InicioPOLÍTICAO Goberno local licita a conexión de Lavacolla á rede de auga...

O Goberno local licita a conexión de Lavacolla á rede de auga e ratifica o convenio do vidro

Míriam Louzao fixo tamén balance dun mes da taxa turística e avanza o pago de horas extra en novembro

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local deste 3 de novembro aprobou varios acordos cun impacto directo nos servizos municipais de Santiago e a súa contorna. A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, explicou que se licita a redacción do proxecto para conectar ao sistema xeral de abastecemento municipal distintos núcleos da zona de Lavacolla, ao tempo que o Concello se adhire ao novo convenio marco 2025-2028 da Xunta de Galicia con Ecovidrio para a recollida selectiva de envases de vidro. Ademais, realizou un balance do primeiro mes de aplicación da taxa turística, respondeu ás dúbidas máis habituais do sector e avanzou o calendario para abonar as horas extra pendentes en Policía e Bombeiros. Por último, confirmou a convocatoria inminente dunha nova comisión sobre o ciclo da auga.

PROXECTO DE ABASTECEMENTO PARA A LAVACOLLA E PARROQUIAS PRÓXIMAS

O Goberno local autorizou o expediente para licitar a redacción do proxecto de conexión á rede xeral de auga no sector de Lavacolla, cun orzamento de 58.174,38 € (IVE incluído) e procedemento aberto simplificado. O ámbito abarca A Xión, Adarriba e Reboredo (parroquia de Enfesta) e Casais, Lavacolla, Praza, Xanxordo, Vilamaior, Neiro e Mourentán (parroquia da Sabugueira). Segundo expuxo Louzao, a configuración actual —con alimentación desde a rede do Concello de Boqueixón nas inmediacións do aeroporto— xera problemas de caudal e presión, o que dificulta o servizo en puntos elevados. O Pacto polo Rural incorporou esta actuación entre as prioritarias, xunto cos proxectos xa en tramitación para Sampaio e Xanxordo.
O contrato fixa un prazo total de 5 meses en tres fitos: 3 meses para o proxecto construtivo preliminar, 1 mes para o de tramitación tras validación do anterior e 1 mes para o proxecto final (ou por fases).

COLECTORES DE VIDRO: ADHESIÓN AO CONVENO 2025-2028

A Xunta de Goberno aprobou a adhesión ao convenio marco da Xunta con Ecovidrio (período 2025-2028) para a recollida, transporte e tratamento dos envases de vidro. Mantense o modelo xa vixente dende 2019 en Santiago: contedores tipo “iglú” na vía pública e recollida porta a porta no sector HORECA da cidade histórica. O sistema organízase e finánciase integramente por Ecovidrio, que tamén instala, limpa, mantén e repón os colectores. Preguntada sobre novidades, Louzao precisou que se trata dunha ratificación do esquema existente: “é ratificar o que hai”.

PRIMEIRO MES DE TAXA TURÍSTICA

Con case un mes de aplicación, Louzao sinalou que o balance da taxa turística é positivo: “non houbo tantas incidencias” como se prevía e “se camiña cara á normalidade“. As dúbidas máis habituais chegan dos establecementos sobre exencións e non suxeicións previstas na lei autonómica, así como sobre cuestións de prazos e tributación. O Concello centraliza as consultas en Turismo de Santiago, que dispón na portada da súa web dun documento de preguntas e respostas; tamén se remitiu unha carta ao sector para colocar un QR informativo nos accesos dos locais. Sobre a tributación indirecta aplicable ás cantidades recadadas, Louzao indicou que xa hai criterio de Facenda comunicado por escrito e dispoñible para consulta.
En canto á recaudación anual, non se ofreceu unha cifra pechada: o Concello agardará aos datos do INE de outubro para concretar estimacións baseadas nas pernoitas.

NEGOCIACIÓN DO PAGAMENTO DE HORAS EXTRA A POLICÍAS E BOMBEIROS

Sobre a situación en Policía Local e Servizo de Extinción de Incendios, Louzao confirmou unha xuntanza cos sindicatos ás 12:30 deste hoxe para fixar a orde do día e acalenderar a mesa de negociación. O Goberno reitera o compromiso de pagar as horas extra en novembro, aínda que o importe total supera o límite que obriga a acordo plenario para autorizar o pagamento: “hai o compromiso máximo do Goberno de facelo canto antes”. Ademais, admitiu que actualmente non se están cubrindo todas as necesidades vía horas extra, polo que o Concello explora vías legais para incrementar cadros de persoal e elevar ao máximo a taxa de reposición, co obxectivo de reducir a dependencia das horas extraordinarias.

CICLO DA AUGA

En relación co modelo de xestión do ciclo integral da auga, Louzao avanzou que se convocará en breve unha nova comisión municipal tras a sesión informativa inicial sobre o informe da Cátedra da Auga. O Executivo prevé unha comparecencia específica nos vindeiros días para explicar pormenorizadamente o contido e abrir a fase de decisións: “haberá unha comparecencia do Goberno nos próximos días para explicar pormenorizadamente este asunto”.

ÚLTIMAS

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

A Policía Nacional investiga a morte dunha muller ao caerlle enriba unha neveira no seu domicilio en Santiago

A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte dunha muller...

Os Bombeiros volven alertar da situación: Santiago respondeu con 9 bombeiros ao que Toledo afrontou con 20

A situación do servizo municipal de bombeiros volveu ao centro do debate en Santiago...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

O PSdeG reclama ao goberno de Sanmartín que execute en 2026 a mellora do cruce de República Arxentina co Hórreo

O Grupo Municipal Socialista pediu ao executivo local que active canto antes os traballos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here