InicioPOLÍTICABouza acusa á Xunta de "desprezar" o Parlamento e esixe sete millóns...

Bouza acusa á Xunta de “desprezar” o Parlamento e esixe sete millóns para Santiago nos orzamentos

Presentará nuna emenda para que se destine á Capitalidade polo menos sete millóns de euros

Publicado o

Xornal de Compostela

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago de Compostela, Aitor Bouza, criticou este venres o que cualificou de “desprezo absoluto” da Xunta de Galicia por anunciar medidas orzamentarias “sen presentalas previamente aos grupos con representación no Parlamento”.

En rolda de prensa, Bouza lamentou o inicio do que chamou “carrusel de anuncios informativos” por parte do Goberno galego antes de someter as contas ao debate parlamentario. “Rexeitamento absoluto ás formas do PP sobre un trámite tan importante como os orzamentos para o próximo ano”, afirmou o tamén parlamentario socialista.

En relación con Santiago de Compostela, mostrou a súa “incredulidade” ante o incremento de 400.000 euros na achega ao estatuto de capitalidade, que cualificou de “fogos artificiais”. “Co que vai estar destinado en 2026, non vai chegar ao que estaba orzado en 2009. Iso parécelle un orzamento decente ao PP e a Borja Verea, que é o que dá palmas con este tipo de cuestións?”, reprochou.

Bouza anunciou que o grupo socialista presentará unha emenda para elevar a contía destinada á capital galega ata, cando menos, sete millóns de euros, ao considerar que a cidade “segue a sufrir un desprezo continuado” por parte do Executivo autonómico.

Ademais, avanzou que o PSdeG reclamará outras actuacións prioritarias, como a mellora da Escola Oficial de Idiomas, o incremento da transferencia ao Consorcio de Santiago, a creación do centro de día de Fontiñas, o aparcadoiro do CHUS, o novo conservatorio de música e danza, así como investimentos en saneamento do rural, infraestruturas educativas e deportivas e vivenda pública.

“Xa desde o inicio do trámite parlamentario vimos cunha proposta seria e rigorosa, non ten ningunha tacha para que Borja Verea poida oporse a calquera destas cuestións, e se o fan terán que explicarllo aos veciños”, advertiu Bouza.

O dirixente socialista tamén expresou o seu escepticismo sobre a vontade da Xunta de atender estas peticións: “Oxalá sexa así, pero se non se repuxo en 16 anos a achega á capitalidade, agora non creo que cambie”. E concluíu que o PSdeG será “escrupuloso” en comprobar que os compromisos orzamentarios se materializan, porque, dixo, hai “moito anuncio e pouca realidade”.

ROZAS RECLAMA QUE A XUNTA CUMPRA O COMPROMISO CO ESTATUTO DA CAPITALIDADE

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica María Rozas, valorou este venres como un avance “benvido pero insuficiente” o anuncio de que a cidade recibirá 3 millóns de euros polo Estatuto de Capitalidade nos orzamentos da Xunta. Segundo indicou, esta decisión responde á “presión” mantida polo Concello, mais non cumpre co compromiso asumido polo presidente Alfonso Rueda de reunir o Consello de Capitalidade para determinar a contía axeitada.

Rozas lembrou que o goberno local elaborou un estudo económico que cifra en oito millóns de euros anuais o que Santiago debería percibir “por ser capital de Galicia”. “Entendemos que non se podía pasar desa cantidade de golpe e que debía haber unha progresividade, pero con subas tan pequenas seguimos moi lonxe do que é xusto”, afirmou.

A concelleira insistiu en que o Concello “seguirá reclamando” que a Xunta convoque o órgano de coordinación previsto para avaliar as necesidades reais da cidade e “fixar unha achega estable e suficiente”. “O presidente da Xunta comprometeuse a facer ese estudo e a cumprir a súa palabra, pero segue sen facelo”, engadiu.

Na mesma comparecencia, Rozas referiuse tamén á vertedura rexistrada no río Sar esta semana e ás críticas da Xunta sobre a xestión municipal. Explicou que, mentres se executan as obras da EDAR de Silvouta, é a empresa estatal Acuaes a responsable directa da xestión, e que o Concello contactou “desde o primeiro momento” tanto con Augas de Galicia como coa dirección da obra.

Adiantou, ademais, que nas próximas horas se reunirá a comisión de seguimento das obras, na que o executivo compostelán solicitou incluír un punto específico para analizar este incidente e “recibir toda a información técnica necesaria”. “Estamos a facer o seguimento e pedimos que se aclaren as causas e as medidas adoptadas”, concluíu.

O PP REIVINDICA QUE A ACHEGA POLA CAPITALIDADE MEDROU UN 25% EN DOUS ANOS

Así mesmo, a concelleira do Partido Popular en Santiago, Olaya Otero, replicou as críticas socialistas subliñando que “en dous anos con Borja Verea liderando a oposición, subiu máis o Estatuto da Capitalidade que nos últimos 15 anos con seis alcaldes e nove portavoces”.

Otero destacou que a contía “pasou de 2,4 a 3 millóns de euros, un incremento do 25 % e que medra sete veces máis que o propio orzamento da Xunta”. “É moito ou é pouco? Nunca será suficiente”, afirmou, “pero serán os cidadáns os que decidan quen está conseguindo cousas e quen está embarrando e instalándose na bronca inútil”.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Ames avanza na dixitalización do ciclo da auga coa execución do proxecto ‘Ames Dixital Water’

O Concello de Ames continúa avanzando na execución do proxecto estratéxico ‘Ames Dixital Water’,...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...