Engadiron que, no caso de Santiago, o expediente inclúe un borrador de decreto, un acordo xenérico e anexos sobre persoal, inmoble e medios materiais, pero “non concreta” nin o réxime xurídico da cesión do local nin a fundamentación da integración obrigatoria do persoal, nin o detalle de como se preservarán os dereitos profesionais acumulados ao longo de anos de servizo, incluíndo etapas como o accidente de Angrois ou a pandemia da COVID-19, nas que a UMAD foi sinalada como un servizo esencial.

A ALCALDESA DEFENDE QUE A TRANSFERENCIA DA UMAD AO SERGAS É UNHA MEDIDA “LÓXICA”

Nunha rolda posterior, a alcaldesa Goretti Sanmartín respondeu ás críticas e defendeu que a transferencia da UMAD ao Sergas é unha medida “lóxica” e demandada dende hai anos: “Non ten lógica ninguna que o persoal da unidade, que desenvolve competencias claramente asistenciais, siga dependendo dun concello”, afirmou. Sanmartín subliñou que o proceso se deseñou na comisión mixta FEGAMP-Sergas, onde se fixaron as condicións do traspaso e os prazos, e que o conxunto de concellos afectados recibiu a proposta de maneira “moi positiva”.

A rexedora admitiu que os prazos son moi axustados e recordou que inicialmente se barallou celebrar os plenos de aprobación xa en novembro. Segundo explicou, o Concello compostelán pediu atrasar a votación para o Pleno ordinario do día 18, mais finalmente se lles indicou que a data debía ser 10 de decembro para todos os municipios implicados, polo que se convocou unha sesión específica. Sanmartín argumentou que non se podía reunir a mesa de negociación municipal antes de dispor do texto definitivo do convenio e dos anexos remitidos pola comisión mixta, xa que até ese momento só existían comunicacións verbais.

En relación á queixa sobre a falta de documentación, a alcaldesa insistiu en que as condicións da transferencia, incluída a integración obrigatoria do persoal asistencial no Sergas, están recollidas nos acordos da comisión mixta entre a federación de concellos e o servizo de saúde. Tamén asegurou que as persoas traballadoras conservarán as mesmas condicións laborais das que dispoñen na actualidade, nun contexto no que a unidade xa se atopaba funcionalmente baixo a órbita do Sergas.

Sanmartín destacou igualmente que se celebraron “unha cantidade importante de reunións” nas que participaron o persoal da unidade, representantes da comisión mixta, do Sergas e da FEGAMP, co obxectivo de aclarar dúbidas. E avanzou que, unha vez aprobado o traspaso, o Concello terá marxe para concretar cuestións relacionadas co espazo físico e coa articulación da colaboración co servizo autonómico.

A alcaldesa puxo en valor o traballo realizado pola UMAD ao longo destes anos e insistiu en que o esencial é que as competencias asistenciais se integren definitivamente no Sergas, algo que considera “unha boa noticia” para a cidade: ao seu entender, permitirá prestar “un servizo mellor ao conxunto da poboación” e pechar un proceso de transferencia que, lembrou, leva anos sobre a mesa con sucesivos anuncios de datas de entrada en vigor que se foron adiando até fixar o horizonte do 1 de xaneiro de 2026.

ÚLTIMAS

A propiedade do edificio do Escarnio e Maldizer instalará alarmas e contratará un servizo de seguridade permanente

O representante da propiedade do edificio situado no número 11 da rúa Algalia de...

Goretti Sanmartín convoca o Debate do Estado do Municipio para o 12 de febreiro

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres da convocatoria do que será...

A alcaldesa acusa ao PP de ir a Fitur a facer “mala propaganda” de Santiago

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acusou esta mañá ao portavoz municipal...

Dous accidentes múltiples provocados por unha granizada deixan varios feridos na área de Compostela

Dous accidentes múltiples rexistrados na área de Santiago de Compostela á primeira hora deste...

O PSdeG de Santiago denuncia a “parálise” da cidade e critica o estilo de goberno municipal

O PSdeG de Santiago alertou esta mañá da situación que, ao seu xuízo, atravesa...

A alcaldesa evita posicionarse sobre o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: “Todo o mundo sabe que o Concello non intervén neste tipo de procedementos”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, desvinculou este venres ao Concello do desaloxo do...

O Concello activará un formulario para solicitar reunións coa alcaldesa a partir da próxima semana

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este venres en rolda de prensa que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here