InicioPOLÍTICAO Pleno insta a reforzar o control do contrato do lixo e...

O Pleno insta a reforzar o control do contrato do lixo e a esixir o seu cumprimento efectivo

A corporación aprobou por unanimidade unha proposición que obriga o Goberno local a exixir á concesionaria o respecto aos pregos e a traballar activamente nun control político constante do servizo, incorporando peticións de plan corrector con cronograma e seguimento público

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A Corporación de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade unha proposición para intensificar a fiscalización do contrato de limpeza viaria e recollida do lixo e esixir o seu cumprimento estrito por parte da empresa concesionaria. A iniciativa, defendida polo Partido Popular, incorporou unha emenda in voce da concelleira do grupo de non adscritos, Mila Castro, para que o Concello “traballe activamente polo seu cumprimento garantindo un control político constante sobre a empresa”. Tanto PP como PSOE, BNG e a edil non adscrita confirmaron o voto a favor.

Na súa defensa, Adrián Villa (PP) sostivo que o servizo non está a dar os resultados esperados e reclamou responsabilidades ao Executivo municipal pola falta de supervisión. Enumerou queixas veciñais, apuntou a déficits de persoal e á chegada tardía de maquinaria comprometida, ademais de cuestionar o modelo de recollida e a xestión das illas soterradas. Para o portavoz popular, trátase dun contrato “por dez anos” e “o máis custoso” na cidade, polo que, dixo, “era de esperar a mellor prestación posible”.

Pola súa banda, Mila Castro avalou a proposición e subliñou que o investimento en servizos públicos non é un gasto caro se funciona ben. Reclamou, no entanto, control continuado sobre a concesionaria e lembrou que na anterior etapa municipal se puxeron en marcha auditorías periódicas. A emenda que propuxo —e que foi aceptada— engade a necesidade dun seguimento político constante, alén das sancións: “Non chega con penalizar; cómpre fiscalizar día a día”.

O PSOE, a través de Marta Abal, confirmou o voto favorable e pediu ir máis alá da mera exixencia formal: propuxo un plan de acción correctivo, con cronograma verificable para a incorporación de maquinaria, reposición de illas e cobertura de vacantes, xunto cun seguimento proactivo e información transparente á cidadanía sobre o grao de cumprimento. “O obxectivo non é engrosar expedientes sancionadores, senón que as rúas estean máis limpas”, afirmou.

No nome do Goberno local, o concelleiro de Medio Ambiente Xesús Domínguez (BNG) recoñeceu márxen de mellora no servizo e detallou as accións en marcha. Indicou que o Concello incoou un segundo expediente sancionador, actualmente na fase final de tramitación, e que existen auditorías mensuais e descontos na factura por incumprimentos. Entre as medidas citadas, salientou a renovación de illas soterradas —54 das 100 previstas—, o reforzo do porta a porta para hostalaría e comercio no casco histórico, a implantación de colectores para aceite usado e a ampliación da compostaxe (máis de 1.700 composteiros individuais, 15 illas comunitarias e máis de 5.000 tarxetas para a fracción orgánica). Tamén anunciou campañas para evitar a deposición de bolsas fóra dos colectores, maior inspección e a retirada de puntos de acumulación no rural e na zona histórica en períodos de maior afluencia.

O debate deixou constancia de diagnósticos diferentes sobre as causas do mal funcionamento, pero tamén dun punto de encontro: reforzar o control municipal sobre a concesionaria e acometer melloras medibles. O acordo aprobado establece que o Goberno local esixirá o cumprimento do contrato e artellará un control político permanente, liña na que o PSOE pediu incorporar un plan corrector con prazos e indicadores e o BNG lembrou a existencia de sancións, auditorías e descontos xa aplicados.

En palabras de Marta Abal, “non chega con sancionar”, e segundo Mila Castro, “hai que fiscalizar a empresa con constancia”. O Goberno local, a través de Xesús Domínguez, comprometeuse a “seguir fiscalizando a empresa todo o que sexa necesario” e a “mellorar as prestacións para acadar unha cidade máis limpa”. Co voto unánime da corporación, o Pleno fixa agora un marco político compartido para enderezar a prestación do servizo e dar resposta ás demandas veciñais.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Marta Álvarez reclama ao Concello de Santiago medidas ante os incendios nun baixo de Romero Donallo

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Marta Álvarez, reclamou ao Goberno municipal...

Pedro Blanco e o Ateneo de Santiago reclaman recuperar o liderado cultural e institucional de Compostela

O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reuniuse coa directiva do...

Borja Verea destaca as máis de 400 vivendas públicas da Xunta en Santiago e aposta por facilitar que os mozos poidan quedar na cidade

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o papel dos investimentos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here