InicioPOLÍTICAO Goberno local acusa o PP de Santiago de “utilizar a persoas...

O Goberno local acusa o PP de Santiago de “utilizar a persoas vulnerables como arma partidista”, en relación á situación da Praza de Cervantes

A concelleira María Rozas reprocha aos populares un discurso “máis propio da extrema dereita” e defende a actuación municipal ante os casos de senfogarismo

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno local de Santiago manifestou este mércores o seu “máis firme rexeitamento” ao que considera unha “actitude inaceptable” do Partido Popular, despois da rolda de prensa ofrecida polo grupo municipal popular na praza de Cervantes sobre a situación de persoas sen fogar na cidade. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, afirmou que o PP “traspasou todos os límites ao poñer o foco nunha persoa en situación de vulnerabilidade e utilizala como arma partidaria”.

Rozas lamentou “a preocupante falta de escrúpulos” dos populares, aos que acusou de coñecer “todas as actuacións que se veñen levando a cabo” por parte do Concello e doutras administracións, incluíndo o ámbito xudicial. A responsable municipal lembrou que o viceportavoz do PP fora informado recentemente das medidas aplicadas polos Servizos Sociais municipais, que van “dende a atención en rúa ata o aloxamento en pensións e pisos de titularidade municipal”.

A tenenta de alcaldesa subliñou que se trata “dunha situación complexa”, sobre a que o Concello leva actuando “dende o seu inicio”, en coordinación con outras institucións e mantendo unha interlocución constante coa veciñanza e o comercio da zona afectada. Rozas advertiu, ademais, que o Goberno local “non pode ofrecer detalles” das actuacións en marcha “por respecto á Lei de Protección de Datos”, e acusou o PP de “bordear sen pudor” esa normativa.

A concelleira tamén denunciou que o discurso dos populares “vincula senfogarismo e delincuencia”, algo que cualificou de “lamentable” e “moi perigoso”, pois “alimentan prexuízos e teñen relación co aumento dos delitos de aporofobia, que medraron un 33% no ano 2024”.

No mesmo comunicado, María Rozas instou ao Partido Popular a “deixar a demagoxia e informarse mellor do que acontece no Pazo de Raxoi”, e recordou que xa está iniciado o procedemento de licitación do mobiliario do Centro de Atención ás Persoas sen Fogar de Belvís, cuxa primeira mesa de contratación se celebrará esta semana.

Rozas concluíu lembrando que “foi este Goberno o que retomou o proxecto do centro, despois de que no anterior mandato se intentase destinar a outros usos”, e defendeu que “o compromiso municipal coa atención ás persoas sen fogar está fóra de toda dúbida”. Engadiu que “a preocupación por estas persoas é real, e nunca caeremos tan baixo como fixo hoxe o Partido Popular”.

PROBLEMAS DE CONVIVENCIA NA PRAZA DE CERVANTES

A praza de Cervantes é un dos puntos onde se concentra o conflito polo senfogarismo en Santiago que denunciaba esta mañá o Partido Popular en rolda de prensa. Segundo explican veciños e comerciantes, un home de mediana idade vive dende hai meses nos soportais da praza, onde pasa gran parte do día espido e protagoniza episodios de comportamento incívico.

Entre as súas accións máis problemáticas, destacan as ameazas a comerciantes, ás veces advertindo que defecará diante dos seus locais, e o feito de realizar as súas necesidades na vía pública, deixando restos nas columnas de pedra e mesmo na fonte.

Esta situación, que se prolonga no tempo, xera malestar entre o vecindario e o tecido comercial, que reclaman unha solución efectiva por parte das administracións.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

Unha vintena de sindicalistas da CIG, UFT e CC.OO. concentráronse esta mañá de xoves...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here