Que tal foron os primeiros 10 meses de traballo en Compostela?
Pois a verdade é que creo que facemos unha avaliación moi positiva. Houbo moitas cousas que facer a nivel interno. Estamos cunha reestruturación interna que permita facer que se axilice máis todo. Esas son cuestións que non se ven, pero que son moi importantes internamente.
Dicía o presidente da Xunta que el o que quería era ter un goberno estable cuns orzamentos estables. Coincides con el en que o máis importante dun goberno son os orzamentos?
É que dende logo se non tes orzamentos non podes desenvolver a túa política. Evidentemente, cando se fala con asociacións veciñais, cando vén algún colectivo… Sempre din: é que non fixestes isto! Claro, estabamos cos orzamentos de 2023, que ademais estaban prorrogados de 2022. Nuns orzamentos prorrogados xa non hai investimentos, xa non hai melloras… Non hai marxe practicamente para facer nada.
Por iso todo o traballo interno que estamos facendo é un traballo invisible, pero vai mudar e transformar este Concello.
Un tema importante en Santiago é o turismo. É o unha das prioridades deste goberno e como se pode encarar? Unha das propostas sabemos que é a taxa turística. Hai problemas con ela? Como se ve isto de cara aos vindeiros meses?
Nós temos claro como goberno que queremos camiñar cara un novo modelo turístico, máis baseado na calidade, na desestacionalización e en que a xente que veña pase máis tempo. Non esa xente que ao final é excursionista, dá dúas voltas ao redor da catedral e marcha, senón outro tipo de turismo diferente.
Temos tamén que priorizar a veciñanza, que é quen está aquí. Hai que garantir o dereito ao descanso da veciñanza, o dereito de circulación… Eses son os elementos fundamentais. Se temos unha cidade que é un lugar onde non haxa veciñanza e haxa moito abandono, cunha substitución dos comercios tradicionais, non temos un bo modelo.
Para iso, un dos elementos fundamentais é a taxa turística. Eu creo que non hai resistencias á taxa turística ou son mínimas. Por parte do Partido Popular, segundo a min me trasladaron, eles están en condicións de pensalo. Imaxino que van cumprir con este criterio.
Eu espero que cando Rueda comece esta nova etapa ese tema e se desatasque. Creo que o PP é consciente nestes momentos de que a maioría da poboación quere a taxa turística e é o camiño polo que van todas as cidades europeas.
Dende o Concello faise unha solicitude para declarar en Santiago zonas de mercado residencial tensionado. Como se vencella a vivenda co turismo en Compostela?
O fundamental é que haxa un parque de titularidade municipal de vivenda pública, que sexa asequible ao conxunto da poboación, fundamentalmente á xente máis nova e ao estudantado, así como aos colectivos máis vulnerables como as familias.
Nós apostamos por unha política que vaia cara a rehabilitar e recuperar o parque de vivendas xa existente fronte a facer vivenda nova.
Eu creo que se conseguimos soamente recuperar xente na cidade histórica, xa ten sentido. A xente quere facer turismo en sitios que teñan esencia e que teñan identidade.
Para nós sería magnífico que a xente quixese vir a Santiago porque saben que vai haber, por exemplo, un concerto da Filharmonía ou unha obra de teatro estupenda… Que veñan porque quere ir a unha aldea que descoñece ou ver un patrimonio e dar camiñadas polas zonas verdes de Santiago. Que veñan realmente a empaparse de Santiago e ver a súa identidade, fronte a dar dúas voltas sempre ás mesmas rúas.
Todo iso está relacionado con que haxa xente que viva aquí. A Xunta de Galicia ten o terreo de Xoán XXIII onde estaba previsto que houbese vivendas para a mocidade en réxime de algueiro e non as quere facer. Para nós é fundamental sobre todo non perder espazos na cidade histórica para a vivenda.
Hai moitos casos de vivendas rehabilitadas e convertidas en pisos turísticos. Estase regulando iso?
Hai unha modificación, como é sabido, do PXOM e da ordenación municipal, feita na última etapa do PSOE, que eu creo que vai dar os seus resultados conforme vaia avanzando o tempo. Nestes momentos existe unha regulación ademais que limita o que son as vivendas de uso turístico en determinadas condicións. Estas vivendas non poden existir en toda a cidade histórica.
Cada vez que hai algunha cuestión que ten que ver con algún lugar ou espazo que non cumpra a normativa, envíase o expediente para que se saiba.
Santiago é patrimonio máis aló da Catedral ou o casco histórico. Que propón entón o Concello para visitar esta cidade sen que sexa só vir á Catedral ou co gallo do Camiño de Santiago?
