InicioPOLÍTICAA alcaldesa anuncia o pagamento de máis de dous millóns de euros...

A alcaldesa anuncia o pagamento de máis de dous millóns de euros en horas extra a policías e bombeiros

A alcaldesa convoca un pleno extraordinario o venres para aprobar o expediente mentres o conflito cos corpos de seguridade segue aberto e o PP reclama a súa dimisión polo operativo do sábado

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago prevé aprobar esta semana o pagamento das horas extra pendentes de policías locais e bombeiros, ao tempo que mantén aberto o proceso de negociación cos dous colectivos e responde ás críticas pola xestión do incendio do sábado en Pontepedriña. A alcaldesa Goretti Sanmartín explicou esta mañá en rolda de prensa que mañá, marte 18, se reunirá a comisión informativa para ditaminar o expediente de pagamento e que o pleno extraordinario quedará convocado para este venres 21 ás 13:00, cun importe total de 2.172.487,76 euros destinado ás gardas realizadas fóra de xornada.

Segundo detallou a rexedora, a cantidade recollida no expediente desglósase en dous bloques: por unha banda, as gratificacións por horas extraordinarias realizadas entre novembro de 2024 e maio de 2025, nas que se incorporan todas as subas retributivas aprobadas nese período, e, pola outra, as gratificacións por traballo en festivos acumuladas entre xaneiro e setembro de 2025. Sanmartín subliñou que este pago inmediato das cantidades debidas forma parte do compromiso do goberno local para dar resposta a unha das principais demandas dos corpos de seguridade.

No relativo ás reclamacións salariais de fondo, a alcaldesa indicou que o executivo está a analizar o impacto económico e o encaixe xurídico das propostas de policías e bombeiros, co obxectivo de presentar unha oferta na próxima reunión do grupo de traballo. Ese encontro, segundo avanzou, podería celebrarse «a finais desta semana ou, como moi tarde, a inicios da próxima semana», cunha proposta que o goberno aspira a que sirva como punto de partida «para sentar as bases dun acordo». Sanmartín insistiu na necesidade de acometer unha avaliación dos postos de traballo para poder revisar o complemento específico destes cadros de persoal.

A alcaldesa enmarcou o conflito actual nun contexto máis amplo de políticas de contención do gasto público e da chamada taxa de reposición que, ao seu ver, reduciu os cadros de persoal en numerosos concellos. Defendeu que o actual goberno municipal elevou “ao máximo” esa taxa dentro da marxe legal e lembrou que se incorporaron recentemente nove novos axentes da Policía Local, aos que se sumarán seis máis ao longo deste mes e outros 15 en próximos procesos, tras completar a formación na Academia Galega de Seguridade Pública. No parque de bombeiros, o Concello prevé cubrir de maneira inmediata tres prazas da oferta de 2023 e unha baixa de longa duración mediante interinidades, e levar á mesa de negociación as bases da oferta de emprego de 2025, que inclúe nove prazas (sete por xubilación e dúas ao abeiro da posibilidade excepcional do 125 % de reposición). Ademais, Sanmartín avanzou que se estudará a vía extraordinaria prevista na Lei de Orzamentos do Estado para superar aínda máis a taxa de reposición no caso deste servizo.

INCENDIO DESTA FIN DE SEMANA EN PONTEPEDRIÑA

En canto ao incendio rexistrado o sábado en Pontepedriña, a rexedora fixo primeiro un recoñecemento expreso ao labor de bombeiros, Policía Local, Policía Nacional, 061, ao persoal mobilizado desde outros parques e á veciñanza, así como ao propietario do albergue ‘A Estación’, que acolleu as persoas desaloxadas. A partir dos informes internos, Sanmartín explicou que a quenda inicial de bombeiros estaba formada por oito efectivos, dos cales dúas persoas estaban de baixa e outras dúas en libranza, polo que no momento da intervención quedaban catro operativos. A chamada de emerxencia produciuse ás 10:55 e, nese intre, tres bombeiros atopábanse no parque realizando tarefas habituais, mentres que o sarxento se desprazaba dende a estación de servizo de Amio, onde acudira a repostar o camión. Os catro saíron cara ao lugar do lume, cun tempo estimado de chegada de sete minutos, e solicitouse tamén o apoio dos parques de Brión e Ordes, aínda que neste último caso non chegaron finalmente a intervir.

