O grupo municipal do Partido Popular de Santiago levará ao Pleno do xoves unha iniciativa para implantar unha exención parcial do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) destinada ás persoas residentes no Casco Histórico da cidade. O concelleiro José Antonio Constenla explicou que o obxectivo é aliviar a carga fiscal nunha das zonas máis restritivas e custosas para manter vivenda, ao estar declarada Patrimonio da Humanidade.
Segundo o edil popular, vivir no centro histórico implica sobrecustes de rehabilitación e conservación derivados das normas urbanísticas e patrimoniais. Un informe do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) estima que estes gastos adicionais poden situarse entre un 20% e un 30% respecto a outras áreas da cidade.
Ademais, Constenla subliñou que moitas destas vivendas, malia a súa antigüidade e o seu estado deficiente, teñen valoracións catastrais elevadas pola súa situación e características urbanísticas, o que deriva nunha maior presión fiscal.
A proposta do PP contempla unha bonificación do IBI de entre o 20% e o 25%, modulada segundo a antigüidade do inmoble, o grao de rehabilitación necesario e a situación económica da persoa propietaria. “Non se trata dunha medida populista, senón dunha proposta razoable, equitativa e responsable”, afirmou Constenla, quen incidiu en que a iniciativa busca favorecer a conservación do patrimonio, apoiar a veciñanza que decide vivir nesta zona e fomentar a súa revitalización.
O concelleiro concluíu sinalando que a proposta pretende reafirmar o compromiso co patrimonio histórico e coas familias compostelás que manteñen activo o centro da cidade.