Nós estamos apostando por un turismo de calidade e por promocionar moitos elementos do propio Concello que a xente descoñece. Pode ser dende dar un paseo ata as aforas da cidade e ver o Castelo da Rocha, ata facer a ruta dos montes ou turismo verde. Santiago ten un rural extensísimo, con lavadoiros, fontes, muíños… Temos que apoiar e recuperar e facer que moita xente coñeza esa riqueza cultural. E, sobre todo, eu insisto en que teñen que vir e ver como somos, como vivimos e que facemos.
Para iso hai que cambiar a concepción turística que ten a Xunta.
Si, evidentemente. O modelo do Xacobeo, primando única e exclusivamente o Camiño, non funciona. Non é o modelo polo que nós queremos apostar.
Temos un plan de sustentabilidade turística que está traballando nos fluxos, como se moven pola cidade e que se pode facer para modificalos. Con ese plan, onde ademais están o Estado, a Xunta e o propio Concello, vanse tomar medidas que vaian nesa liña. Eu creo que todo o mundo é consciente de que as políticas turísticas e os modelos non se reverten en prazos moi pequenos e curtos de tempo.
No ámbito de mobilidade na cidade, como vai ser ese novo autobús urbano do que falou o Concello ou como se pretende que vaia ser?
É un contrato moi novidoso onde melloramos o estado actual das liñas e dos autobuses e tamén o propio contrato que deixara deseñado o PSOE na etapa anterior. En principio nós o que imos facer é reducir as liñas, pero que teñan máis frecuencias. Tamén faremos melloras, incluíndo autobuses nocturnos de mércores a sábado, que van durar das 23:00 ás 05:00 e potenciar tamén que haxa liñas alimentadoras do rural.
Farémolo ademais con autobuses novos, adaptados e que permitan que persoas con discapacidade poidan realmente usalos. Hai moitas queixas tamén polas aplicacións de móbil. A nosa idea é cambiar as prioridades da mobilidade neste concello.
Outro tema en canto a mobilidade é a bicicleta. Despois de varios alcaldes non dá chegado a bicicleta a Santiago…
Nós estamos traballando nun plan de préstamo de bicicletas. Estamos falando tamén coa Universidade para saber cales son as necesidades e a posible experiencia e aprender dela. Nós estamos dende a Concellería de Mobilidade traballando nun plan de préstamo de bicicletas que poida servir para o que nós cremos que é mellor. Non tanto facer carrís bici, que tamén, senón ir camiñando paulatinamente a educar. Esta cidade non está moi educada para iso. Hai moito coche que considera que ese é o seu sitio.
Cremos que experiencias piloto como esta da USC na que nós participamos poñendo bicicletas pode ser un primeiro paso. É distinto facer unha experiencia que vai para a comunidade universitaria, que é unha comunidade moi restrinxida, a facer un préstamo dese tipo dentro do conxunto do Concello.
Sobre o asunto dos aparcadoiros imaxino que se busca de novo un equilibrio entre residentes e visitantes. Aquí entran en debate os parkings, a zona ORA e concretamente todo o debate que existe arredor de Santa Marta.
Primeiro, a nivel de aparcadoiros, agora vai haber algún momento diferente. A concesión do parking da Praza de Galicia caduca no 2025 e o noso compromiso é entón recuperalo para o público. Iso xa significa un aparcamento a outros custos. O problema moitas veces non é que non haxa prazas de aparcamento, senón que as que hai son moi caras.
Concretamente no que respecta á contorna do CHUS, nós o que fixemos foi poñer a ORA e habilitar un espazo á beira do CiMUS, onde vai haber 150 prazas de maneira provisional. Isto é unha alternativa mentres están as obras dentro da parcela do CHUS.
Nós entendemos que é a Xunta de Galicia quen ten que dotar todo este espazo dun aparcamento, porque quen o utiliza fundamentalmente son os traballadores e xente que vén dunha amplísima área sanitaria que colle moitos máis concellos que Santiago.
O CHUS é un tema importante porque hai problemas graves, non só de aparcamentos, senón de atención hospitalaria. A este respecto, que considera o Concello que ten que ter a sanidade nesta cidade? Hai moitas protestas continuas da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, con continuos atrasos e enormes listaxes de agarda para intervencións importantes.
No conxunto da corporación aprobáronse moitas veces, xa non neste mandato, senón no mandato anterior por maioría, cal é a nosa visión do que está a pasar na cidade. Fixemos denuncias a respecto da falta de pediatras, horarios inconciliables dos pais e nais… Puxemos enriba da mesa tamén os problemas de listas de agarda ou de problemas de aprazamentos de revisións de importancia, así como a necesidade de centros de saúde novos. Aquí é necesario un centro de saúde en Conxo que complemente ao centro de Galeras, que ademais estaba comprometido, pero que nestes momentos parece que a Xunta non quere realizar.
