InicioPOLÍTICASanmartín defende a súa xestión en Compostela mentres a oposición demanda maior...

Sanmartín defende a súa xestión en Compostela mentres a oposición demanda maior diálogo

A alcaldesa destaca os avances sociais e de sustentabilidade no debate sobre o estado do municipio

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, realizou un balance da súa xestión no pleno extraordinario do debate sobre o estado do municipio, no que destacou os avances sociais, a sustentabilidade e os cambios estruturais realizados durante o seu mandato. A rexedora subliñou que a súa xestión está marcada por unha aposta por “reformas de calado” e non por políticas “cosméticas”, mentres que a oposición, liderada polo PSOE e o PP, pediu máis diálogo e autocrítica.

Sanmartín sinalou que o goberno local centrou os seus esforzos en proxectos como o programa ‘Entre Sar e Sarela’, o Ecobosque de Conxo e a implantación de medidas como a taxa turística ou a creación dunha cociña central para os centros escolares. Tamén destacou a redución no prazo medio de pago a provedores, que quedou en 42 días a finais de 2024, así como unha diminución da débeda municipal.

Ademais, fixo referencia á colaboración con outras institucións, como o acordo marco coa USC e coa Xunta para o aparcadoiro do Hospital Clínico, e a cooperación coa Deputación da Coruña en proxectos como a Vía Verde ou a rehabilitación do Estadio Vero Boquete.

María Rozas, tenente de alcaldesa e representante de Compostela Aberta, cualificou 2024 como “o ano do social”, destacando o aumento de beneficiarios de servizos sociais, o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a posta en marcha dun Centro Integral para persoas sen fogar. Rozas anunciou tamén un investimento de tres millóns de euros para un amplo programa de formación para o emprego nos próximos anos.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O portavoz socialista, Gonzalo Muíños, eloxiou a cooperación co goberno local na aprobación de proxectos como a ordenanza das vivendas turísticas, pero reclamou un maior diálogo coa oposición e a cidadanía. Muíños tamén acusou ao executivo municipal de “falta de autocrítica” e de basear os seus logros na finalización de proxectos iniciados polo anterior goberno socialista.

Pola súa banda, o portavoz popular, Borja Verea, cuestionou os avances logrados en Santiago nos últimos 10 anos baixo gobernos de BNG, Compostela Aberta e PSOE. Reivindicou o PP como unha “forza de cambio” que busca devolver a Compostela a súa “enerxía” nas próximas eleccións.

O pleno rexistrou momentos de tensión, como as queixas da portavoz do BNG, Míriam Louzao, polos comentarios dos edís populares durante o debate, ou a entrega simbólica dunha pelota antiestrés ao PP para “canalizar a frustración”. Ademais, os populares pediron a retirada dunha palabra das actas por considerala inapropiada.

Sanmartín, na súa última intervención, agradeceu ao PSOE a súa “altura de miras” e recoñeceu que Santiago afronta “problemas estruturais graves” que precisan “medidas de fondo” para avanzar cara a un modelo de cidade máis sostible e inclusivo.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Ames avanza na dixitalización do ciclo da auga coa execución do proxecto ‘Ames Dixital Water’

O Concello de Ames continúa avanzando na execución do proxecto estratéxico ‘Ames Dixital Water’,...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou,...

O PSdeG anuncia unha interpelación no pleno de xaneiro pola situación dos Centros Socioculturais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno do mes de xaneiro unha...