O incendio, segundo o relato facilitado polo goberno local, iniciouse no primeiro andar do edificio e, tras a evacuación das persoas que se atopaban nesa planta, as portas quedaron abertas. Isto permitiu que o fume ascendese pola escaleira interior e afectase os pisos superiores. No cuarto andar permanecían dúas persoas e un can, que foron evacuados precisamente por esa escaleira. Sanmartín indicou que, de acordo cos protocolos de actuación do servizo de bombeiros, a prioridade é realizar a evacuación pola escaleira interior, considerada a opción máis segura, e deixar preparada a autoescaleira exterior para o caso de que sexa necesaria. Nesta intervención, segundo subliñou, a autoescaleira chegou a estar colocada, pero finalmente optouse polo desaloxo interior. A alcaldesa defendeu que a actuación se axustou “por completo aos protocolos e ás decisións dos mandos do corpo de bombeiros” e insistiu en que o dispositivo de reforzo con outros parques comarcais forma parte da operativa habitual cando se declara un incendio destas características.

CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR E PETICIÓN DE DIMISIÓN DA ALCALDESA

Parte da quenda de preguntas desta rolda de prensa estivo centrada na crítica formulada minutos antes polo Grupo Popular, a través dun comunicado no que o concelleiro José Ramón de la Fuente’ acusaba a alcaldesa de estar “desaparecida” durante o incendio e esixía a súa dimisión. No texto remitido aos medios, o edil popular cualificaba de “incomprensible e irresponsable” que, ao seu xuízo, a rexedora non acudise ao lugar nin asumise o liderado do operativo nun episodio no que os bombeiros actuaron “en situación de baixo mínimos” e precisaron o apoio dos GES de Brión e Ordes. O PP cuestionaba “onde estivo esta pasada fin de semana” a alcaldesa e consideraba a súa ausencia unha mostra de “abandono” dos servizos de emerxencia e da cidade, reclamando ademais que o goberno explique quen tomou as decisións e que protocolos se activaron, e reiterando que Goretti Sanmartín “debería asumir responsabilidades e dimitir”.

“Non creo que este tipo de afirmación mereza nin sequera ser valorada”, replicou a alcaldesa preguntada por esta acusación. Atribuíu as declaracións populares a un intento de xerar unha imaxe alarmista da cidade. Sanmartín afirmou que estivo en contacto coas persoas afectadas e cos dispositivos de seguridade, e que acudira ao albergue que acolleu os desaloxados, onde permaneceu “un tempo importante” acompañada pola portavoz do goberno. Admitiu que non estivo na primeira hora da intervención porque tiña un compromiso familiar fóra de Santiago, pero destacou que, unha vez coñecida a situación, se desprazou para falar con veciñanza e mandos policiais. A alcaldesa interpretou estas críticas como parte dunha estratexia na que, ao seu entender, “o único que move ao Partido Popular é a obsesión por tumbar este goberno, custe o que custe”, e reclamou que o principal grupo da oposición actúe “con máis altura de miras cando se fala de cuestións sensibles”.

En relación ao parque de bombeiros e á situación xerada o sábado, Sanmartín confirmou que os catro efectivos de servizo saíron ao operativo e explicou que, neses casos, a atención de chamadas pode desviarse a través do sistema de coordinación a outros números operativos. Afirmou que xa se produciron intervencións semellantes noutras ocasións e reiterou que o executivo municipal está a traballar para incrementar a dotación de persoal e avanzar nun acordo salarial que contribúa a encamiñar o conflito. “Sabemos que este tipo de cuestións levan tempo”, recoñeceu, pero insistiu en que o goberno está a dedicar “todos os recursos posibles” para mellorar a situación.

A alcaldesa indicou tamén que o domingo se celebrou unha xuntanza extraordinaria do goberno local para avaliar o ocorrido e debater internamente as opcións sobre a mesa. Nesa reunión, segundo explicou, puxéronse en común as demandas formuladas por policías e bombeiros, os límites legais e orzamentarios e os posibles escenarios de acordo. Sanmartín evitou concretar os contidos da proposta municipal que se presentará na seguinte sesión do grupo de traballo, alegando que primeiro debe ser trasladada aos representantes dos colectivos, mais reiterou que o executivo agarda poder ofrecer «noticias positivas en breve» en relación coa negociación.