Como se pode mellorar dende o Concello a oferta cultural de Compostela?
Estase facendo un traballo moi importante e unha aposta moi grande dende o Auditorio de Galicia en todo o que ten que ver con política dirixida ás crianzas e á xente nova, con variedade de espectáculos e unha combinación clara que aposte pola calidade artística local e galega e traer a figuras de referencia de fóra.
Eu creo que ese é un elemento, pero sobre todo o que ten que mudar é o que está na nosa estratexia e no noso ADN: concibir a cultura como un dereito. A cultura é que a xente se sinta partícipe dela. Esa é a cuestión fundamental.
Santiago de Compostela é un lugar vivísimo de cultura onde hai unha industria cultural moi potente e o que temos que facer é apoiar as súas propostas.
Cales son as intencións que ten o goberno para a Casa da Xuventude e que se quere facer con ese edificio?
O que é a proposta do BNG a ese respecto está clara. Nós fixemos unha proposta que defendemos durante a campaña electoral. A nosa proposta era facer alí un corredor aberto a Belvís derrubando a Casa da Xuventude e que quedase unha praza cuberta que permitise tamén almacenar cousas, cunha sala polivalente que lle dese cabida ao que queiran utilizar determinados colectivos ou poder facer actos aí.
Un uso semellante ao que tivo no pasado, pero que ao mesmo tempo permitise recuperar ese regato do cancelón que está tapado e renaturalizar espazos. Nós apostamos dende unha perspectiva urbanística pola renaturalización dos espazos e porque o verde e a auga teñen que estar á vista.
Dentro do colectivo LGTBIQ+ hai moito enfrontamento dentro da política. Como persoa que está involucrada co colectivo, como te sitúas nese sentido?
Eu sitúome claramente como defensora dos dereitos LGTBIQ+. Eses son dereitos fundamentais. E tamén coa necesaria procura de aliados entre o feminismo, o movemento trans e o movemento LGTBIQ+, considerando que todo debe formar parte dun mesmo combate, un combate contra o patriarcado e contra a imposición de determinados modelos, nos que rexen as relacións de dominicación entre os seres humanos.
Iso é o que defende tamén o BNG de maneira clara e nós imos traballar nesa liña. Concretamente existe unha proposta no programa electoral que nós imos levar a cabo, que é que haxa un servizo de asesoramento LGTBIQ+, para que Santiago sexa unha cidade amigable coas persoas do colectivo e que ninguén se sinta que non está nun espazo seguro en Compostela.
E de ser así ou pasar algo nesa liña, que teña un recurso municipal e público ao que poder acudir.
Que actuacións existen no Concello cara a normalización lingüística?
Nós decidimos que a normalización lingüística ten que ser algo transversal, por iso xustamente collín eu as competencias dende a alcaldía coa intención de que todo o que teña que ver con lingua ten que estar en todos os ámbitos, así que polo tanto é fundamental que se garanta o dereito a usar o galego en todo o que teña que ver co Concello, tanto directamente como coas súas concesionarias, onde algunha vez houbo algún pequeno problema.
Impúlsanse tamén campañas de normalización naqueles ámbitos onde se vexa que pode haber potencialidade e sobre todo no que se relacione coa xente nova. E por iso de maneira moi especial imos facer un esforzo no ámbito deportivo e en todo o que teña que ver cunha política lingüística dirixida á rapazada máis nova.
Fuches a primeira muller alcaldesa e nacionalista desta cidade. Que esperamos da Goretti alcaldesa durante estes polo menos tres anos que nos restan?
O que esperamos é traballo, entrega, procura de consensos dentro da propia corporación, colaboración con outras administracións, unha liña clara e un horizonte no máis importante.
Isto é, mellorar a calidade de vida de santiagueses e santiaguesas a través dos servizos públicos. De aí a importancia de temas como o transporte ou o Servizo de Asistencia no Fogar, das instalacións deportivas, equipamentos e instalacións culturais, das actividades de conciliación e do mundo educativo. Eu creo que esa é a liña fundamental. Mellorar mellorando os servizos públicos que ofrece o Concello de Santiago.
E facelo dende a perspectiva da sustentabilidade. Gustaríame tamén ser lembrada como a alcaldesa que prantou árbores. No sentido físico real, porque precisamos árbores para loitar contra o cambio climático e para convertir cidades verdes de verdade, pero tamén nun sentido de ir cara unha cidade máis humana, máis naturalizada, máis ecolóxica e máis sustentable.