InicioPOLÍTICAO Pleno insta a reforzar o control do contrato do lixo e...

O Pleno insta a reforzar o control do contrato do lixo e a esixir o seu cumprimento efectivo

A corporación aprobou por unanimidade unha proposición que obriga o Goberno local a exixir á concesionaria o respecto aos pregos e a traballar activamente nun control político constante do servizo, incorporando peticións de plan corrector con cronograma e seguimento público

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Corporación de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade unha proposición para intensificar a fiscalización do contrato de limpeza viaria e recollida do lixo e esixir o seu cumprimento estrito por parte da empresa concesionaria. A iniciativa, defendida polo Partido Popular, incorporou unha emenda in voce da concelleira do grupo de non adscritos, Mila Castro, para que o Concello “traballe activamente polo seu cumprimento garantindo un control político constante sobre a empresa”. Tanto PP como PSOE, BNG e a edil non adscrita confirmaron o voto a favor.

Na súa defensa, Adrián Villa (PP) sostivo que o servizo non está a dar os resultados esperados e reclamou responsabilidades ao Executivo municipal pola falta de supervisión. Enumerou queixas veciñais, apuntou a déficits de persoal e á chegada tardía de maquinaria comprometida, ademais de cuestionar o modelo de recollida e a xestión das illas soterradas. Para o portavoz popular, trátase dun contrato “por dez anos” e “o máis custoso” na cidade, polo que, dixo, “era de esperar a mellor prestación posible”.

Pola súa banda, Mila Castro avalou a proposición e subliñou que o investimento en servizos públicos non é un gasto caro se funciona ben. Reclamou, no entanto, control continuado sobre a concesionaria e lembrou que na anterior etapa municipal se puxeron en marcha auditorías periódicas. A emenda que propuxo —e que foi aceptada— engade a necesidade dun seguimento político constante, alén das sancións: “Non chega con penalizar; cómpre fiscalizar día a día”.

O PSOE, a través de Marta Abal, confirmou o voto favorable e pediu ir máis alá da mera exixencia formal: propuxo un plan de acción correctivo, con cronograma verificable para a incorporación de maquinaria, reposición de illas e cobertura de vacantes, xunto cun seguimento proactivo e información transparente á cidadanía sobre o grao de cumprimento. “O obxectivo non é engrosar expedientes sancionadores, senón que as rúas estean máis limpas”, afirmou.

No nome do Goberno local, o concelleiro de Medio Ambiente Xesús Domínguez (BNG) recoñeceu márxen de mellora no servizo e detallou as accións en marcha. Indicou que o Concello incoou un segundo expediente sancionador, actualmente na fase final de tramitación, e que existen auditorías mensuais e descontos na factura por incumprimentos. Entre as medidas citadas, salientou a renovación de illas soterradas54 das 100 previstas—, o reforzo do porta a porta para hostalaría e comercio no casco histórico, a implantación de colectores para aceite usado e a ampliación da compostaxe (máis de 1.700 composteiros individuais, 15 illas comunitarias e máis de 5.000 tarxetas para a fracción orgánica). Tamén anunciou campañas para evitar a deposición de bolsas fóra dos colectores, maior inspección e a retirada de puntos de acumulación no rural e na zona histórica en períodos de maior afluencia.

O debate deixou constancia de diagnósticos diferentes sobre as causas do mal funcionamento, pero tamén dun punto de encontro: reforzar o control municipal sobre a concesionaria e acometer melloras medibles. O acordo aprobado establece que o Goberno local esixirá o cumprimento do contrato e artellará un control político permanente, liña na que o PSOE pediu incorporar un plan corrector con prazos e indicadores e o BNG lembrou a existencia de sancións, auditorías e descontos xa aplicados.

En palabras de Marta Abal, “non chega con sancionar”, e segundo Mila Castro, “hai que fiscalizar a empresa con constancia”. O Goberno local, a través de Xesús Domínguez, comprometeuse a “seguir fiscalizando a empresa todo o que sexa necesario” e a “mellorar as prestacións para acadar unha cidade máis limpa”. Co voto unánime da corporación, o Pleno fixa agora un marco político compartido para enderezar a prestación do servizo e dar resposta ás demandas veciñais.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here