InicioPOLÍTICABorja Verea asegura que se chega a ser alcalde en 2027 retomará...

Borja Verea asegura que se chega a ser alcalde en 2027 retomará e ampliará o proxecto da senda verde

O portavoz popular reafirmou a súa intención de completar a infraestrutura verde se chega á alcaldía e acusa ao goberno local de expulsar os veciños do casco histórico

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Borja Verea, portavoz do Partido Popular de Santiago, foi entrevistado este xoves no programa Voces de Compostela, en RadioVoz, onde asegurou que se chega á alcaldía en 2027 retomará e ampliará o proxecto da senda verde, unha infraestrutura que considera clave para a mobilidade sostible e a transformación da cidade. Segundo explicou, o primeiro trazado do proxecto xa contaba cos informes favorables de Patrimonio e foi rexeitado polo tripartito actual. A solución alternativa impulsada posteriormente tamén conta con advertencias técnicas, mais para Verea “son informes traballables e solucionables”.

Na súa intervención, o popular acusou directamente a Compostela Aberta, BNG e PSOE de non querer que esta infraestrutura se faga realidade e insistiu en que a súa proposta non é “un carril bici parche”, senón un “itinerario verde continuo, seguro, separado do tráfico e accesible para persoas con mobilidade reducida”.

Sobre a situación actual da obra, afirmou que está en suspenso tras o último comunicado da Xunta, que decidiu redirixir os fondos dispoñibles a outros usos por razóns de execución orzamentaria. Con todo, Verea comprometeuse a recuperar o proxecto completo, incluído o treito entre o miradoiro e San Caetano, e destacou que “a senda verde é un símbolo do futuro que queremos para Compostela”.

O portavoz popular referiuse tamén á política municipal de rehabilitación de vivenda no casco histórico, criticando duramente o mecanismo de venda forzosa de inmobles en ruínas incluídos no Rexistro de Soares. Para Verea, esta medida supón unha “expropiación indirecta” que “arruina os pequenos propietarios” e favorece a especulación, xa que só “millonarios con alta capacidade económica” poderían participar nas subastas e acometer as obras. Propuxo como alternativa unha reforma da normativa vixente para facilitar a rehabilitación sen expulsar os residentes do centro.

Tamén se mostrou crítico coa ordenanza da taxa turística, aprobada recentemente sen o apoio do PP. Explicou que o seu grupo fixo tres preguntas básicas no pleno que quedaron sen resposta: se a administración local está preparada para xestionar a taxa, cal será a súa finalidade concreta e se existe coordinación co sector hoteleiro, encargado de realizar a primeira xestión dos cobros. Afirmou que “a boa gobernanza” require traballar cos profesionais implicados e saber exactamente a onde se van destinar os 2,5 millóns de euros previstos nos orzamentos.

Preguntado polo caso Desproi, que afecta á concelleira socialista Mila Castro, evitou valorar en profundidade mentres dure o proceso xudicial, pero subliñou que a petición de imputación formulada desde o propio goberno local amosa, ao seu xuízo, unha fractura interna entre socios do tripartito, e vinculou esta situación cun intento político do BNG de erosionar ao PSOE.

Por último, sobre a situación dos catro exedís socialistas que agora forman parte do grupo de non adscritos, Verea considerou que se trata dun “circo político” e responsabilizou directamente á alcaldesa Goretti Sanmartín de propiciar “un goberno a toda costa a pesar de contar só con seis concelleiros”. Rexeitou pronunciarse sobre se deben dispoñer de espazos de traballo propios no Pazo de Raxoi e afirmou que “non imos entrar a valorar nin quen merece unha mesa ou unha cadeira”.

O popular confirmou que asistirá ao Banquete de Conxo previsto para os vindeiros días, “salvo imprevistos”, asegurando que estará “cos veciños, que é onde teño que estar”.

ÚLTIMAS

Santiago celebra 40 anos como Patrimonio da Humanidade e redefine os seus retos de futuro

Santiago de Compostela celebrou este venres o 40º aniversario da súa declaración como Patrimonio...

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

O PSdeG reclama ao goberno de Sanmartín que execute en 2026 a mellora do cruce de República Arxentina co Hórreo

O Grupo Municipal Socialista pediu ao executivo local que active canto antes os traballos...

UCIN Galicia inicia unha ronda de contactos en Santiago e prepara unha mobilización cidadá

UCIN Galicia abriu en Compostela un proceso de encontros con colectivos da cidade co...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here