A rolda de prensa incluíu tamén a intervención da portavoz do goberno e concelleira Míriam Louzao, que deu conta dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local na sesión ordinaria deste luns. Entre eles, destacou a concesión dunha licenza ao Consorcio da Cidade para a restauración dun óleo situado no xardín de Xosé Mosquera Pérez, na coñecida como finca Simeón, cun orzamento de execución material de 170.404,06 euros. Ademais, aprobáronse oito licenzas urbanísticas particulares, entre outras para a construción dunha piscina no lugar de Os Naranxos (parroquia do Eixo), a segregación dunha parcela na Pedreira (Marantes), a edificación dunha vivenda unifamiliar na rúa das Santas Mariñas (parroquia de Marrozos), actuacións na rúa Bocarraxoi (Ames e Marrozos), na Ponte de San Lázaro de Abaixo, nos números 22 e 23 da rúa dos Pitelos, na rúa de San Pedro de Mezonzo 28, na rúa 25 de Xullo e nun baixo cuberto dunha vivenda na rúa de Delfín García. Louzao subliñou que este volume de autorizacións «dá idea de que se está a facer unha importante labor para rehabilitar o parque de vivenda construída e, ao tempo, impulsar a construción de novas».

ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Outro dos puntos abordados foi o inicio do trámite de recepción das obras da rúa de Puente la Reina, adxudicadas por 394.536,54 euros, IVE incluído, cun prazo de execución de cinco meses e data efectiva de comezo o 19 de maio. A actuación tivo como obxectivo rexenerar o espazo público, reorganizar a distribución viaria mantendo un carril de circulación, ampliar as beirarrúas, mellorar os percorridos peonís e a accesibilidade e reordenar as áreas de estacionamento, integrándoas nunha faixa continua con novo mobiliario urbano e colectores. Tamén se substituíu por completo a rede de saneamento, mantívose a de abastecemento e instalouse unha nova rede de telecomunicacións.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración coa asociación Compostela Solidaria para desenvolver o proxecto educativo de persoas adultas ‘Escola de segunda oportunidade’ durante o curso 2025-2026. O acordo non supón achega económica municipal, senón que o Concello cede o uso das instalacións da Casa das Asociacións de Benestar Social e comprométese a apoiar a difusión do programa e a selección das persoas participantes, mentres que a entidade achega o seu voluntariado. O obxectivo principal da iniciativa é mellorar o nivel formativo de persoas adultas sen estudos básicos, dotándoas de habilidades de lectura, escritura e cálculo que lles permitan superar probas de competencias clave e avanzar na súa inclusión social e laboral.

RUEDA PIDE Á GORETTI ARRANXAR “CANTO ANTES” A SITUACIÓN

Así as cousas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a arranxar “canto antes” a situación dos bombeiros da capital galega, xa que o considera “o suficientemente grave como para aplicarse e dar unha solución o máis axiña posible”. En rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que este luns se celebrou na área de Goberno do Parlamento ao coincidir coa sesión plenaria sobre os orzamentos, o titular do Goberno galego, cuestionado polos medios sobre se cre que a rexedora compostelá debe dimitir, subliñou que “o que ten que facer” é arranxalo “canto antes”.

“É unha situación urxente que afecta a un servizo de emerxencias que vimos estes días como tivo que volver recorrer aos servizos da Deputación e da Xunta. Leva moitos días dicindo que o vai a solucionar, pero non se soluciona e remítese a reunións nas que teñen que pasar días“, lamentou. Así mesmo, insistiu en que se trata dunha situación o “suficientemente grave” como para dar unha solución “o máis axiña posible”, algo que, na súa opinión, “non se está producindo”.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

O PSdeG reclama ao goberno de Sanmartín que execute en 2026 a mellora do cruce de República Arxentina co Hórreo

O Grupo Municipal Socialista pediu ao executivo local que active canto antes os traballos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here