InicioPOLÍTICAO grupo municipal do PSdeG avala a Muíños como voceiro municipal e...

O grupo municipal do PSdeG avala a Muíños como voceiro municipal e non a Sindo Guinarte

Gonzalo Muíños recorrerá a suspensión de militancia de 18 meses imposta polo PSOE

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista de Santiago acordou “por maioría” reafirmar a súa confianza en Gonzalo Muíños para continuar como portavoz, despois de que este venres o partido decidise suspendelo de militancia durante un período de 18 meses por “indisciplina reiterada” e a executiva local comunicase que o concelleiro Gumersindo Guinarte será o próximo portavoz do PSOE no Pazo de Raxoi.

Tal e como trasladou nun comunicado, o Grupo Municipal, reunido na tarde deste venres tras coñecerse a resolución relativa ao expediente a Muíños, “ratifica que a situación e composición do Grupo Municipal Socialista non varía”, unha vez informados de que o portavoz interporá recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías dentro do prazo outorgado pola Comisión Executiva Federal do PSOE nesta resolución” que, insiste, “non é firme”.

En segundo lugar, o Grupo sinala que reafirma a confianza en Gonzalo Muíños para a súa continuidade no cargo de portavoz municipal, ante a resolución da comisión executiva municipal coa proposta de Gumersindo Guinarte para o cargo.

Unha unidade do grupo municipal que volve facer frente aos intereses do líder local, Aitor Borza, quen minutos antes comunicara a eleción do tamén edil Sindo Guinarte para facerse co control do grupo municipal.

RECURSO

Con todo, Gonzalo Muíños, anunciou que recorrerá a decisión do PSOE de suspendelo de militancia e cargo público durante 18 meses por “indisciplina reiterada”, segundo a resolución do expediente disciplinario coñecida este venres.

Nun comunicado, Muíños asegurou que tomará esta medida ante a Comisión Federal de Ética e Garantías, amparándose nos estatutos do partido, e destacou que seguirá defendendo a súa actuación como portavoz. ‘Sempre respectei os ideais socialistas e traballei polo interese xeral de Santiago, priorizando os compromisos adquiridos coa cidadanía’, declarou.

Muíños lamentou que a resolución lle fose comunicada inicialmente a través dos medios de comunicación, o que cualificou como un procedemento ‘sorprendente e decepcionante’. ‘Entereime pola prensa mentres estaba realizando unha visita a un barrio de Santiago’, explicou, engadindo que este feito reflicte, na súa opinión, unha mala xestión do proceso.

Tamén sinalou que a sanción responde a un intento da executiva local de suplantar o papel do grupo municipal socialista e excluílo do debate público na cidade. ‘Manterei a discreción ata agora, pero explicarei a situación se é necesario’, afirmou.

RESOLUCIÓN DO PSOE

Segundo o partido, o expediente atribúe a Muíños dez incumprimentos da normativa interna, entre eles, obstruír o labor dos órganos do partido e non acatar as directrices aprobadas pola dirección. Estes feitos derivaron nunha suspensión que o PSOE cualifica como proporcional á gravidade das faltas recoñecidas.

Unha das accións que motivaron a sanción foi o voto do grupo municipal socialista a favor dunha ordenanza sobre vivendas de uso turístico (VUT), contrario ás indicacións da dirección local, no pleno do pasado 24 de xuño. Ademais, a resolución menciona a negativa de Muíños a executar o cesamento de dous asesores do grupo, tal e como ordenara a executiva local.

Muíños afirmou que convocará unha reunión co grupo municipal para abordar a nova situación, reiterando que a decisión sobre a portavocía corresponde aos membros do grupo e non á executiva local. Subliñou que seguirá leal ao programa electoral e ao servizo da veciñanza de Santiago ata o final do mandato.

Mentres tanto, a dirección local do PSOE prevé reunir os restantes concelleiros socialistas para decidir quen ocupará a portavocía durante o período de suspensión de Muíños. A resolución apunta que este cambio debe respectar o regulamento interno do partido.

REACCIÓNS DO GOBERNO LOCAL

A portavoz do goberno local, Míriam Louzao, limitouse a indicar que o executivo municipal mantén unha relación de respecto e normalidade co resto dos grupos e que non interfere nas cuestións internas doutras formacións políticas. ‘As nosas prioridades seguen sendo o interese da cidade e do Concello’, concluíu.

BUGALLO E O ALCALDE DE AMES AMOSAN O SEU APOIO A MUÍÑOS

O exalcalde socialista de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o alcalde do veciño municipio de Ames, Blas García, (tamén do PSOE) mostraron o seu apoio ao ata agora portavoz municipal na capital galega, Gonzalo Muíños, tras ser suspendido durante un período de 18 meses por “indisciplina reiterada”, tal e como sinala a resolución do expediente disciplinario aberto pola formación.

Nunha mensaxe en redes sociais, Sánchez Bugallo quixo mostrar a súa “tristeza e desgusto” ante a resolución do expediente aberto ao portavoz municipal. Para o exrexedor compostelán, esta decisión “non resolve o conflito”, senón que “o eleva de categoría”. “Estou convencido de que defrauda á maioría dos electores que mantiveron a confianza en nós no 2023”, afirma. Así, Bugallo mostrou o seu apoio a Gonzalo Muíños, “unha persoa dedicada ás súas responsabilidades e querida polas veciñas e veciños de Santiago.

Nesta mesma mensaxe, o que fóra alcalde de Santiago en dous períodos diferente sinala, do mesmo xeito que o rexedor de Ames, que “este camiño” non os leva “a recuperar a confianza dos electores”. “Só podo dicir que así non se gañan eleccións, todo o contrario”, aseverou na rede social ‘X’ Blas García, que tamén defendeu que Muíños “demostrou durante o tempo como concelleiro o seu compromiso co partido e coa cidade”.

ÚLTIMAS

Goretti prevé para a semana que vén a celebración do pleno polos edís expulsados do PSOE

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, estimou este luns que "o máis probable" é que...

TAIBO presenta un tributo ao compositor compostelán Luis Taibo en Santiago

O proxecto TAIBO, un evento único que reunirá a tres prestixiosos pianistas galegos como...

Conxo, protagonista do mes de maio: celebra o aniversario da anexión e o seu tradicional ‘Banquete’

O Concello de Santiago celebra en maio o centenario da anexión de Conxo ao...

(VÍDEO) As Tanxugueiras volverán ser cabeza de cartel nas Festas da Ascensión cunha actuación na Praza da Quintana

A concelleira de Festas de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro, anunciou a actuación das...

Goretti prevé para a semana que vén a celebración do pleno polos edís expulsados do PSOE

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, estimou este luns que "o máis probable" é que...

O PP solicita explicacións e reparación inmediata do ascensor de Triacastela

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, demanda a reparación urxente do...

O PP de Santiago critica a situación dos contratos dos centros socioculturais e pide a dimisión de Xan Duro

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, expresou de...