A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, instou ao Concello de Santiago a entregar as parcelas municipais destinadas a vivenda protexida sen ningún tipo de condición. A resposta chega despois de que o Goberno local ofrecese á Xunta a cesión de dous terreos situados en A Muíña (UER5 do SUNP-5) e As Cancelas (PR4 do SUNP-4), con capacidade para 62 e 18 vivendas, respectivamente.
O executivo municipal, encabezado por Goretti Sanmartín, propón complementar esta cesión cun programa autonómico de investimento que inclúa a adquisición e rehabilitación de inmobles en aluguer social, co obxectivo de compensar a perda de patrimonio público da cidade.
A titular autonómica de Vivenda recoñeceu a disposición da Xunta a aceptar a cesión das parcelas, pero expresou a súa “sorpresa” pola existencia de condicións asociadas á proposta, entre elas a posibilidade dunha contraprestación económica ou patrimonial. “Todos os concellos que colaboran coa Xunta accederon á cesión de chans de forma gratuíta”, sinalou, citando casos como os da Coruña, Pontevedra, Ames, A Estrada, Lalín, Teo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, San Cibrao das Viñas e Narón.
Segundo o departamento autonómico, “ningún destes concellos suxeriu condicións nin contraprestacións”, xa que as vivendas construídas benefician directamente á veciñanza. “Son os cidadáns de Santiago os que se verían beneficiados, así que lle pedimos que recapacite”, engadiu a conselleira.
Martínez Allegue lembrou tamén que a Xunta está a tramitar novas cesións de solo noutros municipios galegos, como Arteixo, Bueu, Sanxenxo ou Baiona, igualmente sen condicións, e advertiu que “hai máis de ano e medio que se solicitou ao Concello de Santiago a cesión de chan sen que ata o momento se producise ningunha”.
O Goberno galego conclúe reclamando que o Concello modifique a súa postura e axilice o proceso de cesión, de xeito que as parcelas poidan destinarse canto antes á construción de vivendas de promoción pública, ao igual que xa se fixo noutros concellos galegos.

